Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día Internacional da Muller

O fútbol feminino: unha longa andadura no tempo (I)

Non se pode entender o éxito do fútbol feminino actual sen coñecer o proceso do seu desenvolvemento histórico desde finais do século XIX. As pioneiras neste deporte foron mozas afoutas que vindicaban a igualdade cos homes á par que o seu dereito ao voto. Por lóxica, estes movementos feministas xurdirían en países social e democraticamente avanzados como eran Inglaterra ou Francia nestas datas de entreséculos. En España ainda habería que agardar ata a segunda década do século XX para que se desen os primeiros pasos

O campo de Coia en 1925 co chamado Palco das Ánimas (á esquerda) sempre abarrotado pois era gratis.

O campo de Coia en 1925 co chamado Palco das Ánimas (á esquerda) sempre abarrotado pois era gratis. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

Cangas

Historicamente contrastado, consta que o primeiro partido de fútbol xogado entre mulleres tivo lugar na cidade escocesa de Glasgow no ano 1892, mais o primeiro equipo femenino de fútbol, constituído como tal, foi o British Ladies Football Club do Reino Unido, fundado en 1895 co apoio da escritora e aristócrata escocesa Lady Florence Caroline Dixie. Porén, en España, habería que agardar ata o 9 de xuño de 1914 para que se celebrase en Barcelona ás cinco e cuarto da tarde no estadio do RCD Espanyol o primeiro partido de fútbol feminino. Foi un partido benéfico para recadar fondos para a Federación Femenina contra a Tuberculose e as xogadoras dun equipo chamado Spanish Girl’s Club fixeron dous equipos, denominados Montserrat e Giralda, quizais aludindo á procedencia das súas compoñentes, catalás e andaluzas.

O primeiro partido internacional feminino tivo lugar no ano 1920 en París entre o equipo inglés Dick Kerr’s Ladies e outro da capital francesa, formado por Alice Milliat, asunto que non gustou nas altas instancias deportivas inglesas. Xa que logo, a Asociación de Fútbol de Inglaterra decidiu prohibir o fútbol feminino, alegando que as mulleres non estaban capacitadas fisicamente para practicar un deporte tan rudo. Esta foi a desculpa, pero detrás agochábase a pexorativa consideración de que o fútbol feminino era unha inadmisible inxerencia das mulleres nun ámbito considerado estritamente masculino.

Irene González Basanta en 1924

Irene González Basanta en 1924 / Arquivo do autor

As pioneiras galegas

O fútbol feminino galego tén o seu referente máis antigo na figura da coruñesa Irene González Basanta que tivo que agardar o seu recoñecemento como muller futbolista ata tempos recentes. Con 15 anos, no ano 1924, comezou a xogar ao fútbol, tanto de dianteira como de porteira, mais a súa heroicidade e afouteza quedou patente ao facelo nun equipo masculino, converténdose na primeira muller do mundo que non só xogou nun equipo de homes, senón que ela foi a creadora do club. Pola súa humilde procedencia e pola sua curta vida, consecuencia da precariedade do seu tempo, Irene é hoxe o paradigma do fútbol feminino galego.

Ana Carmona "Nita", en 1920, xogadora do Spórting de Málaga.

Ana Carmona "Nita", en 1920, xogadora do Spórting de Málaga. / Arquivo do autor

Contodo, é de xustiza mencionar que xa antes, en 1920, e con certo paralelismo, destacaría a figura da malagueña Ana Carmona “Nita”, tamén apaixoada do fútbol que xogou camuflada como home no Spórting de Málaga, rapando o pelo e vendando os peitos. Ao se saber disto publicamente, pasou polas de Caín na sociedade da época, sufrindo agresións e sendo incluso encarcerada por desorde pública.

Porén, a nosa Irene foi admirada e admitido o seu rol de porteira dun equipo masculino sen máis, o que demostra que Galicia era moito máis permisiva neste asunto.

O Spanish Girls Club primeiro equipo feminino e, abaixo, o partido entre Monserrat e Giralda en 1914

O Spanish Girls Club primeiro equipo feminino e, abaixo, o partido entre Monserrat e Giralda en 1914 / Arquivo do autor

O primeiro partido de fútbol feminino en Vigo

A pesar de xogarse na tarde do mércores 14 de outubro de 1925 e ser día laborable, este partido espertou extraordinaria expectación entre a xente e os cronistas deportivos da época ao se enfrentaren por primeira vez no campo de Coia dous “teams” femininos. A celebración deste evento xurdiu da directiva do Celta co desexo de traerlle novidades a afección, ao tempo que barallaban a posibilidade de crear un Celta feminino.

A casual circunstancia de que dous equipos femininos belgas andivesen a facer unha xira por Portugal posibilitou que o Brussels Femina Club e o Atalante Femina Club recalasen en Vigo xa que a prensa lusa tíña cualificado a estas formacións femininas como notabilísimas artistas da bóla. Unha das crónicas do partido, asinada por Ciosvin, non só trasloce os tópicos habituais desta época sobre a aptitude das mulleres para este deporte senón que incluso denota a sua postura sobre isto utilizando nomenclatura masculina para apuntar algún dato deportivo.

O primeiro partido feminino e equipo British Ladies Club 1895.

O primeiro partido feminino e equipo British Ladies Club 1895. / Arquivo do autor

Pese a todo, a coruñesa Irene foi soamente un elemento illado no panorama do noso fútbol feminino e nen sequera durante a época da República tivo cabida como unha disciplina deportiva na que as mulleres xa querían participar. Neste sentido, atopamos unha reseña antiga na que Noia se reivindica como a primeira vila de España que contou cun equipo de fútbol feminino no ano 1928 do que descoñecemos en que circunstancias xogou e contra quen. Outro partido feminino de certa relevancia foi o que se xogou o día 3 de setembro de 1933 no campo do recheo do Areal vigués. Enfrentáronse o Vigo F.C. e o Unión F.C. cun resultado abrumador dun sete a cero para as primeiras, destacando a súa porteira Calesa que o paraba todo.

A historia e crónica do primeiro partido de fútbol feminino disputado en Vigo en 1925.

A historia e crónica do primeiro partido de fútbol feminino disputado en Vigo en 1925. / Arquivo do autor

Como fose, ata comezos dos anos cincuenta non hai referencias a competicións de fútbol de féminas xa que a Sección Femenina da Falange tíñao proscrito como práctica deportiva das mulleres. A partir de 1955 xa se rexistra algunha referencia a partidos que se xogaban con motivo das festas ou de actos cívicos celebrados nalgunhas localidades, ocupando as seccións de curiosidades ou pasatempos dos xornais. En xullo de 1957, un colectivo de mozas barcelonesas proponse recuperar o fútbol feminino, segundo recolleu a revista “Dicen”. A Unión Deportiva de Sants vai recoller esta iniciativa e anuncia para agosto no campo das Corts, o “primeiro” partido feminino da historia, ignorantes de que precisamente foi Barcelona o berce do fútbol femenil en España.

A historia Dick Kerrs Ladies.

A historia Dick Kerrs Ladies. / Arquivo do autor

Un dos equipos femininos pioneiros en Galicia foi o da parroquia de Crendes, en Abegondo, creado en 1963, que xogaba partidos con outros formados por mozas dos concellos da sua área. O seu palmarés non é destacable pero si a denuncia que lles puxo o cura da parroquia ante a Garda Civil por exhibiren demasiada perna, que en realidade era o pequeno espazo entre a media e a parte superior do xeonllo ata onde chegaban os calzóns: a solución foi simple, xogando coas medias subidas por enriba deste, como anos despois faría Ronaldo. Nestas datas xa era habitual que en moitas das numerosas festas de Galicia non faltase algún partido de fútbol, xa ben entre solteiras e casadas ou entre as mozas de distintas localidades como tradicionalmente ocorría en Meicende ou Rois. Dous anos despois, o 11 de marzo de 1965 tivo certa repercusión un partido feminino xogado en Salceda de Caselas no que se enfrentaron os equipos locais “Once estrelas” e “Once lúas”.

No ano 1967, xa no periodo chamado de “apertura” do Régimen, moitas mozas estudantes de institutos e facultades universitarias idearon unha forma de se financiaren as viaxes de fin de curso, celebrando partidos de fútbol. Esta iniciativa tivo o seu paradigma nas alumnas de terceiro de Maxisterio de Pontevedra que organizaban encontros polas vilas da provincia para recadar cartos e contando coa complicidade das mozas de atletismo do Celta, chegaron a celebrar en abril de 1967 un encontro en Balaídos con grande asistencia de público. En 1968 nacería na Coruña o Karbo, un equipo formado por 20 alumnas do colexio do mesmo nome que disputaban partidos con outros equipos locais. Desde 1980, ao admitir a Federación o fútbol feminino, participarían dúas veces no Torneo Internacional das Sete Nacións, sendo logo a base do Club Deportivo da Coruña feminino.

*Investigador

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents