Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

Bueu sube a contía dos Premios Johan Carballeira a 2.500 euros

O Concello abre hoxe o prazo de presentación de traballos para os certames de poesía e xornalismo

A data límite é o 30 de xuño

A entrega da edición máis recente dos Premios Johan Carballeira, no Concello de Bueu.

A entrega da edición máis recente dos Premios Johan Carballeira, no Concello de Bueu. / Santos Álvarez

Bueu

O Concello de Bueu abre desde este xoves o prazo para optar aos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo. A gran novidade deste ano é o incremento da dotación económica destes galardóns, que pasa de 1.500 a 2.500 euros. Unha suba que pretende ser unha aposta pola creación literaria e en lingua galega.

O extracto coas bases vén de ser publicado polo Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), no que se establece que o prazo para presentar os traballos estará aberto ata o 30 de xuño e poderán entregarse en formato físico en papel ou ben por medios dixitais. As bases tamén están publicadas na web do Concello de Bueu.

A Concellería de Cultura, dirixida por Carmen García, suliña que co aumento da contía económica dos Premios Johan Carballeira preténdese «seguir aumentando a participación e supón unha aposta firme deste goberno por estes recoñcementos». Ao mesmo tempo búscase adaptar estes galardóns, que quedaran por debaixo doutras certames de similares características.

Os Premios Johan Carballeira acadan este ano a súa edición número vinte e nove no caso do galardón de poesía, que ademais inclúe a publicación do poemario gañador por parte de Edicións Xerais, e a vinte e tres no de xornalismo.

Estes premios son unha homenaxe ao que fora alcalde de Bueu, xornalista e escritor José Gómez de la Cueva, máis coñecido polo seu alcume literario Johan Carballeira, e unha forma de fomentar a creación en galego.

Tracking Pixel Contents