Cultura
Rosalía na memoria
Un 23 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, unha das grandes referencias das letras e cultura galega. Desde hai anos nesta data celébrase o Día de Rosalía, que na comarca incluíu diversas actividades.

O grupo de música tradicional Son de Nós, onte no palco da música dos Xardíns de Félix Soage, durante os actos do Día de Rosalía en Cangas. / G.M.P.
En Cangas, a conmemoración do Día de Rosalía celebrouse no palco da música dos Xardíns de Félix Soage, nun acto organizado conxuntamente polos IES Monte Carrasco, Rodeira e Illa de Ons en colaboración co Concello e o Servizo de Normalización Lingüística. O evento reuniu arredor de 200 estudantes de 3º e 4º de ESO que participaron activamente nunha xornada dedicada á figura e ao legado de Rosalía de Castro. Cada un dos centros leu un manifesto con temática específica e o alumnado recitou poemas da homenaxeada. Tamén participou un coro escolar nesta «mostra de compromiso coa promoción da lingua e a cultura galegas», así como de recoñecemento a «unha das figuras máis emblemáticas da nosa literatura».
Trala benvida, o acto comezou coa interpretación do himno galego a cargo da asociación cultural Son de Nós. A continuación léronse os manifestos. O IES Monte Carrasco reparou nunha fotografía de Rosalía que se garda na súa casa museo que a describe como «unha muller nova cunha mirada valente, arroutada, con actitude enérxica e decidida que semella o vivo xesto da liberdade. Coma os paxaros, como as brisas, como as árbores no deserto e o pirata no mar». O IES de Rodeira reparou en Rosalía «e a lingua que aínda nos necesita». E o Illa de Ons reivindicou a Rosalía «nos novos séculos escuros que estamos vivindo». Os recitais poéticos, pezas de gaiteiros e un «caldo de gloria» para quentar os corpos puxeron o resto na homenaxe de Cangas, no que tamén participaron persoas alleas á comunidade escolar.

O recitado da obra de Rosalía no salón de plenos do Concello de Moaña, coa intervención dunha remeira da S.D.Samertolaméu. / Fdv
En Moaña a plataforma Queremos Galego organizou unha lectura da obra de Rosalía. Participaron ata 25 entidades que integran este colectivo, como a SD Samertolaméu co poema «Polo mar abaixo» ou a Lonxa Literaria coa obra «O repoludo gaiteiro». Tamén participaron colectivos como Charaviscas, Salgharitas, o propio Concello de Moaña ou o grupo musica The Lelli Kelly´s. A iniciativa busca tamén chamar a participar no acto pola lingua do 14 de marzo en Santiago.

Un momento do contacontos de Caxato, onte, na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu. / Fdv
No caso de Bueu, a Biblioteca Torrente Ballester acolleu unha sesión de contacontos con Caxato e cunha temática acaída para a ocasión. Baixo o título de «Somos ríos, somos fontes, somos regatos pequenos...», que aludía a un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro, fixo un percorrido pola traxectoria vital e literaria da autora galega. Un itinerario que chegou ata o presente porque Caxato foi quen de vencellar o legado de Rosalía coa obra de poetas galegas da actualidade. Un camiño que onte se transitou coa narración oral como luz e guía.
A programación da Concellería de Cultura de Bueu ao redor do Día de Rosalía complétase o xoves coa presentación oficial de «Réquiem», a obra de Eugénio Otero Lojo que foi galardoada co XXVIII Premio Johan Carballeira de Poesía. O recoñecemento inclúe a publicación do poemario por parte de Edicións Xerais, que se presentará tamén na Biblioteca Torrente Ballester. Será ás 19.30 horas coa presenza do autor, que estará acompañado da poeta Silvia Penas e do director da editorial, Fran Alonso. O libro supón unha homenaxe aos represaliados na Illa da Arousa durante o golpe de Estado de 1936 e a posterior guerra civil.
- Una mujer «Spider-Man» que trae de cabeza en Moaña
- Final feliz a cuatro días en altura
- La Policía evita que la pareja de O Real okupe otra casa en Touzal
- La Sareb, como acreedora de la deuda, se queda con los chalés de A Regueira
- Abal prepara un giro radical en las Fiestas del Cristo de Cangas
- Pontevedra pide dos meses de veda en el pulpo y poner límites al resto de artes
- El vino moañés «Raigames», con otro Oro en Vinespaña
- La Xunta tramita un nuevo camping rústico en Bueu: ocho cabañas en Cela