Letras Galegas 2026 | Silee Artista e músico de Bueu
Silee: «Estou moi contento de ser parte dunha movida que fai algo tan bonito pola nosa terra e lingua»
O cantante bueués é un fenómeno viral en redes e plataformas cos seus temas en galego

O cantante e músico de Bueu Álex Pazos/Silee nunha imaxe tomada durante a súa estadía no Xapón. / Andrés Arnedo
Álex Pazos é un mozo de Bueu, máis coñecido polo seu nome artístico e musical: Silee. Este ano 2026 está resultando espectacular. A súa canción «Milajros de Amil» entrou dentro dos 20 temas máis escoitados e virais en Spotify, todo un fito para unha canción en galego. Vai camiño do medio millón de reproducións e é o primeiro adianto do seu próximo traballo discográfico, do que tamén se publicaron como avances «Bruxa curuxa» e este mesmo venres «Orballo». Por certo, o seu nome artístico está vencellado «a unha broma entre o meu amigo Riki Tumba-Viñas e eu, pero ten un significado abstracto relacionado coa serie ‘La que se Avecina’».
-Estamos nas celebracións do Día das Letras Galegas, unha data á que chega como un dos artistas con máis reproducións das súas cancións e letras en plataformas como Spotify ou YouTube. Como se sinte ante ese fito da viralidade dos seus temas?
-É algo que aínda a día de hoxe me custa procesar. Xa fixera varios temas en galego tempo atrás, pero quería facer un proxecto exclusivamente no noso idioma e de forma natural deuse este ano. Non podo estar máis contento de formar parte dunha movida que está a facer algo tan bonito pola nosa terra e a nosa lingua. Sen ir máis lonxe, a canción de «Milajros de Amil», falando de viralidade, chegou a estar top 20 no top 50 virais de España a semana pasada, algo que era impensable para min.
-A pesar da súa mocidade xa leva tempo no mundo da música, con dous EP’s e un disco en apenas tres anos. Pero foi co seu paso decidido a escribir e cantar na nosa lingua cando obtivo a maior repercusión e viralidade da que falabamos. «Milajros de Amil» vai xa por enriba das 390.000 reproducións en Spotify e «Bruxa Curuxa» xa se achega ás 30.000. Unha acollida á que non se achegan o resto das súas cancións en castelán.
-Si. Como todo artista emerxente, os inicios son duros, pero cando gozas e confías no proceso, todo acaba saíndo. É difícil facer un hit cando comezas, e sobre todo se estás ti só e aprendes pola túa conta toda a movida que supón producir, mesturar, masterizar... Pero a chave disto é gozar de facer música, tratando de non pensar tanto nos números.
-Comezou este 2026 coa publicación de «Milajros de Amil», cun videoclip que penso que está rodado no entorno de Cabo Udra. Como naceu esta canción que comeza con esa declaración tan fermosa e tan nosa como «Creo en ti como unha avoa cre nos Milajros de Amil»?
-Pois honestamente, esta creación comezou como un intento de produtor de facer algo diferente, acostumado a producir cousas máis envoltas no indie, trap, indie pop... Quixen probar a facer un ritmo máis movido, do que acabou saíndo unha bachata. Acto seguido, comecei a cantarlle ao micro de maneira improvisada, cos sentimentos que tiña no momento, xa que era a miña volta de Xapón, polo que a morriña pola terra estaba presente á hora de compoñer o tema. E de forma case improvisada, saíu «Milajros de Amil».
-Con todo tamén hai espazo para a reivindicación, un dos sinais de identidade do xénero urbano. Se a vista non me falla, cando canta «Está chovendo na Galiza que queren arrebatar» no videoclip aparece sobreimpresionado ese berro colectivo de «Altri non!».
-Si, aparece. Claro que hai reivindicación nos temas. No pobo galego estamos en contra de que empresas de fóra traten de explotar a nosa terra. E cada palabra e cada xesto na nosa vida é política, na miña opinión. Polo que hai que deixar claro quenes somos e que non queremos que se nos utilice como queren. Trato de que iso estea presente na nosa música.
-O segundo dos temas editados neste 2026 é «Bruxa curuxa», onde volve á un referente da tradición galega e dalle unha volta. Nun momento da canción di: «Pídolle á lúa que me deixe ser cantante/ rezo a Deus para ter aos meus sempre diante». Non sei se a lúa ten algo que ver, pero parece que ese soño de ser cantante é xa case unha realidade.
-Está cerca, si. Cada vez máis, difícil de crer, pero co traballo que levamos enriba, non podo estar máis contento porque se estea dando pouco a pouco.
-Canta e escribe en galego, pero nun galego oral e un tanto afastado do galego ‘academicista’ e de acento neutro. Entendo que se trata dunha decisión moi consciente.
-Como se di por aí: «O galego mal falado é o que non se fala». Claro que hai castelanismos, palabras mal ditas. E tamén uso de gheada e seseo, polo que pode variar depende do que se pretenda contar na canción.
-«Milajros de Amil» e «Bruxa curuxa» son adiantos do seu novo EP. Como vai o proceso de composición do resto do álbum?
-Este mesmo venres saíu «Orballo», o seguinte adianto do disco. Por agora non teño data, é un proxecto que se está a mimar demasiado e sacando a maior perfección artística posible.

O músico e cantante de Bueu Álex Pazos/Silee nunha imaxe en Xapón. / Andrés Arnedo
-Nos últimos tempos Bueu e a comarca do Morrazo parecen estar a xogar un papel importante no eido da música urbana. Estaba a pensar nalgúns dos temas novos de Hard GZ, que ten orixes familiares en Bueu, que compuxo «Noites en Bueu» ou «Domaio» combinando o uso do galego e o castelán. E ampliando un pouco máis o foco podemos pensar en Baiuca, Sen Senra ou na repercusión do himno de C.Tangana para o centenario do Celta. Estamos nun momento crucial para a música galega e en galego, tanto dentro do xénero urbano como en xeral, e para sentirnos orgullosos do noso?
-Claro que si. Estamos nun dos momentos máis importantes da música en galego, onde os rapaces queren facer cancións na lingua, onde a rapazada de instituto ten aos seus referentes como artistas en galego, e onde a xente de fóra de Galiza está escoitando moitísima música de aquí. A min fálanme case todos os días persoas de fóra, que adoran a música en galego, aman como soa a lingua na música, e iso é espectacular de pensar.
-Recentemente vén de «fichar» por PlayPlan, promotora de Bueu e claramente asentada no territorio. Como se presentan os vindeiros meses en canto concertos? Poderemos velo enriba dos escenarios?
-Claro que si. Este sábado estivemos cantando en Moaña, e haberá varias datas máis que anunciaremos en breves. Ademais, creo que o concerto este ano vai ser un dos fortes do proxecto. Dende aquí animamos a todo o mundo a que veña a velo
-Permítame acabar cunha chiscadela. Despois da acollida e viralidade dos seus novos temas…empeza a crer nos «milajros» de Amil e na bruxa curuxa? Ou quizais xa cría antes?
-As miñas avoas cren en todo iso, e se elas cren, eu vou detrás! [risos].
Suscríbete para seguir leyendo
- El cuerpo momificado hallado en Monteferro corresponde al de un vecino de Cangas
- Una vecina de Aldán regala a la reina Letizia una mantilla artesanal durante el Día de las Fuerzas Armadas en Vigo
- El Concello de Cangas coloca grandes piedras en la zona de playas para impedir el aparcamiento de turismos y autocaravanas
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- Los alumnos de O Morrazo, 'desconcertados' con la cantante Rosalía y con el error en la pregunta de Historia
- El ganador del Premio Johan Carballeira de Poesía renuncia a ser jurado al no aceptarse obras en gallego reintegracionista
- Voluntarios retiran más 600 kilos de residuos de los fondos marinos en la playa de Pescadoira y en la Illa de Ons
- Elevado nivel de frustración