Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026 | Rosa Neutro Premio Xohan de Cangas á Creación Artística

Rosa Neutro: «Este galardón dá visibilidade ás nais creadoras e a elas o dedico»

Rosa María Fernández Camaño «Rosa Neutro» (Cangas, 1979) recibirá este domingo o Premio Xohan de Cangas á Creación Artística

Rosa Neutro na Biblioteca de Cangas

Rosa Neutro na Biblioteca de Cangas / Santos Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

-Que é unha imaxe para vostede?

-Pode ser moitas cousas… Antes, interesábame ir á procura delas: fóra, na rúa, saír a fotografar para inspirarme ou atopar algún punto de partida para un proxecto. Pero ao longo destes últimos anos, especialmente dende que fun nai e comecei a constatar as limitacións desta nova situación, empecei a interesarme na imaxe desde outro lugar. Traballando no estudo e poñendo máis énfase, non tanto en tomar coa cámara as miñas propias imaxes, senón tamén utilizar material alleo, encontrado, reciclado, para intervilo e reflexionar precisamente sobre esas contradicións e limitacións que atopo como artista e, de paso, darlle unha segunda vida a esas imaxes. Reinterpretalas.

-Cando soubo que se dedicaría á Arte?

-Ao final da adolescencia souben que no feito artístico sentíame realmente útil, algo paradoxal, non? Tendo en conta que a arte é de todo menos útil. Pouco despois, a fotografía sería un eido ao que me achegaría profundamente e que case sempre está presente nos meus procesos, en diferentes formatos, ademais de ser unha das materias que imparto como docente.

-Son os teléfonos móbiles boas ferramentas para a imaxe?

-Por suposto. O problema está quizais no uso que se fai deles. A principal ferramenta que debemos adestrar para facer unha boa imaxe que conte algo, nada ten que ver cunha máquina ou un dispositivo dixital, senón con algo que se está a perder, como é a atención. O feito de saír á rúa ou ao monte coa intención de tomar imaxes, de deixar a vida fluír e nós con ela, é un acto básico para estar en disposición de facer boas fotografías.

-Que sinte con este premio?

-Moita sorpresa, pero agora moita emoción de que na vila recoñezan a miña labor destes últimos anos. Como dicía, a maternidade foi un antes e un despois na miña e unha circunstancia que por momentos me fixo pensar en abandonar pola dificultade de desenvolver unha carreira artística, ardua de por si, moito máis se es nai e aínda por riba estás a criar soa. Pero conseguín converter esta dificultade no tema central das miñas obras e afrontar os proxectos desde a preocupación que, ata a actualidade, estiveron ausentes na arte como é o feito de maternar (coas súas luces e sombras), os coidados, a espera, o desexo, ou a invisibilidade das creadoras ao longo da historia. Ver que esta aposta foi recoñecida é algo que me emociona profundamente, non só por min, senón polo que supón de visibilidade para todas as nais creadoras e ás que dedico este premio.

-Está representada como artista pola Galería Matria de Milán. Como naceu esta relación?

-A galerista Liana Solis é unha galega que leva alí máis de vinte anos e que en 2021, nunha visita a Compostela, viu o meu traballo nun espazo expositivo e decidiu contactarme. A partir de aí, comezamos a colaborar e foi en Matria onde realicei a miña última mostra individual «In sé da simulacro a fiamma vera» (2024). É interesante o concepto desta galería, posto que é un espazo que está a internacionalizar o traballo de diversos creadores e creadoras galegas xa desde o seu inicio, poñendo en valor a nosa labor a moitos quilómetros de Galicia. Isto é algo de agradecer tendo en conta que, cada vez máis, percibimos dende o sector da arte menos interese pola creación plástica e visual tanto por parte das institucións como da sociedade en xeral.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents