Historia da comarca
A Praia de Moaña-Transformación da costa en centro urbano (I)
O investigador relata as orixes da costa moañesa, actual centro urbano da vila, destacando como o topónimo Martinga desaparece do censo de 1887 para ser substituído polo xenérico de Praia, e citando o número de vivendas desta zona así coma as do barrio veciño de A Seara

Casas da Seara en 1913, cedida polo Arquivo Pacheco á Agrupación Cultural Nós. / Arquivo Pacheco
Xosé Carlos Villaverde Román*
Partindo dos informes dos comisionados da Deputación da Pontevedra, constituída en 1836, para estruturar unha planta de axuntamentos constitucionais, a finais de novembro dese ano, publicouse no Boletín Oficial da Provincia núm. 96, a formalización oficial do distrito de Meira que integraba as actuais catro parroquias coa capital na propia freguesía de Meira e, posteriormente, trasladada á de Moaña en 1874. Diciamos que, partindo desa data, as estruturas de poboación de tódolos lugares do concello correspondíanse cos canons do mundo rural galego, con agrupación de casas que formaban aldeas diseminadas e entidades menores afastadas das costas marítimas. Probablemente en prevención do secular azoute da pirataría do mar; aínda que nese tempo xa non se explica moi ben a pouca edificación na beiramar da enseada de Moaña (antes chamada do Con), comparada con outros núcleos consolidados na costa, como había en Cangas, Vigo, Redondela ou Baiona, por exemplo. E tampouco había concentración nuclear de vivendas nas contornas das igrexas patronais de San Martiño (Moaña), San Xoán (Tirán), Santa Baia/Olaia (Meira) e San Pedro (Domaio). Ao contrario, os lugares máis poboados no censo do INE do ano 1860 eran Verducedo (51 vivendas), Abelendo (50), Quintela (47), A Seara (24) e A Praia da Martinga (18), o que explica a instantánea do hábitat rural do concello de Moaña.
Dos barrios principais da freguesía de Moaña citados no parágrafo anterior, cabe sinalar que o topónimo Martinga vai desaparecer do censo de 1887 para ser substituído polo xenérico da Praia, onde a edificabilidade pasou de 18 a 37 casas, en tanto que A Seara tamén seguiu progresando de 24 a 71 vivendas.
O pequeno porto da Martinga sitúao Manuel Uxío García Barreiro na praia do mesmo nome, xusto onde vertía ao mar as augas cristalinas dos regueiros e, das que se abastecían as embarcacións da Ría. Ao longo da praia da freguesía de Moaña, segundo o Catastro do Marqués de la Ensenada (1752) e da visita de Frei Martín Sarmiento (1754), había entre tres e catro dornas, que daban traballo a entre 23 e 29 mariñeiros respectivamente. A partir de finais do s. XIX, esta enseada vai medrar de xeito significativo, porque A Praia vai adherirse o lugar da Martinga e A Seara, o da Miranda. Estas integracións quedarán reflectidas no censo do ano 1900, onde a construción elevaríase a 46 vivendas na Praia, para albergar 168 habitantes, e a 76 edificacións na Seara para acoller 327 persoas.
Mágoa de que o censo do INE de 1900 non especifique os oficios da poboación destes barrios porque, seguro que nos achegaría o dato interesante sobre o transvase dun sector agropecuario cara á economía do mar, promovida polas instalacións conserveiras na ría de Vigo. A chegada desta nova industria, demandaba unha gran produción de sardiñas. Para solucionar a escaseza da materia prima, que os sistemas tradicionais de pesca non daban abasto, o sector conserveiro optou por importar de Asturias e Cantabria a arte das traíñas coas correspondentes embarcacións e incluso de persoal, como patróns ou piqueiros para ensinar o seu manexo. As probas de pesca con ese tipo de aparello resultaron máis que satisfactorias e, enseguida proliferaron pola ría. Os portos de Bouzas, do Berbés e o pequeno de Moaña foron dos primeiros en acoller este cambio de sistema pesqueiro; en tanto que a maioría dos portos da ría receaban destas innovacións consideradas esgotadoras dos cardumes de peixes. Durante máis de catro anos producíronse grandes e graves conflitos entre os partidarios do xeito e os da traíña, que se deu solucionado no ano 1903 e que, aínda, tivo leves repercusións nos seguintes anos ata 1908.

Antigas casas-patín mariñeiras, na Praia. Ano 1927. | VIDA GALLEGA
Para Carmen Fernández Casanova, na súa Historia da Pesca en Galicia di: o conflito do xeito contra a traíña foi determinante no desenvolvemento do sector industrial da transformación conserveira e comercio que viviu Vigo a finais do s. XIX . E o investigador Benigno Rodríguez Santamarina considera no seu Diccionario Descriptivo de Galicia que Moaña prosperou moitísimo por admitir o cerco. O feito de que Moaña se acollera á pesca do cerco ou caldeo con traiñeiras, verifícase na manifestación realizada en Vigo, a primeiros de novembro de 1902, á que acudiron 30 traiñeiras de Meira e do Con, segundo constatan, Xesús Cancelas Franco no seu artigo O Conflito da ardora no Morrazo.
Ao longo da praia da freguesía de Moaña había entre tres e catro dornas, que daban traballo a entre 23 e 29 mariñeiros
O profesor e historiador, Juan Miguel González Fernández,no seu estudo O Litoral de Moaña -sen publicar- apunta que a franxa costeira moañesa vai coñecer, dende o alborexar do s. XX, un proceso de expansión descontinua pero sostida, se ben para este autor a evolución do casco urbanizado resulta difícil de coñecer por falta de fiabilidade na edificación sen permisos municipais, e as que teñen licencia non especifican o lugar da construción. E continuando con este mesmo historiador, vainos dar dúas claves importantes no desenvolvemento do centro urbano. A primeira foi a discrepancia entre o Goberno Municipal e a Axudantía da Mariña de Cangas que motivaron a demarcación marítimo-terrestre, anteriormente dependente de Cangas e agora conseguiron a autonomía propia para Moaña. E a segunda, resultou da apertura do aliñado da chamada rúa da Praia, segundo o proxecto presentado polo mestre de obras militares, o vigués Salvador Ferrín, con expropiación de parcelas que, posteriormente, serían vendidas aos veciños lindeiros. Estas serían, pois, os primeiros pasos para a formación do centro actual, grazas ás obras da construción do ramal A Seara- A Gorita (hoxe O Vaticano), coñecido naquel momento como malecón.

Ferraría desaparecida na Seara. | ARQUIVO NÓS
Insiste Juan Miguel González que, o proceso de expansión da franxa costeira foi descontinua pero sostida, na que foi imbricada por estruturas viarias, marítimas, administrativas, económica e sociais como as estradas de Cangas-Vilaboa, de Marín ao Con, ramal Seara-A Gorita (Ghorita ou Vaticano), Praza de Abastos, peiraos de madeira e de pedra, Casa do Concello, e outros servizos. De feito, este historiador considera que a actual vila de Moaña é de construción tardía, que comeza a estruturarse durante a década dos anos «10» do pasado século. Por iso se di que Moaña carece de centro histórico, nin medieval, nin da Idade Moderna. A proba recóllea o Anuario General de España de Bailly-Balliere-Riera (1920), situando a Casa do Concello en Quintela, en tanto que O Cruceiro e igrexa patronal, facían de centro cívico-relixioso e o barrio de Abelendo coa súa feira instaurada no ano 1839, era onde se realizaban importantes transaccións económicas os días 3 e 19 de cada mes.
Recorrendo outra vez a González Fernández, reitéranos que a evolución do casco, xurde polo efecto combinado e simultáneo da centralización administrativa e mercantil, xunto coa estruturación urbanística promovida pola rede viaria. Conclusións coincidentes achega o sociólogo moañés Manuel Pérez Rúa, na súa tese doutoral, que dicindo que: a construción, en 1913, da estrada PO-551 no seu tramo Cangas-Vilaboa, marcará un linde claro no futuro desenvolvemento da zona central de Moaña. E tamén nese mesmo ano de 1913, a realización do ramal litoral entre os barrios da Seara e A Praia vai acoller boa parte do medre residencial da nova Moaña... promovendo o traslado demográfico de lugares próximos... como Quintela, A Miranda, Abelendo, Verducedo etc.
Unha das etapas en que o núcleo A Praia-A Seara vai tomar impulso como capital do concello será durante a II República (1931-1936), na que se deron varias premisas fundamentais: a concentración da frota pesqueira coa base no peirao de pedra rematado en 1932; a consolidación dunha praza de abastos ao aire libre e o inicio en 1918 dos trámites para a construción dun edificio; a inauguración da Casa do Concello en marzo de 1936; e o levantamento da Casa Sindical dos mariñeiros na Seara, rematado en 1933. A isto hai que engadirlle os recheos para edificar o Pósito Marítimo (inaugurado en 1939), centros sociais dos partidos e da patronal ou o aluguer provisional do cuartel da Garda Civil, entre outros.

Panadería de Carmen na Praia. Anos 70. | ARQUIVO NÓS
Durante a ditadura franquista, o mar seguía tendo importancia vital na economía local, tal como recolleu o mestre Santiago Barreiro, nunha guía informativa (1943) na que relaciona o nome de 68 barcos listados en Moaña. Manuel Pérez Rúa documenta na súa tese, que a Administración Local solicítalle en 1950 á Dirección Xeral de Portos a declaración de Porto Refuxio, para unha frota de 80 barcos a vapor e case 200 a remos e a vela, os cales empregaban a un 2.000 mariñeiros. Di tamén que, nos anos «40» elaborouse un censo para a Seguridade Social de 126 atadeiras e 1.680 mariñeiros enrolados en 70 embarcacións... e que o 43,3% das edificacións e parcelas do centro urbano, pertencen ao sector ou gremio representante da economía moañesa de baixura.
Estatísticas
Ao intentar plasmar unha estatística no tempo entre a relación do sector agropecuario e do gremio mariñeiro, pode observarse que os censos municipais achegan datos pouco fiables, sobre todo porque nos primeiros anos do s. XX só teñen en consideración con oficios aos cabezas de familia, en tanto que, ás veces, é confusa a especificación dos oficios dos fillos maiores, xenros e demais familia que viven baixo o mesmo teito. Aínda así, resulta significativo o incremento destas cabezas de familia da Praia-Sera, que pasan de 52 no censo do ano 1904 a 225 no de 1931. Se a estes datos lles sumamos os dos lugares próximos, como son os dos barrios de Abelendo e Quintela subministradores de man de obra mariñeira, vemos como o censo de 1904 elévase a 68 e o de 1931 a 262 cabezas de familia. Sumando, pois, os catro barrios en 1931, totalizan 487 xefes de casa. Se a estes últimos datos, se lles engaden os demais membros familiares, poden concordar cos números achegados polo estudoso Benigno Rodríguez Santamarina, que totaliza para todo o concello de Moaña 1.200 pescadores no ano 1923.
A riqueza pesqueira, como reflicten Juan Miguel González e Manuel Pérez Rúa, vai ser a base económica do aumento demográfico desta zona costeira como se pode comprobar no seguinte esquema.
Os cabezas de familia pasan de 68 a 262 en menos de 30 anos
A evolución emerxente da Praia-Seara, quedou constatada cun mercado de abastos ao aire libre ata a construción do edificio a partir do ano 1946. Este foi o denominador central da atracción económica, de clara influencia na demanda de instalacións de negocios na súa contorna. Para verificar a prosperidade, nada mellor que consultar os censos de contribución industrial municipais do Arquivo Municipal dende o ano 1917 ata o ano 1964. Hai que dicir tamén que nos datos máis antigos abundan as omisións, polo que a fiabilidade presenta serias dúbidas. De calquera maneira, serven para ter unha visión xenérica da evolución da, hoxe considerada, capital do concello.
No ano 1917, no barrio da Seara non aparece ningún contribuínte industrial; omisión errónea porque xa existía un estaleiro -quizais non considerasen barrio da Seara onde estaba colocado. En tanto que, na Praia temos dúas tendas de efectos navais, unha fábrica de gasosas, un comercio de louza e outro de roupa, unha taberna e unha tenda de ultramarinos. Este incipiente comercio foi argumentado en 1918, polo alcalde Manuel Pereira, como un grande aumento de poboación e construcións importantes para xustificar a demanda da edificación dunha praza de abastos. Este censo apenas terá modificación ata o ano 1925, do que se bota en falta a contribución de cafetarías, carpintarías, estancos, ferraxarías, fondas, salgadoiros etc. que se recollen no Anuario General de España de Bailly-Balliere-Riera de 1920. Un exemplo de omisión clara atopámola no contribuínte José Rivas da Praia en 1920, que non figura non censo municipal e, pola contra, recolle o citado Anuario que ostentaba cafetaría, tenda de comestibles, estanco, fonda e pousada.
En 1925 case se manteñen os mesmos negocios na Praia co incremento de tres fornos, de cinco bodegóns e dunha farmacia. E na Seara rexístrase un perito agrícola, dous bodegóns e unha tenda de ultramarinos. Pouca variación cabe subliñar cinco anos máis tarde (1930) sinalando o aumento de tres ultramarinos na Seara e, na Praia os fornos pasan a ser catro e as tabernas e bodegóns aumentaron ata 11. Aparece tamén na Praia un médico e unha ferraxaría. Nos quince anos seguintes os incrementos de negocios non son moi significativos, aínda que se montan como novidades no barrio da Praia dous comercios de materiais de construción, catro barbarías e dous surtidores de gasóleo.
Onde se notou un salto cuantitativo nos negocios da Praia-Seara foi curiosamente no quinquenio da posguerra, pois na contribución do ano 1945 pagaron as taxas: catro fornos, sete mercerías, tres bares, tres bodegóns, tres cafetarías, 10 tabernas, 10 tendas de ultramarinos, catro carnizarías, dúas barbarías, un comercio de louza, dous de materiais de construción, unha fábrica de gasosas, un taller de fontanaría, un ferreiro, unha moblaría e un salgadoiro de peixe. E a contribución industrial de 1960 consolida o centro urbano dende O Pontillón ata O Portal do Almacén por arriba, e ata o peirao de pasaxeiros por abaixo con cinco fornos, sete comercios de roupa e zapatos, 11 bares, tabernas, cafetarías e restaurantes, 20 tendas de comestibles e ultramarinos, cinco carnizarías, tres farmacias, dúas barbarías, dúas fábricas de gasosas e unha de lixivia, dúas froitarías, unha drogaría, un comercio de louza, un surtidor de gasóleo, un carpinteiro, un almacén de ferralla, un taller de fontanaría, unha moblaría, un reparador de radios, un taller de bicicletas, un estaleiro, un ferreiro e tres de materiais de construción que denotan o auxe da edificación no concello. n
* Investigador e integrante da Agrupación Cultural Nós
Suscríbete para seguir leyendo
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Aceleran los proyectos más esperados: centro de mayores de Amancio Ortega, O Posío y el gran parque y piscinas de Ponte Canedo
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- «Éxito» en la huelga del sector textil en Galicia para impedir el avance de un posible convenio estatal
- Renfe lanza su «Plan Galicia 2026» con los Avril: será la primera vez que añada trenes en el Eje Atlántico entre Vigo y A Coruña desde 2015
- La Xunta acomete el mayor movimiento de personal de su historia: 3.200 empleados públicos cambian de puesto, el 12 por ciento de toda la plantilla