«Las Alondras» e a consolidación (II)
Os primeiros deportes femininos de balón que se practicaron en Cangas foron o balonman e o baloncesto que desde finais dos sesenta contaron cos equipos da OJE, Lestonac e SI-AL que competían na liga xuvenil. O fútbol non aparecería ata o ano 1971 ao se formar o equipo “Las Alondras” de curta traxectoria. Por outra banda, non se pode entender o éxito do fútbol feminino actual sen coñecer o proceso do seu desenvolvemento histórico desde finais do século XIX

O equipo «Las Alondras» en 1971. | ARQUIVO DO AUTOR
Xerardo Dasairas
As pioneiras neste deporte foron mozas afoutas que vindicaban a igualdade cos homes á par que o seu dereito ao voto. Por lóxica, estes movementos feministas xurdirían en países social e democraticamente avanzados como eran Inglaterra ou Francia nestas datas de entreséculos. En España ainda habería que agardar ata a segunda década do século XX para que se desen os primeiros pasos.

Espallamento do fútbol. / ARQUIVO DO AUTOR
Habería que agardar ata 1970, cando a Federación de Fútbol Femenil Europeo Independente (FIEFF) organizou en Italia, patrocinado polo vermú Martini, o I Campeonato Mundial de Fútbol Femenil entre o o 6 e o 15 de xullo de 1970 competindo seis países europeos (España non) e un de México, país que no ano seguinte acollería esta competición. O éxito de público e de patrocinadores daríalle gran impulso ao fútbol feminino e considérase como o primeiro partido de fútbol feminino na España franquista, o disputado en Villaverde Alto o 8 de decembro de 1970 entre equipos patrocinados por empresas. Días despois, o 25 deste mes, e tamén superando as reticencias do Régimen, disputaríase un partido no Camp Nou de Barcelona entre o U.E. Centelles e a Selecció Ciutat de Barcelona, entrenada polo exporteiro A. Ramallets.
Ante isto e nestas mesmas datas en Madrid, o labor benéfico do Régimen, noutro acto hipócrita vai organizar un partido de fútbol feminino entre “folclóricas” e “finolis” no campo do Rayo Vallecano a favor das garderías do Patronato da Nosa Señora do Socorro. Mais, como a vaquiña polo que vale, as estrelas dos dous equipos cobraron “beneficamente” 20.000 pesetas por participaren no partido. A parte disto, no ano seguinte vaise producir a eclosión do fútbol feminino en España, organizándose equipos na maioría de cidades e vilas, patrocinados por marcas comerciais, obviando os xa caducos criterios da Sección Femenina da Falange sobre o rol social da muller.

Equipos galegos. | / ARQUIVO DO AUTOR
Cun criterio distinto vai actuar a Obra Sindical de Educación y Descanso, organismo dependente dos sindicatos verticais, que contaba con numerosas traballadoras, novas e maiores nas suas fichas de afiliación. Esta sección sindical que, como outras do franquismo, xurdira no ano 1939 á imitación das Kraft durch Freude (KdF) alemás e da Opera Nazionale Dopolavoro (OND) italiana, era a responsable da promoción do deporte e de actividades culturais. Mais, a derrota do fascismo en Europa en 1945 había de ir atenuando a doutrina franquista, promovendo Educación y Descanso ligas de fútbol e campionatos entre os “produtores” das empresas. Contodo, non sería ata comezos do ano 1971, ao pedir a FIFA que se atendese o fútbol feminino, cando Educación y Descanso comezase a promovelo tamén, organizando torneos en diversas zonas do estado. Neste sentido, hai que anotar que nesta altura, os sindicatos franquistas xa estaban moi infiltrados por Comisións Obreiras (P.C.) e USO (católicos progresistas) cuxa acción interna propiciaba as accións aperturistas en moitos eidos, ante a inacción política do Régimen que, contodo, seguía vixilante ante estes movementos sociais.

Reticencias sobre a muller no fútbol. | / ARQUIVO DO AUTOR
Os alicerces do Fútbol feminino no Morrazo
No contexto exposto anteriormente, o 21 de febreiro de 1971 no campo do Celta vai ter lugar un dos primeiros partidos femininos da nosa área xeográfica, ao se incluir na homenaxe ao xogador Juanito Arza e ao plantel do Celta pola magnifica tempada que estaban a facer. Un equipo, o Estudiantes, estaba formado por 18 mozas da Escola de Secretariado da Caixa de Aforros e o outro por once traballadoras dunha empresa que se chamaba “As Meigas”. Despois deste partido xa se pensa na formación dun Celta feminino de fútbol, que xa tiña un equipo de baloncesto, pero entrementres, en marzo, as mozas da Escola de Secretariado van xogar outro partido, esta vez contra alumnas da Escola de Turismo San Jorge. Logo seguirían formándose outros equipos como o “San Esteban”, o “Almacenes El Pilar”...
O 19 de marzo, venres, con Ourense capital e provincia sen presenza de equipos femininos, vaise celebrar como un gran acontececemento deportivo no estadio “José Antonio”, o encontro de fútbol feminino entre os equipos Galicia Gaiteira C. F. da Coruña e o club Meigas de Vigo que se resolveu cun tres a dous para as coruñesas. O xoves 8 de abril, o Celta vai presentar o seu equipo feminino, formado con rapazas da sección de atletismo que xogan un partido contra o Balaídos local. Mais, como estes equipos independentes se estaban a prodigar, Educación y Descanso de Vigo (Falange) vai entrar a controlar a situación na sua área de influencia, promovendo e fomentando a formación de equipos e creando a I Liga Provincial de Fútbol Femenino con once equipos, repartidos en duas zonas. En Cangas organízase un conxunto de dezaseis xogadoras co nome de “Las Alondras”, preparadas polo mesmo adestrador do Alondras masculino José Luis Álvarez. O Domingo día 11 de abril faría a sua presentación oficial en Cangas, disputando un trofeo co equipo vigués “Las Meigas”, no contexto de preparación da competición provincial. Ambos equipos formaban parte do grupo A e o equipo artellado en Moaña figuraba no grupo B, sen que isto supuxese diferente categoría, pero si unha unha extraña repartición de catro equipos nunha zona e sete noutra. O seguinte domingo, día 18, antes do partido Alondras – Silva, as rapazas alondristas xogarían un partido entre elas formando dous equipos, A e B, para definir o equipo base de cara á competición.

Mundiales de Italia e México | / ARQUIVO DO AUTOR
O 1º de maio de 1971, día de San Xosé Obreiro, con motivo da inauguración do novo campo do Alondras (Estadio del Morrazo) celebrouse un partido feminino entre “Las Alondras” e o equipo do Celta ás 4,30 da tarde, e ás seis un encontro entre duas seleccións de veteranos de Castela e Galicia. O domingo 4 de xuño iniciaríase o I Campionato Provincial de Liga de Fútbol Feminino, organizado, como dixemos, pola Obra sindical de Educación y Descanso. Xóganse case todos os partidos no campo da Florida, mañá e tarde: Mayador-Turista; El Pilar-Moaña; Plásticos Galicia-Las Alondras e Corteman´s-Condado de Gondomar, enfrentándose en Goián o equipo local e o Cíes. Con motivo da visita a Vigo do equipo feminino alemán do Post VSM de Munich, este vai xogar un partido no campo do Vao (Coruxo) contra unha selección da zona na que figuraba Ana do Alondras. Neste ano comezan a celebrarse as festas de San Cristovo en Cangas, organizadas polo gremio dos transportes (taxistas) e o domingo 11 de xullo inclúen un partido de fútbol feminino entre o “Las Alondras” local e o Cortemans (1-1), xogando antes do partido do Alondras masculino. O sábado 17 de xullo, son os taxista de Bueu os que celebran a sua festa, incluindo tamén un partido feminino entre unha selección de mozas de Bueu, que constituirían o Bueu Deportivo, e outra do Morrazo.

Campionato provincial. / Arquivo do autor
No trancurso da Liga, a mediados de xullo, vai incorporarse á mesma e no grupo A, o Mourente, entanto que no grupo B vai ser o Deportivo Moaña quen vai abandonar esta competición. Xa que logo, no grupo A quedan Gondomar, Mourente, Plásticos de Galicia, Cortemans, Alondras e Mourente e no grupo B Cies, Goyán, Mayador, Cividanes, Turista, e El Pilar. Esta competición estimularía a formación doutros equipos femininos na provincia que adoitaban competir entre eles como acontecía co Malvar e o Pontevedra, ambos da capital ou co recén formado Bueu Deportivo que vai enfrentarse o 1 de agosto, na III festa do Carneiro de Moraña, co equipo local. O domingo 19 setembro deste ano 1971 nas festas da Banda do Rio de Bueu (Sta. Ifigenia) ás 4,30 da tarde e antes do partido masculino, van enfrentarse os equipos femininos do Bueu Deportivo e o Deportivo Moaña.
O remate da Liga de Fútbol Feminino en outubro vai enfrentar ás gañadoras de cada grupo que foron respectivamente o Mayador e o Gondomar, resultando vencedor o equipo vigués, patrocinado por esta marca de sidra. Rematada a Liga, algúns equipos femininos de Vigo como o Cividanes e o Mayador incorpóranse ao Fútbol Praia de Leri en setembro. O Mayador, grazas ao seu patrocinio astur, celebrou en 1972 un encontro co equipo asturiano “Las Piezas” de Sama de Langreo no campo da Florida, acudindo tamén a Xixón para celebrar outro encontro. Este equipo perduraría ata 1984 cando o Celta decidiu incorporalo ao club para facer o seu equipo feminino, pero nesta altura, a carencia de rivais e dunha liga feminina, fíxoo desaparecer. A partir de 1974 só temos referencias dos partidos entre solteiras e casadas que se celebraban en Aldán con motivo da celebración da Santa Mariña.

Balaidos, 1967 / Arquivo do autor
Evolución do fútbol feminino en Galicia
Ainda que desde 1980, a Federación Española de Fútbol admitiu a federación de equipos femininos, en Galicia foron moi poucos os que asumiron esta condición porque case non os había coas condicións esixidas. Habería que agardar ao ano 2009 para que se producise a eclosión do fútbol feminino en Galicia ao se incrementaren as licenzas nun 378%, moi por diante doutras zonas do Estado. Ante estes datos, que impresionaron aos analistas deportivos españois, estes concluiron que foron os éxitos de Vero Boquete o detonante para abrirlle a práctica deste deporte a moitas mozas e nenas galegas e tamén de España. Mais, sen quitarlle mérito ningún, os entendidos masculinos do fútbol, obvian que Verónica xa comezara a xogar ao fútbol e a formarse deportivamente nun humilde equipo feminino pioneiro como era a Sociedade Deportiva Xuventú de Aguiño en Ribeira. No caso de Teresa Abelleira, esta xa levaba o fútbol nos seus xenes como filla do adestrador Milo Abelleira, pasando do fútbol sala do equipo de Poio a integrarse no 2016 no recén creado Deportivo femenino da Coruña.
- La victoria de la Real Sociedad en Copa complica el deseo europeo del Celta: las cuentas para Champions, UEFA o Conference
- Las familias se rebelan contra los profesores: llegan a Inspección por sanciones a los alumnos en Vigo
- O que nos deixou Samba, o noso veciño
- La música electrónica crece en Galicia: nace un nuevo festival a los pies de la ría de Vigo
- El pesquero de Cangas "Eirado do Costal", primero de la flota gallega en incorporar el modelo de un bote salvavidas cerrado e insumergible para soportar las gélidas aguas de Terranova
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- Clara, la abogada más joven de Ourense: «La vocación me viene desde pequeña; mi abuelo hablaba de Derecho en las comidas familiares»
- Muere el policía nacional Nazario Luis Rodríguez Costa, destinado en Salvaterra y antes en la comisaría de Vigo