Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A revisión do nomenclátor

As novas mudanzas toponímicas

Hai xa uns meses, a Xunta de Galicia anunciou unha modificación nalgúns topónimos, encargándose da revisión a Comisión de Onomástica da Real Academia Galega co que non sabemos se é unha decisión política, académica ou ambas en comandita. Desde a primeira exposición pública das posibles variacións teñen xurdido voces expertas, non oficiais, e outras populares colectivas que emitiron as suas opinións lingüisticas sobre as mudanzas nalgunhas denominación de nomes de lugar. Hoxe entran en vigor os novos nomes da revisión da RAG nunha ducia de municipios galegos, como Cangas que pasa a ser Cangas de Morrazo.

Mapa do Morrazo. Século XIX. | FDV

Mapa do Morrazo. Século XIX. | FDV

Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

Cangas

Unha das opinións que máis nos chamaron a atención alegaba que os topónimos, en inicio, non tiñan artigo implícito, feito evidente na orixe latina da maioría deles, mais o xénero si que se definía explicitamente segundo a declinación á que foron asignados (feminino, masculino, indefinido e outros sen clasificación). Mais a evolución do latín á lingua romance vaise caracterizar, ademáis do cambio das palabras, por incorporar os artigos e as preposicións (contraidas algunhas no galego) que definen o xénero: Así, Morratium, ainda que de orixe prelatina, foi asignado no latín á segunda declinación (nomes masculinos) e coa incorporación dos artigos na lingua romance, pasaría loxicamente a denominarse O Morrazo.

As novas mudanzas toponímicas

Ata a Wikipedia respecta máis a nosa lingua. / Arquivo do autor

Cabe que o topónimo A Cañiza que se quere mudar en A Caniza é o que máis controversias tén provocado, mais neste caso non hai xustificación en documentos antigos, senón na etimoloxía latina do nome que é canna>cana, igual que un pobo da Gudiña que non tivo problema en galeguizar El Cañizo por O Canizo. Non queremos estendernos noutros topónimos, mais non comprendemos a mudanza de Agolada en A Golada cando provén de Augalevada (lat. aqua lata), disimilando o A- inicial do nome e converténdoo en artigo, o mesmo que fixeron co Grobe cuxo topónimo provén do latino Ocrovium (Insula Ocrovium) ou co do Riós (Orriós). Outro caso que nos chama a atención e o de mudar o nome do concello ourensán de Cualedro por Coledro sen que haxa outra razón que a dunha pronuncia popular do mesmo. Neste caso, xa publicamos (Crónicas Rexiomontanas 1999) que Cualedro provén do topónimo medieval Cas das Cualedras (Canles das augas levadas) onde se conformou unha aldea chamada Cualedras que ao se converter en pobo, o seu nome, afectado polo xénero, mudou a Cualedro, co que non deberían mudalo. Atopamos outros dislates e incongruencias toponímicas, mais ao que se ve, a Comisión de Onomástica da R.A.G. segue adiante cos seus criterios impositivos de alta autoridade, que a Xunta asume ainda que teña que gastar cartos en mudar custosos letreiros.

As novas mudanzas toponímicas

Mapa do Morrazo no século XIX / Arquivo do autor

O Morrazo

A existencia de once topónimos co nome de Cangas en Galicia e tres en Asturias, obriga por similitude, á sua diferenciación xeográfica e de aí o Cangas do Morrazo. Isto ocorre con outros como Castrelo que nuns casos incorpora a preposición de (?) (Castrelo de Miño) e noutros a contracción de+o (Castrelo do Val) pois val é masculino. No caso dos lugares denominados Póboa (cast. Puebla) ocorre o mesmo e así temos A Proba de Burón e A Pobra do Caramiñal, galeguizados así en base á vacilante e deturpada documentación medieval, que xa xerou discrepancias no seu momento. Se poboación é un derivado de Póboa por qué Proba e Pobra, acaso se di pobración ou probación? Ainda que nos casos de Cangas e Morrazo non se pode xogar cos nomes, veñen facelo agora cunha preposición, aparentemente inocua, pero que tén a sua importancia ao indicar a pertenza a un territorio (Morracio) xa coñecido así desde o século VI e por iso, como dixemos, aparece designado en masculino en latín.

Como no caso das Probas/Pobras, os asesores lingüisticos botan agora man da tan feble e variable documentación etimolóxica baixomedieval e moderna (de orixe castelá), no caso dalgúns topónimos, para xustificar o troco da contracción (tan galega) do Morrazo pola máis ambigua (e elegante) de Morrazo. Nos documentos escritos en latín tardío aparece Morracium (569); in Morrazo (1160) e Morratium (1184), todos en xénero masculino e como se pode deducir, con grafías dubitativas (-c-, -z-, -t-) propias do latín desta época que, na sua evolución, xa comeza a incorporar as preposicións (in Morrazo).

Nos documentos en galego temos referencias como notario de Morraço (1318); notario de Terra de Morrazo (1336); morador en Morraço (1342); terra do Morrazo (1410); terra de Morraço (1454); terra de Morraço (1468); en Morraço (1479); terra de Morraço (1488); terra de Morraço (1491) e de Morrazo (1497). Estes son os documentos aos que se alude para o troco da contracción do pola preposición de pero esta aparece maioritariamente após o sustantivo terra (designación xenérica para un territorio definido) que só nun caso incorpora do Morrazo, o que tamén serve xa de constatación da opción máis galega e lóxica, vixente a día de hoxe. Obviamente, os documentos en castelán (1472 e 1495), optan por Tierra de Morrazo como propón a opción oficial. Por outra banda, non cremos que a mudanza a de se deba a unha mimetización cos topónimos Cangas asturianos

Como intentamos razonar desde a lóxica cabe que, nestes casos ( O Salnés, O Barbanza, O Saviñao, O Bolo...) se debería facer antes un estudo de cando se comezan a reflectir as contraccións no galego escrito (no século XIX ainda as separaban cun guión) da que terra do Morrazo (1410) é un exemplo histórico neste tema a ter tamén moi en conta. Alén destas disquisicións lingüisticas están os propios usuarios da lingua, que desde hai moitos anos viven no Morrazo, son do Morrazo, van e veñen ao Morrazo por mar e terra e por iso mesmo a Xunta tén grafado así o Corredor do Morrazo, logo Autovía do Morrazo, o que semella unha gran contradición institucional que se reflicte mesmo na aprobación de O Porto do Son, Castrelo do Val, Veiga do Seixo...

Só nos queda pedir que se deixen outra vez de probas ou pobras e que neste caso, como mesmo admiten, o Morrazo é o Morrazo para a maioría dos seus habitantes, falantes e incluso non falantes galegos, sen máis volta de folla. Mais, ao que parece, a Comisión de Onomástica vén de certificar que Cangas vai ser de Morrazo en contra dos criterios expostos polo Concello que por certo, non debería estar só nesta cuestión reivindicativa, pois Moaña, Bueu e Marín tamén están no Morrazo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents