Música | Xan Campos Pianista de jazz
«Sentía a necesidade de facer algo coa voz, é o instrumento máis primario do ser humano e que fai que a mensaxe da música chegue máis directa»

De esquerda á dereita: Virxilio da Silva, Faia Díaz, Xan Campos e Iago Fernández no estudo de gravación. / Alexandra Côrte-Real
O pianista cangués Xan Campos (Cangas, 1987) está a piques de publicar o seu novo disco, «Amorodios», un traballo no que o jazz comparte protagonismo coa tradición galega, coa gran novidade da incorporación da voz por medio da cantante e historiadora da arte Faia Díaz (Santiago, 1988), fundadora e integrante do grupo De Vacas ou do Coro Encaixe. Unha formación que se completa con dous músicos e amigos habituais nos seus traballos: o baterista Iago Fernández (Cangas, 1987) e o guitarrista Virxilio da Silva (Portonovo, 1984). Esta mesma semana acaba de publicar o primeiro single deste novo disco, titulado "Estampado de rincha" e que se pode escoitar nesta mesma entrevista.
-Xa queda pouco para que vexa a luz o seu sexto disco e poucas veces resulta tan acaído falar dun traballo que marca un antes e un despois na traxectoria dun artista. Cales son as sensacións coas que afronta a inminente publicación de “Amorodios” e a xira?
-Afróntoo con moitas ganas porque a verdade é que foi un proceso moi longo e intenso. Un traballo de varios anos que me embarcou nunha montaña rusa emocional con momentos moi bonitos e outros bastante difíciles. Así que agora estou moi feliz porque chegou o tempo de poder compartir por fin a música con todo o mundo e desfrutar ao cento por cento co proxecto. Estou moi satisfeito co resultado do disco e moi ilusionado con levalo ao directo nos próximos concertos.
-A gran novidade con respecto a outros traballos é a incorporación da voz, neste caso con Faia Díaz [De Vacas, Coro Encaixe]. Como se plantexou a incorporación por primeira vez de temas cantados nas súas composicións?
-Había moito tempo que viña dándolle voltas a facer música con voz. O que pasa é que eu non son cantante, así que tiña que topar a voz que eu quería que me representase. Ata este disco non se deran as circunstancias, máis alá de proxectos puntuais como o tema «Galicia Portobello Road», que gravei para unha curta de Adriana Páramo cando vivía en Berlín. Aínda que eu sempre fun máis de música instrumental, viña sentindo a necesidade de facer algo con voz porque é o instrumento máis primario do ser humano, que fai que a mensaxe da música chegue dunha forma máis directa e que como oíntes conectemos moito máis rápido cos temas.
-Como xurdiu a colaboración con Faia para que fose ela quen lle poña voz aos temas?
-No 2019, cando estabamos a gravar o meu anterior disco, o Hevi, que é o técnico e produtor co que traballei moito estes últimos anos, faloume marabillas de Faia. Eu non a coñecía, así que o Hevi regaloume o seu disco, que acababan de publicar. Encantoume e empecei a imaxinar a miña música a través da súa voz. Tiven varias conversas con ela e por sorte puiden convencela para formar parte do proxecto. A partir de aí, a música empezou a evolucionar e tomou forma propia. Faia é unha música incrible. O que máis me gusta dela é a capacidade que ten para conmover co seu canto. Faime sentir conectado co máis profundo do ser humano e das nosas raíces ancestrais.

O pianista cangués Xan Campos rodeados de vinilos. / Ivana Pardal
-A quen corresponde a autoría das letras? É unha aportación de Faia a partir da música? É de Xan Campos ou é algo máis coral?
-As letras son miñas, aínda que todas están escritas en primeira persoa e en feminino. Foi un dos grandes retos deste proxecto: facer as letras, porque non tiña experiencia previa e nalgúns momentos sentinme un pouco bloqueado. Pero en realidade dinme conta de que tiña moitas cousas que dicir: son unha persoa moi reflexiva e o único que tiven foi que encontrar o xeito de plasmalo en palabras. Ademais foi moi interesante compoñer a música estando condicionado polas letras. Ter limitacións coma esa faiche buscar por camiños que doutro xeito quizais non explorarías.
-A outra gran novidade deste álbum é o achegamento entre o jazz e a música tradicional galega. A historia da música xa nos ten amosado que a linguaxe do jazz é absolutamente compatible con outras tradicións, mesmo coa galega con exemplos como “The Pan Piper” no disco “Sketches of Spain” dun referente absoluto como Miles Davis. Como abordou a simbiose entre estes estilos?
-É que o jazz naceu precisamente de mesturar diferentes estilos e tradicións. A miña visión é que o máis coherente coa filosofía do jazz é manter viva esa procura, esa experimentación, esa vontade de nutrirse do entorno musical que nos arrodea para descubrir novas sonoridades. Neste caso, a idea inicial non era que fose un proxecto cunha influencia tan clara da música galega, senón que foi algo que se foi dando durante o proceso, en parte pola personalidade artística de Faia. Penso que fomos topando os puntos de confluencia e tamén aspectos complementarios entre os dous xéneros para conseguir un resultado moi chulo.

Un concerto do cuarteto formado por Xan Campos, Faia Díaz, Virxilio da Silva e Iago Fernández o pasado verán en Cedeira. / Rocío Cibes
-Aínda así, falar de jazz e tradición galega sería un tanto reducionista. As aportacións de Iago Fernández á batería e de Virxilio da Silva, que creo que cambia a guitarra polo baixo eléctrico, axudan a ampliar as coordenadas musicais do álbum.
-Si, xa nos meus discos anteriores había moitas influencias e moi diversas. Intento deixar as portas abertas para que toda a música que me apaixona poida estar presente no que fago e, como me gustan cousas de estilos tan diferentes, supoño que fai que o resultado sexa bastante curioso. Sen deixar de ter un enfoque de jazz, creo que na miña música hai moito pop e rock, pero tamén moita música clásica ou incluso electrónica. Penso que ao longo da miña discografía fun desenvolvendo unha identidade propia bastante forte e neste disco segue estando aí de xeito latente, aínda que a envolvente sexa algo diferente pola novidade da voz e a presenza máis clara da música tradicional galega. Por outro lado, sempre intento deixar espazo para que o resto da banda aporte algo da súa personalidade tamén á miña música. No caso de Iago e Virxilio, son dous músicos cos que levo tocando e aprendendo case desde que eramos nenos, así que para min o seu criterio é tan importante ou máis que o meu propio. Ademais, sons uns dos meus músicos preferidos do mundo enteiro, e dígoo sen esaxerar, así que con moito máis motivo.
-A que fai referencia o título de “Amorodios”? É unha dicotomía entre amor e odio ou préstase a algún xogo co froito do amorodo?
-O título está inspirado nun poemario de María Vence que se chama “Os amorod(i)os son froitos sensíbeis ao tempo”, así que a relación co froito está aí. Gústame a imaxe do amorodo, esplendoroso pero fráxil. A verdade é que a miña relación coa música sempre foi bastante de amor-odio. E o momento no que vivimos é de contrastes desmesurados: entre abundancia material e sufrimento emocional, entre o acceso á información e a sobreestimulación, entre a tecnoloxía e a búsqueda dun retorno á natureza e ás raíces... As letras intentan falar de todo iso desde un punto de vista costumista pero moderno.

Xan Campos co piano e a pandeireta xunto coa cantante Faia Díaz, tamén coa pandeireta. / Rocío Cibes
-A gravación do disco foi no Laboratorio Soyuz, en Santiago, e con Hevi de produtor, que ten producido a boa parte dos grupos galegos actuais e de estilos moi diversos. Como foi esta colaboración?
-Co Hevi levo traballando desde hai case dez anos en bastantes proxectos diferentes. Ten a capacidade de entender o son global da música cunha clarividencia impresionante e consegue captar a esencia de cada tema para quedar co importante. Así que é un privilexio poder compartir con el non só a gravación, senón todo o proceso case desde o principio. Faime saír moito da miña zona de confort e replantexarme cousas que daba por feitas, ademais de ter unha importancia enorme na sonoridade final do disco. Non é de extrañar que todo o mundo queira gravar con el porque é unha persoa especial.

Os catro músicos nunha imaxe promocional do álbum "Amorodios" de Xan Campos. De esquerda á dereita: Xan Campos, Iago Fernández, Faia Díaz e Virxilio da Silva. / Alexandra Côrte-Real
-A presentación de “Amorodios” no Morrazo é unha parada obrigada. Nesta ocasión non vai ser a apertura, pero si que vai coincidir cunha data sinalada: o Día Internacional do Jazz, o 30 de abril.
-Temos en abril catro concertos de presentación e unhas cantas actividades máis, como presentacións en tendas de discos. Os concertos son en Xixón o 8 de abril, en Compostela o 22 de abril, na Coruña o 29 e acabamos en Cangas o día 30, que como ben di é unha data simbólica. Fanme ilusión todos os concertos, pero non podo negar que o de Cangas vai ser o máis especial por todo o que significa a nivel emocional. Poder presentar a miña nova música diante da miña xente non ten comparación. Ademais, estamos preparando algunha sorpresa para ese día. Estamos cerrando tamén xa cousas bonitas para máis adiante. Oxalá que poidamos compartir a nosa música en moitos espazos e con moita xente porque, ao final, esa é a maior satisfacción e o obxectivo último de todo o que facemos.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Xunta lanza un plan para atajar el fraude en las bajas laborales en Galicia, que en total son 70.000 al día y suponen unas pérdidas de 2.200 millones de euros
- La jueza archiva la causa de la botella de agua que quemó a un cliente en un restaurante de Vigo
- La gallega Mobify prepara su desembarco en Vigo: una flota de cien vehículos, modelo 'carsharing' y precios desde 0,29/km
- Dejar un trabajo fijo para dedicarse a la docencia: «Me arrepiento de no haberlo hecho antes»
- La Xunta ampliará el alcance de la ayuda anual de 5.000 euros del Bono Coidado para dependientes a otras 10.000 familias
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Un accidente múltiple en la AP-9 en Vigo deja seis heridos, uno de ellos grave
- Roberto Verino se abre a un socio industrial a través de la venta de casi el 40% del capital para asegurar el relevo generacional