Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Historia da comarca

A Praia de Moaña. Transformación da costa en centro urbano (III)

Nesta terceira entrega o autor prosegue debullando a construcción das infraestruturas e servizos que converteron pouco a pouco o litoral moañés no centro urbano da vila. A estrada de Marín ao Con, a Casa do Concello, o cuartel ou a chegada da luz eléctrica foron dotacións clave neste proceso

A estrada de Marín ao Con ao seu paso polo Portal do Almacén, nos anos 50 do pasado século. | ARQUIVO NÓS

A estrada de Marín ao Con ao seu paso polo Portal do Almacén, nos anos 50 do pasado século. | ARQUIVO NÓS

X. Carlos Villaverde Román*

Moaña

Estrada de Marín ao Con. Era O Con un embarcadoiro, un porto mariñeiro pequeno, un tanto pintoresco e quizais o máis turístico de Moaña, pois xa nos anos vinte, pretendeuse instalar unha casa de baños no mesmo areeiro, onde veraneaban familias ilustres como os García Arenal ou Méndez Núñez. Dito sexa de paso, foron familias de grandes influencias que aceleraron o proxecto de 1910, estudado como enlace entre Marín e O Con; pero antes, hai que remontarse a xuño de 1898, cando foi incluída no Plan de Carreteras del Estado grazas á proposta do político liberal Eduardo Vicenti (Cancelas Franco). O mesmo Vicenti encargouse de comunicar os comezos desta obra e dos seus ramais en setembro de 1903.

Unha vez coñecido o trazado, os gobernantes solicitaron a ampliación dun ramal que partindo de Sanchelán ou Sabaceda tomase dirección cara á Feira para dar cobertura a Abelendo, O Casal e O Cruceiro e que tamén se bifurca pola lagoa de Abelendo para saír á estrada de Cangas 550. Esta ampliación foi aprobada en 1913.

O trazado da vía Marín-O Con sae á luz en 1918 e, no outono de 1919. O Ministerio de Fomento comunícalle a Fernando García Arenal, o acordo do Consello de Ministros da aprobación definitiva do trazo terceiro desa obra, e da orde de librar 50.000 ptas. en concepto de financiamento. Pola súa banda, o deputado Vicenti Reguera comunica o envío de 1.997 ptas. para costear o estudo dese terceiro tramo que se fai real a partir de 1920, ano no que se produce a ocupación dos terreos expropiados. En 1923 saíron a concurso as obras que rematarían nove anos despois.

A praza de abastos. Contaba o propietario-armador Antonio José Bernárdez Villaverde que, antes de haber praza, as mulleres ían comprar peixe aos que andaban á arte para ir vendelo polas casas e aldeas, ben en cestas na cabeza ou en burros.

A Praza de Abastos nos anos 50. Cedida pola Deputación de Pontevedra. | AC NÓS

A Praza de Abastos nos anos 50. Cedida pola Deputación de Pontevedra. | / AC NÓS

Atrás xa quedou dito que o bienio 1917-1918 fora o de maior auxe na construción da zona da Praia-A Seara, de aí que o alcalde, Manuel Pereira comunicase o seguinte: ...dado el aumento de la población que vino realizándose en la Playa de esta villa y teniendo en cuenta las muchas construcciones de edificios que están llevando a cabo, y como además la importancia del comercio de este distrito... creía de mucha importancia... que se llevase a cabo la construcción de una plaza... E acto seguido propuxo ocupar un lugar en fronte da Canexa, propiedade de Obras do Porto, polo que foi preciso tramitar a solicitude deste espazo e posterior traspaso á propiedade municipal. Valorada a importancia desta proposta, enseguida axilizaron os trámites cara a conseguir a construción dunha praza, pero este proxecto de 1918, orzamentado en 23.164,80 pesetas, non chegou a realizarse no sitio programado. En xuño de 1920, constitúese unha comisión para un novo estudo. Un mes despois, Obras Públicas recoñece publicamente a necesidade imperiosa de sacar a venda de peixe fóra da rúa, -así facíase anteriormente, ao aire libre-, e autoriza o recheo dunha parcela marítima en fronte do inicio da Canexa. Para este recheo houbo que agardar a decembro de 1941, segundo o plano do enxeñeiro xefe portuario, Manuel Espárrago, no que se contempla o lugar exacto para construír o edificio da praza cunha superficie de 40 por 16 metros, e na parte norte unha rambla de 27,5 metros para uso dos mariñeiros.

Nos albores do século XX a Casa do Concello atopábase en Quintela e existía preocupación polo seu estado

A complexidade burocrática dos diferentes organismos para autorizar permisos e concesións de créditos partiu dende 1941, baixo a Alcaldía presidida por José Pérez Rodríguez e, en maio de 1944, o enxeñeiro de Camiños Enrique Pico e o arquitecto Juan Argenti Navajas terminaron o proxecto da praza e contorna valorado en 200.000 ptas., concedidas polo Banco de Crédito Local.

Na memoria municipal do 19 de marzo de 1946 di que a praza construíuse suprimindo postos de venda interiores e exteriores para reducir custos e co remanente sobrante proxectaron dúas carnizarías pechadas de ladrillos. A partir desas datas as vendas facíanse dentro da edificación, un dos piares da economía moañesa que deron impulso ao desenvolvemento do centro urbano, como xa foi comentado.

Para prever as accións destrutivas dos temporais que, ameazaban a cimentación da Praza, autorizouse un recheo na cara norte, que acabou por facerse un recheo en 1965, popularmente chamado a «alameda de Ovidio», nome do alcalde nese momento.

O antigo cuartel, no ano 1972. Cedida por Uxío Pazos Silva. | AC NÓS

O antigo cuartel, no ano 1972. Cedida por Uxío Pazos Silva. | / AC NÓS

A praza sufriu un anteproxecto de ampliación dun andar en 1964, pero ata 1968 non foron aprobados polo Ministerio de Obras Públicas os planos do arquitecto Argenti Navajas.

A Casa do Concello e Casa Sindical. O tempo quixo que a construción destes edificios, con finalidades administrativas e sociais dispares, coincidisen na historia. Corrían os anos 1920-1921 cando os sindicato «Alianza Marinera», consolidando o asociacionismo dun gremio cada vez maioritario, decidiu por inercia propia e por propia necesidade, a construción dun local ou Casa del Pueblo, coa achega de 12 ptas. por cada afiliado. Coa chegada da Ditadura primorriverista en setembro de 1923, as sociedades foron clausuradas e en consecuencia as obras quedaron paralizadas.

Dende que quedou constituído o distrito de Meira -máis tarde Moaña- en novembro de 1836, este Concello xamais tivo un edificio estable, máis ben ambulante de barrio en barrio e de casa en casa entre as parroquias de Meira e Moaña. De aí as dificultades para configurar a nosa historia polos transvases e perdas de documentación debido, aos cambios de lugar do consistorio.

O Concello Vello, de 1936. Foto de 1998. | ARQUIVO AC NÓS

O Concello Vello, de 1936. Foto de 1998. | / ARQUIVO AC NÓS

Nos albores do s. XX, a Casa do Concello atopábase en Quintela e, xa en 1903, existía unha preocupación polo seu estado e polo do Xulgado. Esta era unha constante que se puxo de manifesto ano tras ano. Así temos que en 1914 tiñan que pagar o aluguer dun baixo para arquivo e da casa municipal. Pero o peor aconteceu en 1921, cando o edificio se resentiu a causa dun forte temporal que ocasionou varias fendas na sala capitular, o que agravou un estado xa deteriorado que obrigaba o fortalecemento da parede do norte. Coa urxencia necesaria, acordouse alugar outro edificio, no mesmo barrio de Quintela, deixando o vello unicamente para arquivo. Anos máis tarde múdanse ao barrio da Praia, xusto na baixada de Fonte Can (Carreiro de Fonte Can).

Coa chegada da II República, deuse, nun principio, un bo entendemento entre a Corporación e o sindicato mariñeiro, polo que os primeiros decidiron adquirir, en febreiro de 1932, o local da extinguida Alianza Marinera, que levaba paralizado dende 1923 na carretera de arriba, por valor de 1800 ptas., a metade do que levaban investido. Pero as obras do novo Concello volverían retrasarse, ata que foi inaugurada o día 23 de marzo 1936. Actualmente, a nova Casa do Concello foi estreada o día 14 de maio de 2003 no barrio do Rosal.

Despois de venderlle ao Concello as obras da casa sindical, agora o novo sindicato, Solidaridad Marinera (logo Fraternidad Marinera) chegou a solicitar da Xunta de Obras do Porto un terreo na Seara para construír a súa sede que foi inaugurada o 23 de xuño de 1933 e confiscada posteriormente, na Guerra Civil, polos falanxistas que a converteron nun cárcere represivo. Hoxe está cedida ao Club de Xubilados N.ª Sr.ª do Carme de Moaña.

O Cuartel. Practicamente ata 1931, case todos os gobernos municipais foron de corte monárquica organizados en grupos homoxéneos, que viñan representar ós maiores contribuíntes do concello. En contraposición e, como xa quedou comentado, a partir dos anos «20» cobran pulo as organizacións obreiras/mariñeiras de carácter reivindicativo e sindical que, en máis dun momento, producíronse manifestas contradicións de intereses co poder político.

Antiga Casa Sindical de Fraternidad Marinera, inaugurada en 1933. Foto de 1998. | ARQUIVO DA AC NÓS

Antiga Casa Sindical de Fraternidad Marinera, inaugurada en 1933. Foto de 1998. | / ARQUIVO DA AC NÓS

As autoridades, para garantir a orde pública, recorren á Garda Civil de Cangas, corpo inexistente daquela en Moaña, tal coma pasou en maio de 1911, onde un concelleiro sufragou persoalmente a estancia da Garda Civil en Moaña. En 1913 a corporación solicita a creación dun posto fixo, pero iso correría para largo, polo que tiveron que acollelos durante anos en casas de aluguer. En 1919 pídese a presenza da Garda Civil, con cargo ao Concello e acolleuse na casa de Ventura Pérez Alonso. En realidade foron moitos os intentos de contar cun edificio estable para este corpo, pero sempre acababan alugando casas; nin tampouco en 1920, cando se eleva a proposta da construción dun cuartel, proposta aprobada polo tenente e polo comandante xefe provincial, na que indicaban que, como mínimo, a casa cuartel debería dar acollida a cinco membros debidamente equipados e amoblados. A pesar das ameazas do tenente da Garda Civil de suprimir a presenza de efectivos, se nun prazo de seis meses non se atopase un lugar axeitado, para proporcionar a casa cuartel en 1922, houbo que agardar ata o ano 1942, despois de investir 280.000 ptas., para que rematasen as obras da casa cuartel para acoller o citado corpo á beira do río da Ponte (ou río da Fraga, ou río dos Ladróns), xusto no linde entre as parroquias de Moaña e Meira na Xunqueira. Na actualidade esa casa cuartel xa non existe porque foi derrubada en decembro de 2007, debido a seu estado ruinoso e sen habitar.

A chegada da luz eléctrica. O crecemento da Praia-Seara adoecía dunha gran deficiencia segundo ían evolucionando as tecnoloxías, especialmente a da electricidade, desenvolvida noutros concellos limítrofes. De feito, o Salón de Sesión da Casa do Concello, que estaba en Quintela, alumeábase en 1921 con luz de acetileno. O máis notorio era a falta de luminosidade polos camiños e carreiros que os facían intransitables pola noites. Para paliar un pouco ese problema, en 1902 colocáronse postes na vía pública para enganchar lámpadas de petróleo dende A Praia ata A Seara. Deste xeito, alumeáronse ata 1925, ano no que a empresa Hulla Blanca, con base en Cangas, cumprira o contrato de acender as primeiras lámpadas de fluído eléctrico pero, para iso, tiveron que pasar tres anos de xestión previa. Quere dicir isto que, xa en xaneiro de 1923 a empresa Hulla Blanca pretendeu aproveitar o caudal de auga do río do Pontillón para montar unha pequena central hidroeléctrica -fábrica de luz- que denominarían Eléctrica Moañesa, pero nunca se montou. En realidade os primeiros acordos para a dotación da chegada da luz eléctrica parten do ano 1923, coa posterior cesión de terreos da Xunqueira para a edificación dunha central eléctrica, que non callou. Máis tarde, a citada empresa presenta o proxecto da instalación eléctrica do centro urbano coa colocación de postes e transformadores que, finalmente, foi aprobada na sesión do 25 de abril de 1925.

As 75 lámpadas de 16 buxías dun W., que a partir de 1925 deron o inicio de alumear A Praia-A Seara, pronto foron ampliadas para dar cobertura a Tirán en 1927 e ao ano seguinte a Meira. Non obstante, houbo zonas nas que tardaron en subministrar corrente eléctrica, como aconteceu en Sabaceda, pois a veciñanza queixouse en xullo de 1931 por carecer de iluminación eléctrica. n

*Investigador e integrante da Agrupación Cultural Nós

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents