Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026

Cangas festexa o seu pulo cultural como camiño de futuro e que crea comunidade

O Auditorio Xosé Manuel Pazos, ateigado de público, acolleu á entrega dos premios Ignacio Cerviño e Xohan de Cangas á Asociación Mar da Pedra, á artista Rosa Neutro e á directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas, María Jesús Torres

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

O mar, as artes plásticas e a música. E por suposto a lingua. Esa lingua que nos fai «singulares e universais», como dicía o escritor Xosé Manuel González «Oli», na súa presentación da Festa da Cultura de Cangas, que se celebrou este domingo nun ateigado Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela coincidindo co Día das Letras Galegas. Estes foron os eixes que se recoñeceron este ano cos Premios Ignacio Cerviño e Xohan de Cangas e que distinguen o traballo no eido da recuperación do patrimonio, na creación artística ou literaria e á labor cultural. Uns galardóns que este ano personalizáronse na Asociación Mar da Pedra de Amigas das Gamelas, na artista Rosa Neutro e na directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas, María Jesús Torres. Unha festa que foi unha reivindicación da cultura como algo vivo, que ten que ser coidada e compartida para transmitila ás xeracións que veñen detrás e para «construír espazos para novas voces», como dicía a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, no peche do acto.

A concelleira Aurora Prieto entrega aos representantes da Asociación Mar da Pedra o Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio.

A concelleira Aurora Prieto entrega aos representantes da Asociación Mar da Pedra o Premio Ignacio Cerviño á Recuperación do Patrimonio. / Gonzalo Núñez 

Esta festa serviu para mostrar o intenso pulo cultural da vila, representado por quenes recolleron os galardóns deste anos e polos artistas e grupos que actuaron ao longo da velada: o pianista Xan Campos, o coro e orquestra do Conservatorio e Escola de Música, a música e baile tradicional de Lembranzas da Ría e Banda de Gaitas Tromentelo e o Coro San Xosé. Tamén houbo lembranzas para quenes xa non están aquí, nomeadamente Henrique Harguindey, José Menduíña (fundador de Lembranzas da Ría) e o Ghaiteiriño de Aldán. Tamén para eses creadores e creadoras cos que nos cruzamos cada día pola rúa e que veñen de publicar un libro, de rodar unha película, de gravar un disco ou de traballar en calquera disciplina artística. E por suposto a Begoña Caamaño, a figura homenaxeada este ano nas Letras Galegas. «Hoxe estamos aquí para celebrar, pero tamén para agradecer a quen crea, conserva, transmite, investiga, canta, escribe, baila e a quen coida do noso patrimonio», destacaba Xiana Abal, na súa primeira intervención nesta cita como concelleira de Cultura de Cangas.

O pianista Xan Campos e o coro e orquestra do Conservatorio e Escola de Música amenizan a Festa da Cultura de Cangas.

Gonzalo Núñez / David García / Edgar Melchor

Unha festa que tamén sirve para deterse un momento, ver ao noso redor e reflexionar. Porque esa é unha das misións da arte. A artista Rosa Fernández Camaño «Rosa Neutro» –Premio Xohan de Cangas á Creación Artística– lamentou a «precarización» das artes plásticas e que a xente «está perdendo a capacidade de reflexionar, de pararse a contemplar a liña do horizonte e unha obra de arte». O seu foi un discurso que puso especial acento nos coidados, eses apoios tanto da xente que está como especialmente da que xa non está, e que permiten que un artista poda crear e traballar. Un discurso emocionado no que se lembrou da súa nai, da súa irmán e de toda a rede de apoio que a rodea.

A artista Rosa María Fernández Camaño "Rosa Neutro" recibiu o Premio Xohan de Cangas á Creación Artística de mans da concelleira de Cultura, Xiana Abal.

A artista Rosa María Fernández Camaño "Rosa Neutro" recibiu o Premio Xohan de Cangas á Creación Artística de mans da concelleira de Cultura, Xiana Abal. / Santos Álvarez

Esta Festa da Cultura de Cangas recolle o nome do mestre escultor Ignacio Cerviño para poñer en valor a recuperación do patrimonio, un recoñecemento que este ano foi para Asociación Mar da Pedra e que recolleron Antón Lima e Antonio Portas de mans da concelleira Aurora Prieto. Un colectivo que, como dicía Lima, naceu para recordar o que debera ser evidente pero que ás veces non o é tanto: «Cangas viviu sempre do seu espazo natural, que é o mar». Un discurso no que reivindicou o mar, o seu patrimonio e o traballo ao redor del non como algo do pasado ou de museo, senón «como cimentación de futuro».

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, entrega o Premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural á unha emocionada directora do Conservatorio e Escola de Música, María Jesús Torres.

A alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, entrega o Premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural á unha emocionada directora do Conservatorio e Escola de Música, María Jesús Torres. / Gonzalo Núñez 

A última en subir ao escenario foi a directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas, que recolleu o Premio Xohan de Cangas á Labor Cultural. María Jesús Torres defendeu que este non era un recoñecemento á súa figura, senón ao traballo conxunto de todas as persoas que traballan no Conservatorio e no Auditorio. Un discurso no que tivo un recordo especial para o mestre Inocentes Camaño e no que defendeu que «o importante para nós é amosar o que se fai nas clases e compartilo con toda a sociedade». «O noso é un proxecto aberto e integrador», suliñou.

Unha idea á que tamén aludiu a alcaldesa de Cangas na conclusión desta festa, ao falar da cultura como un traballo e un proceso «que deixa pegada na comunidade e que ademais crea comunidade».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents