Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026 | Antón Lima Presidente de Mar da Pedra

Antón Lima: «Non se pode vivir no Morrazo sen vincularse co mar»

A asociación canguesa recollerá este domingo o Premio Ignacio Cérviño á Recuperación do Patrimonio

O presidente da Asociación Mar de Pedra, Antón Lima (O Hío, 1961).

O presidente da Asociación Mar de Pedra, Antón Lima (O Hío, 1961). / Santos Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

-Lembramos a Antón Lima da súa época como concelleiro de Turismo de Cangas pero non tiñamos tan presente a súa paixón polas embarcacións tradicionais. Cando empezou?

-Supoño que durante os veráns na praia de Liméns , Santa Marta, praia de gamelas... Nin meus avós nin pai e nai foron xente de mar, todas veciñas do Hío, a parroquia con máis chan agrícola do Concello. Si meu bisavó, «José O Mariño», foi armador e patrón de lancha de pesca, sen continuidade xeracional. • Empecei a navegar cun amigo por lecer, nunha «Dorna Nai» súa, de sete metros, construída en Cabalo-Beluso, aínda que cun aparello non tradicional.

-Como xurde Mar da Pedra e cantas persoas a forman?

-En outono de 2003, logo de concluír a miña etapa de concelleiro entre o 1995 e 2003, por convite doutros dous compañeiros, que foron deixando a actividade ao tempo que outras persoas se foron achegando nestes máis de 22 anos. Na actualidade o listado de socias inclúe 22 nomes, 13 homes e 9 mulleres.

-Que significa este premio?

-Moitísimo! Non se pode vivir no Morrazo, e menos en Cangas, sen vincularse co mar, sen coñecelo... Iso sería suicida. E hai que facelo solidaria e comunitariamente, por distintos motivos e necesidades. As institucións públicas teñen as súas propias dinámicas «macro» que non incentiva xurdir matices, e moito menos atendelos ou tomalos en consideración, mesmo as máis sensibilizadas; «temos que salvarnos nós mesmos, o pobo traballador» en feliz tradución de Henrique Harguindey. As comunidades temos que converternos en produtores culturais e de lecer conforme aos nosos propios intereses, pola conta que nos ten. Que a comunidade nolo recoñeza manténdonos a flote é unha satisfación. E que esa comunidade leve ese recoñecemento a un premio «institucional», mellor que mellor!!! Acho que é un éxito para todas!

-Cantas embarcacións recuperaron nestas duas décadas de vida da asociación e que anécdotas lembra?

-Pasaron pola nosas mans seis gamelas coruxeiras, a nosa razón de ser. Logo de distintos usos, conservamos tres operativas, habilitadas para remo e vela.

-Que supón A Congorza para vostede?

-Xunto a Punta Balea, Areamilla, é o espazo mais vivo e viábel do berce da Cangas Contemporánea, da súa idiosincrasia e historia; Aí está o Futuro de Cangas, con maiúsculas.

-Que retos teñen para o futuro en Mar da Pedra?

-O espazo medioambiental-patrimonial de Punta Balea-Congorza-Lagoa; Rexeneración da Lagoa da Congorza e a súa contorna; escola de navegación en Gamela Coruxeira na Praia da Congorza; pantalán para embarcacións tradicionais no Porto de Cangas, dentro do proxecto galego de mariñas tradicionais «Mar de Velas»; espazo de exposición-demostración-transmisión de coñecemento das artes e oficios do mar (Cordelería, Velería, Encascado, Atar cabos e aparellos, Ferreiría, Carpintería, Secado e Conserva de peixe, Cociña do Mar) nun espazo público sociocomunitario no centro da Vila de Cangas;o proxecto de xornadas de historia «Galiza, un mar con História» e a unidade didáctica «A Gamela Coruxeira en Cangas», para centros de primaria.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents