Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tribuna Libre

O Goberno irresponsable de Bueu e a conselleira

Afonso Fernández*

Vostede, lector/a, asinaría un escrito de crítica a unha señora conselleira da Xunta sen ler o texto? Pois así actuaron os dez membros do goberno de Bueu (BNG-PSOE), incluído o alcalde, Félix Juncal, no pleno do 2 de marzo.

Nel aprobouse unha moción, que non figuraba na orde do día, contra a conselleira de Medio Ambiente. A proposta do edil non adscrito, Daniel Chapela, criticaba que Ángeles Vázquez non convocaba a Mesa por Ons e non atendía as demandas dos veciños.

Para que se debatera no pleno era necesario primeiro que se admitira por trámite de urxencia. Un dos requisitos para incluíla é que o asunto non se puidera aprazar. Pero si que se podía deixar para o de abril.

A pesar disto, o pleno tratou a moción que leu Chapela. A primeira proposta era declarar á conselleira “persoa non grata”. Como o alcalde advertiu que esta expresión sería nula de pleno dereito, cambiouse por censurar a Ángeles Vázquez. A moción aprobouse con once votos,(8 do BNG, 2 do PSOE e 1 de Chapela) fronte os seis do PP.

Así que o Concello de Bueu acorda reprobar a unha conselleira nun pleno no que os edís ignoraban o contido da proposta antes da sesión para estudala. Os do grupo de goberno (BNG-PSOE) limitáronse a levantar a man, como o alcalde, claro.

Pregúntome como estes políticos que nos representan son capaces de opinar sobre un asunto que non analizaron. Esta actitude de quen goberna Bueu é, sen ánimo de ofender, irresponsable. Durmiron ben esa noite? Non sentiron remordementos? Pois viríalles ben uns cantos. En que mans estamos?”, pregúntase un amigo.

O ex-concelleiro do PP quedou satisfeito do resultado aínda que no salón municipal ningún veciño de Ons o acompañara. (En realidade, só sentabamos nos duros bancos da sala tres persoas, unha máis do habitual).

É curioso que a conselleira se sentira tan afectada pola moción como para que reaccionara xa dous días despois. Manifesta nunha noticia do Faro do 4 de marzo que “os argumentos e cuestións expostas carecen de rigor e non responden fielmente á verdade”.

Como o acordo tomouse nun pleno, Ángeles Vázquez censura a administración municipal xa que a considera pouco seria e mentireira. Doulle a razón polo primeiro por todo o que expoño neste escrito. A forma de como se desenvolveu a sesión plenaria foi nefasta. Non me sae pór “moi mellorable”.

E isto non se xustifica por falta de cartos ou persoal, escusas coas que con frecuencia alude o alcalde para non lograr melloras municipais. Necesitábase, simplemente, respectar os procedementos que esixe a democracia.

Pois estimado lector/a, a maioría dos políticos de Bueu, cando aprobaron a moción é como se firmaran a crítica á señora conselleira da Xunta sen ler o escrito. Seguro que vostede non actuaría así.

*Veciño de Bueu

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents