Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026

Cangas premia ao mar, á música e á imaxe

O Concello celebra hoxe a Festa da Cultura na que entrega os seus premios Ignacio Cerviño e os Xohan de Cangas á Asociación Mar da Pedra, María Jesús Torres e Rosa Neutro

Cangas premia ao mar, á música e á imaxe na Festa da Cultura

Julio Santos Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

O Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas vístese este domingo de gala para a celebración da Festa da Cultura, que organiza o Concello, e que supón a entrega dos seus premios máis importantes: Ignacio Cerviño á Recuperación/Promoción do Patrimonio e Xohan de Cangas ó Labor Cultural e tamén á Creación Artística/Literaria.

A Asociación Mar da Pedra de Amigos das Gamelas, que preside Antón Lima, recibe o Premio Ignacio Cerviño; a directora do Conservatorio e Escola de Música, María Jesús Torres, é galardoada co Xohan de Cangas ó Labor Cultural e a artista visual, fotógrafa e deseñadora, Rosa Neutro, o Xohán de Cangas á Creación Artística.

A gala, presentada polo escritor Xosé Manuel González «Oli», empeza ás 20:00 horas. Contarase coas actuacións de Xan Campos e a orquestra e coro do Conservatorio e Escola Música, nunha colaboración conxunta con motivo da presentación do último disco do pianista cangués, «Amorodios». Haberá un recoñecemento á homenaxeada nas Letras Galegas, Begoña Caamaño. Será a primeira gala para Xiana Abal como concelleira de Cultura tras tomar o relevo de Aurora Prieto.

Premio Ignacio Cerviño para a Asociación Mar da Pedra

O baile de Lembranzas da Ría dará paso a entrega do primeiro dos premios a Mar da Pedra, representada polo seu presidente, Antón Lima (O Hío, 1961). A asociación, fundada en 2002, naceu coa finalidade de estudar, conservar e divulgar o patrimonio material e inmaterial ligado a chamada «Gamela Coruxeira», embarcación endémica da ría de Vigo. En 2004, mediante acordo co Concello e a Confraría de Pescadores, estableceu a súa sede no antiguo matadoiro da Congorza. Ten tres gamelas recuperadas:«Diana», que foi a primeira, aportada polos socios fundadores; «Luna», doada por Antonio, veciño de Nerga; e «Rula», mercada na praia do Canabal a un veciño de Coiro. As gamelas dedícanse a actividades socioculturais e con más de 23 anos ao lombo, a asociación segue a manter as gamelas coruxeiras vivas en Cangas. O seu rumbo é recuperar a embarcación, os seus aparellos e a súa memoria como un dos alicerces do carácter singular do territorio e da poboación de Cangas.

De esquerda á dereita: o presidente da Asociación Mar da Pedra, Antón Lima; a directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas, María Jesús Torres; e a artista Rosa Neutro.

De esquerda á dereita: o presidente da Asociación Mar da Pedra, Antón Lima; a directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas, María Jesús Torres; e a artista Rosa Neutro. / Santos Álvarez

Premio Xohan de Cangas á Creación Artística para Rosa Neutro

A Banda de Gaitas Tromentelo soará no escenario para a entrega do Premio Xohan de Cangas á Creación Artística a Rosa María Fernández Camaño «Rosa Neutro» (Cangas, 1979). Cunha traxectoria constante como creadora, a artista visual expón o seu traballo en diversas salas de arte tanto dentro como fóra de Galicia e actualmente está representada como artista pola Galería Matria de Milán. Á par da súa faceta como artista, é educadora de obradoiros artísticos de fotografía, collage e arte visual e na actualidade é docente na escola de deseño Aula D(Vigo). Reside na súa parroquia natal de Coiro, «o espazo desde o que miro e sinto».

Premio Xohan de Cangas ó Labor Cultural a María Xesús Torres, directora do Conservatorio e Escola de Música de Cangas

O Coro San Xosé marcará a entrega do último dos premios, o Xohan de Cangas ó Labor Cultural á directora do Conservatorio, María Xesús Torres (Gondomar, 1961). Leva toda a súa vida laboral vinculada á ensinanza musical en Cangas, desde que chegou como docente de piano en 1986 e pronto xubilarase. O xurado recoñece que sempre fomentou e participou para que o conservatorio se convertese nunha institución aberta e permeable coa comunidade, promovendo eventos cas familias. Como docente, ademais da súa valía para descubrir en rapaces e rapazas as cualidades e axudarlles a densevolver o seu gusto pola música, é unha excelente impulsora de valores e da convivencia na comunidade escolar.

O himno galego, cantado polo Coro San Xosé, pechará a gala tras os discursos institucionais.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents