Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Historia da Comarca

A Praia de Moaña. Transformación da costa en centro urbano (IV)

Na cuarta e última entrega sobre como o litoral moañés se transformou no actual casco urbano da vila, o autor percorre a chegada de novos servizos agora básicos, como Correos, a luz eléctrica, o teléfono ou mesmo o Grupo Escolar de Quintela, onde se educaron xeracións enteiras de moañeses

Grupo Escolar de Quintela en 1913. Foto cedida polo Arquivo Pacheco de Vigo. | AC NÓS

Grupo Escolar de Quintela en 1913. Foto cedida polo Arquivo Pacheco de Vigo. | AC NÓS

X. Carlos Villaverde Román*

Moaña

Correos e Telégrafos. En agosto de 1905 as fábricas de salgado e conservas teñen serias carencias para enviar comunicados de taxación e contratos, polo que recorren ao Concello cara a creación dunha estación telegráfica. En outubro dese ano recíbese unha comunicación da Dirección Xeral de Correos e Telégrafos, na que se aproba a tan desexada estación. En maio de 1906 empeza a funcionar a telegrafía dende o primeiro piso da casa de Francisco Antonio Villaverde na Praia de Moaña ata 1919. Despois a estafeta pasou por varias casas do centro de Moaña.

Bendición da igrexa do Carme en 1961 polo cardeal Quiroga Palacios. Foto de Amador Montenegro. | AC NÓS

Bendición da igrexa do Carme en 1961 polo cardeal Quiroga Palacios. Foto de Amador Montenegro. | AC NÓS / AC NÓS

En canto a Correos, temos que dicir que tampouco había oficinas e, pagábanlle unha miseria a quen repartían as cartas. Cando aumentou a correspondencia houbo a necesidade de solicitar unha estafeta unificada con Telégrafos. Conseguen parchear a cousa en agosto do ano 1914. En 1917 volve ser reclamada, pero en realidade non foi xestionada ata xuño de 1918. Ao final, a Dirección Xeral de Correos e Telégrafos comunícalle a Vicenti Reguera para que o Concello se fixera cargo do aluguer do local para Correos. En 1923 instalouse na casa de Primitivo Costa que tiña na Praia.

Teléfono

Cubertas as comunicacións básicas a través de Correos e Telégrafos, as corporacións seguintes non foron moi susceptibles cara á telefonía, pois tivo que ser, en primeiro lugar, a Comandancia da Garda de Civil de Cangas quen lles suxeriu a importancia de adquirir postes para unha liña telefónica en maio de 1915. Máis tarde, en setembro de 1918, foi o propio presidente da Deputación quen insistiu na vantaxe de dotar unha instalación do teléfono provincial e polo que só deberían pagar, durante cinco anos, a insignificante cifra de 303 ptas., o que aceptaron por suposto. En 1922 a rede telefónica chegaba ata a estación telegráfica, polo que houbo unha moción de dous concelleiros para que fose ampliada ata as parroquias de Meira e Domaio, cousa que tardou moitos anos, cando menos en Domaio, onde se instalou un teléfono público no bar do cine Montefaro a comezo dos anos «80» grazas ás protestas veciñais. No Pleno do 05-11-1922 tamén se solicitou a ampliación para a parroquia de Tirán.

A comezos dos anos trinta, o perito Benito Rosales da Seara faise cargo da primeira central de Moaña con 14 ou 15 abonados, e asígnanlle á Casa do Concello o número 1. Posiblemente, unha das primeiras comunicacións telefónicas, partira do gobernador civil de Pontevedra, na que autorizaba un mitin do sindicato Solidaridad Marinera o día 30 de abril de 1930. No mes de xullo de 1930 iníciase a formalización de abonados cara ampliar os circuítos, e en novembro os enxeñeiros estudan a colocación do posteado previsto para finais do ano 1931.

Despois de montar a primeira central na Seara, o perito Rosales traspásalla a Ventura Pérez, que a instala na súa tenda na Praia. Ao rematar a Guerra Civil faise cargo da operadora Jesús Villaverde Calvar, que a traslada ao primeiro andar dunha casa en fronte á praza e, uns anos despois para o baixo dunha vivenda no centro da Canexa, onde permaneceu ata decembro de 1975 cando entrou en funcionamento a central automática situada na rúa das Barxas.

Inauguración do Pósito en novembro de 1939. Foto cedida polo Arquivo Llanos. | AC NÓS

Inauguración do Pósito en novembro de 1939. Foto cedida polo Arquivo Llanos. | / AC Nós

O Pósito

O Pósito Marítimo de Moaña ou Confraría de Pescadores nace coma asociación fundada en 1921, baixo a inspiración do mariño (tenente de navío) e sociólogo Alfredo Saralegui, para mellorar as condicións sociais e humanas dos mariñeiros. En Moaña contou cun dos máis fervorosos defensores desta causa coma foi José Costa Alonso, quen incluso chegou a ocupar a presidencia da Federación de Pósitos de Galicia en 1927. En novembro de 1931 nace a Cooperativa do Pósito de Moaña e en 1933 intentaron edificar a Casa do Pescador, a cal foi inaugurada en novembro de 1939 á beira da praza de abastos.

Convén lembrar que a Confraría de Pescadores cedeulle ao Instituto Social da Marina o primeiro andar do Pósito para instalacións dos servizos médicos –incluidos os da Seguridade Social- ata finais da década dos «80», que pasaron ao edificio da Casa do Mar na Seara; actualmente en fase de trasladarse ao novo centro de saúde que está case construído en Sisalde.

O Grupo Escolar de Quintela

O incremento demográfico infantil da zona costeira da Praia-A Seara quedou reflectido no padrón de habitantes de 1909, principalmente se extrapolamos os datos de Quintela, A Praia e A Seara, barrios máis poboados próximos á costa da parroquia de Moaña. Este padrón achega, entre os tres barrios xuntos, un censo de 288 nenos e nenas en idade de escolarización, incluíndo a menores de sete anos que, daquela, non se escolarizaban. Temos que dicir, tamén, que dos 83 fillos mariñeiros e 111 fillas dedicadas ás labores domésticas, boa parte en idade escolar, non asistían a clases ao ter que dedicarse ás faenas do campo e da casa, debido á pobreza económica da familia. Como o padrón non especifica a idade, estas 111 fillas e 83 fillos non están considerados en idade escolar.

Era evidente que o medrío desta zona costeira ían creando moitas necesidades, entre elas a escolarización, pois ...As escolas eran pequenas unidades en casas e baixos alugados, en mínimas condicións hixiénicas nin pedagóxicas (Méndez Fraguas, Rodríguez Parada e Cancelas Franco, A Escola Pública en Moaña). Dáse a circunstancia de que a Administración central do Estado vai protagonizar a asunción educativa creando o Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes cara a impulsar as construcións escolares. O tipo de edificacións docentes foron reguladas por cadanseu decreto en 1904 e 1905 e, entre moitas cláusulas, requiría ...unhas condicións hixiénicas axeitadas, debe estar emprazadas nas aforas da poboación, no campo en contacto coa natureza. Por iso, o mellor sitio estratéxico considerado pola Corporación, foi o de Quintela, á beira do camiño de moito tránsito entre A Praia e o histórico centro do Cruceiro.

O desaparecido transformador á beira do río Pontillón, nos anos 60. Cedida pola familia de Amador Montenegro. | AC NÓS

O desaparecido transformador á beira do río Pontillón, nos anos 60. Cedida pola familia de Amador Montenegro. | / AC NÓS

A partir de 1906, tómase a determinación de contar co Grupo Escolar e en 1909 elaboran un orzamento extraordinario para iniciar a edificación, con subvención do Estado e a achega municipal. O Grupo Escolar de Quintela foi rematado en 1912 para acoller 60 alumnos e 60 alumnas, pero en 1913 as clases aínda non comezaran polo que, na Sesión Plenaria do 21-08-1913, a corporación solicítalle ao Ministerio de Instrucción Pública materiais e mobles porque o Concello tiña esgotado todos os esforzos económicos no Grupo. Tense constancia de que en 1914 xa funcionaba e, en 1916 faise unha liquidación definitiva dos gastos do Grupo Escolar. Actualmente está reconvertido no Centro Sociocultural Daniel Castelao.

Outros

Como quedou dito, o peso que adquiriron os barrios da Praia, Seara e A Gorita (ou O Vaticano, a partir da II República) durante o primeiro cuarto do século pasado incidirán na formación do que é hoxe o centro moañés. Este núcleo irá perdendo identidade como a Praia ou como A Seara para que xenericamente se chame Moaña, en detrimento da Moaña orixinaria que, representaba a freguesía de San Martiño. Caeu de maduro en pensar na construción dunha igrexa que acollese os cultos do grande aumento de freguesas e fregueses, sobre todo de mariñeiros desta bisbarra, o que motivou ó patrón maior da Confraría de Pescadores, José Costa Alonso, a tomar a iniciativa, en xullo de 1942, de publicar un artigo na prensa sobre a comenencia de edificar unha igrexa na zona da Praia. A finais de 1946 a institución eclesiástica merca os terreos para levantar o futuro novo templo parroquial. En 1961 a igrexa recibiu a bendición e consagración do cardeal arcebispo de Santiago e, tres anos despois, o mesmo cardeal, baseándose en informes enviados polo párroco e sen contrastar, asinou a segregación dos lugares da Seara, A Praia, O Redondo, O Piñeiro, Verducedo, A Paradela e parte baixa da estrada Marín-O Con para a parroquia do Carme, e dividiu os barrios de Quintela, Sabaceda, A Marrúa, Bouza Figueira, Broullón, A Fraga entre as parroquias de San Martiño e a do Carme. Esta división eclesiástica segue sen ser recoñecida oficialmente pola Administración local que, mantén a estrutura municipal dividida nas catro históricas parroquias: Moaña, Tirán, Meira e Domaio.

O tempo de ocio, contou coas iniciativas de emprendedores locais, como foron o cine Maravillas en 1931 e nova sala en 1942, o cine Prado en 1950, o baile de Lestón de 1953 e cine Veiga en 1969. n

(Agradecemento eterno á Juan Miguel González Fernández e Manuel Uxío García Barreiro)

*Investigador e integrante da Agrupación Cultural Nós

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents