Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | María Torres Creadora e actriz de «Alta costura», da compañía Elefante Elegante

«A mellor forma de diminuír as emisións e mellorar a saúde é consumir menos e mellor»

A compañía Elefante Elegante representa este sábado, ás 20.00 horas, «Alta costura» no Auditorio de Cangas

A creadora e actriz María Torres caracterizada para unha escena da obra «Alta costura», da compañía Elefante Elegante.

A creadora e actriz María Torres caracterizada para unha escena da obra «Alta costura», da compañía Elefante Elegante. / Vanessa Rábade

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Cangas

A compañía Elefante Elegante chega hoxe ao Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas para presentar «Alta costura», unha montaxe ao redor do mundo da moda de usar e tirar, o consumismo e as consecuencias sobre a nosa saúde e a do planeta. A función será ás 20.00 horas, con entradas a partir de 7,60 euros.

A creación desta obra corresponde a Gonçalo Guerreiro e María Torres, que tamén é actriz na mesma. A intérprete e creadora atendeu a FARO antes a representación de hoxe.

—Chegan a Cangas para presentar «Alta costura», a produción coa que celebran os seus 25 anos sobre os escenarios. Que balance fan deste percorrido sobre as táboas?

Son 25 anos moi intensos, con numerosas xiras e proxectos - son 29 os espectáculos creados– pero que paradoxicamente pasaron moi rápido. Entendo que a esixencia da subsistencia recalca esta sensación de paso do tempo fugaz. O balance é moi satisfactorio do lado da nosa relación co público. A devolución de gratitude de persoas que asisten ás nosas pezas é inmensa. O feito de desenvolver unha linguaxe escénica orixinal, que continua no presente en evolución foi e continua a ser fascinante. A pesar de todas as dificultades do camiño é unha sorte e un privilexio. O lado negativo é observar a degradación co paso do tempo de certos aspectos do ecosistema escénico: o número de compañías creceu moito na última década, o que aporta variedade á escena, pero como non aumentan os orzamentos dos concellos, máis ben diminúen, prodúcese un efecto funil que complica a subsistencia de moitos proxectos e compañías. Ademais, a enorme burocratización de tódolos procesos esixe unha enorme cantidade de traballo de oficina que moitas veces mingua recursos para o esencial, a creación artística rigurosa e que aporte valor á cultura e á sociedade.

Fabrícase un 60% máis de roupa que hai dez anos e ás firmas de moda rápida sacan unha colección por semana, prendas en case un 70% sintéticas. Roupa de plástico. Roupa que non é biodegradable e que vén chea de químicos, que contamina no proceso produtivo, mentres a empregamos e lavamos e cando a desbotamos

—Con «Alta costura» dan continuidade a unha traxectoria marcada por un teatro dun forte carácter social e crítico, esta vez sobre o mundo da moda, o consumismo ou a contaminación. Como se plantexaron abordar este novo proxecto?

Fálase moito de emerxencia climática que desgrazadamente está cada vez máis presente nas nosas vidas. Convídasenos a comprar coches eléctricos para descarbonizar que requiren grandes investimentos, pero sorprendentemente non se nos fala dun mecanismo moito máis sinxelo, eficaz e por riba gratuito para diminuír ás emisións e aumentar a nosa saúde: consumir menos e mellor, sobre todo roupa. Fabrícase un 60% máis de roupa que hai dez anos e ás firmas de moda rápida sacan unha colección por semana, prendas en case un 70% sintéticas. Roupa de plástico. Roupa que non é biodegradable e que vén chea de químicos, que contamina no proceso produtivo, mentres a empregamos e lavamos e cando a desbotamos. A industria téxtil é das máis contaminantes do planeta e esta contaminación non é algo só externo, falamos dos nosos corpos. O uso de roupa sintética está relacionado cunha morea de efectos para a saúde, entre eles o comportamento como disruptor endocrino. Isto é gravísimo e sorpréndeme que non estea regulado. Sería sinxelo penalizar economicamente a quen fabrique roupa sintética e incluso tería sentido advertir dos efectos do seu uso na etiqueta. Igual que se fai cos paquetes de tabaco. Parécenos tan relevante esta cuestión é a vez tan sedutora e inspiradora a nivel creativo que nos lanzamos a polo tema. As imaxes son tan potentes e os subtemas tan numerosos que resultou un proceso creativo moi rico.

—A narrativa presta especial atención ao fenómeno da «fast fashion», esa moda de usar e tirar da que fala, e que parece unha evidente ironía co título de «Alta costura». Cal é o percorrido que lle plantexan ao espectador para seguir o camiñoo desas prendas de roupa que mercamos?

Acerta completamente ao mencionar o cariz irónico da proposta. O humor permítenos abordar a realidade con distancia, facilita que poñamos en causa as nosas condutas, que aceptemos as nosas imperfeccións e que quizais paremos a reflexionar sobre a voracidade do sistema económico. É xenial escoitar desde o escenario a persoas rir con nós, rindo á vez delas mesmas, dicindo ‘Ai… Iso mismo fagoo eu…’ e asumindo a absurdez intríseca ao ser humano. Facemos unha panorámica desde os residuos téxtiles que rematan en praias e desertos de África ou América latina, pasando polas condicións de traballo e a contaminación dos procesos productivos, ou polas campañas de greenwashing, que é ese investimento que fan as empresas en dar unha impresión de sustentabilidade, manifestada por exemplo polo feito de vendernos maiormente roupa procedente do petróleo e polo tanto de plástico, pero que levamos a casa felices nunha bolsa de papel reciclado. Tamén pomos o foco nos nosos desexos e contradicións á hora de consumir. Para pechar o círculo abordamos os efectos na saúde, tanto na nosa como na do planeta, deste sistema de consumo obsesivo-destrutivo no que estamos inmersos.

—Como é a posta en escena de todo este traballo?

«Alta costura» é unha creación de teatro visual. A estrutura escénica, as actrices, os actores, as bailarinas, os bailaríns e a música constitúen un organismo vivo en constante movemento e transformación, que comunica a través dos sons, dos obxectos, das cores, das formas, dos movementos e das palabras. Tentamos estimular ao espectador equilibrando momentos cómicos con outros de movemento trepidante e incluso deixamos oco á poesía.

—É imposible que o espectador non se sinta interpelado porque ademais é cliente e consumidor. Somos realmente conscientes de como as marcas xogan con nós e de onde acaba esa roupa que tiramos?

Salvo certas excepcións non somos conscientes: o sistema está montado para que así sexa. As empresas só pensan en que sigamos comprando, cada vez máis, e non cesan en “atacarnos” con técnicas agresivas de neuromarketing para que sintamos que precisamos poseer para ser felices. Noutros países de Europa si hai moita máis consciencia desta problemática na cidadanía. Así, Francia ou Bélxica xa están lexislando ao respecto. O público obxectivo das empresas de fast fashion é a xuventude, que é ao mesmo tempo o máis vulnerable. Nunha sociedade na que a imaxe ten tanta importancia, a rotación acelerada das prendas, as coleccións cápsula, os acordos con influencers vendendo sempre unha sensación de exclusividade son responsables de provocar moita ansiedade entre a adolescencia, que sinte que non está á altura dos estándares estéticos vixentes.

O público obxectivo das empresas de fast fashion é a xuventude, que é ao mesmo tempo o máis vulnerable. Nunha sociedade na que a imaxe ten tanta importancia, a rotación acelerada das prendas, as coleccións cápsula, os acordos con influencers vendendo sempre unha sensación de exclusividade son responsables de provocar moita ansiedade entre a adolescencia

—Definen «Alta costura» como «teatro visual» e certamente parte do vestiario e complementos cos que se visten sobre o escenario son rechamantes. Como foi o proceso para deseñar ese vestiario, que é unha personaxe máis?

Foi unha parte do poceso creativo moi fermosa. A maioría da roupa que aparece en escena é recuperada e reconstruída a partir de tecidos e prendas xa existentes. O Concello de Culleredo [onde ten fixada a súa residencia a compañía teatral] en colaboración con Elefante Elegante recolleu roupa nas instalacións municipais. Tamén colaboramos con Insertega, unha empresa que recupera prendas para darlles unha segunda vida. Carolina Díguele, que é produtora de arte e responsable do vestiario, e Gonçalo Guerreiro, que é o director e escenógrafo do espectáculo, foron decidindo gamas de cores, formas e estilos, con moita proba e erro. Foi moito traballo pero feito con moito cariño. E á vista están os resultados: Carolina está nomeada nos Premios María Casares que se celebrarán no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña o 8 de abril na modalidade de vestiario. Por certo, Raquel Crespo tamén está nomeada na modalidade de actriz secundaria.

A creadora e actriz María Torres, da compañía Elefante Elegante.

A creadora e actriz María Torres, da compañía Elefante Elegante. / Vanessa Rábade

—Vestirse é unha das necesidades básicas do ser humano… máis aínda en inviernos coma este con tantas borrascas sobre Galicia. É posible ser elegante, aínda que non sexamos uns elefantes, sen caer nas trampas da «fast fashion» nin acabar cos petos rotos polos precios de la alta costura?

[Risos] Totalmente. Vestirse é unha necesidade básica que ademais reflexa a nosa personalidade. Non se trata de andar vestidas cunha folla de parra. A mesura é o esencial. O primeiro é comprar menos, levantar o pé do acelerador. Se simplemente reflexionásemos ben antes de mercar, se pensásemos no que contaminou ao ser producida, nas condicións de traballo de quen a produciu, no millón de microplásticos que soltará en cada lavado, se pensamos que vai durar máis no planeta que os teus bisnetos… O segundo é comprar mellor. Se lésemos as etiquetas do que imos comprar, igual que o que imos comer, as cousas cambiarían. Porque se non comprásemos roupa sintética as empresas deixarían de fabricala, iso é evidente. Se coidas a alimentación dos teus fillos, non lles compres roupa deportiva sintética xa que ao suar ábrese a barreira cutánea e por tanto a porta de entrada ao corpo de tóxicos con efectos nefastos como a infertilidade, síndrome de ovario poliquístico e outras doenzas para nada menores. Non o digo eu, dino os científicos como Nicolás Olea, que é catedrático de Medicina Física da Universidade de Granada. Prioricemos materias biodegradables. Ao final duran máis, polo que aínda que resulten un pouquiño máis caras acabamos aforrando. Existe roupa deportiva de algodón, quizais os modelos non son tan performativos pero os beneficions de ser un pelín menos estilosa no gym, pagan a pena...


Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents