Entrevista | Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira Autoras de «Las trampas de la pornografía»
«A pornografía preséntase como liberdade, pero en realidade consolida as vellas xerarquías»
Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira presentan «Las trampas de la pornografía» na sala multiusos do Centro Social do Mar de Bueu

De esquerda á dereita: Chis Oliveira, Amada Traba e Priscila Retamozo, as autoras do libro "Las trampas de la pornografía". / Anxo Cabada
En pleno século XXI a educación sexual segue a ser un tabú, o que deixa o terreo libre para que a mocidade adopte a pornografía como unha mala escola de aprendizaxe. As novas tecnoloxías e plataformas son un eido practicamente sen límites para este tipo de contidos, que na maioría de casos atentan contra a igualdade e supoñen unha violación de dereitos.
Estes son algúns dos aspectos que abordan Amada Traba, Priscila Retamozo e Chis Oliveira no seu libro «Las trampas de la pornografía», que presentan este martes en Bueu nun acto organizado pola libraría Miranda. Será ás 19.00 horas, na sala multiusos do Centro Social do Mar.
Antes de nada, uns apuntamentos sobre as autoras. Amada Traba é licenciada en Ciencias Políticas e Socioloxía e é docente de Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo e en todas as edicións do Posgrado de Xénero desta universidade.
Priscila Retamozo é politóloga pola Universidade de Santiago e Máster en Igualdade e Xénero pola Universidad de Málaga. Conta cunha recoñecida traxectoria en materia de igualdade, que comezou na ONU Mujeres Ecuador, onde foi asistente técnica da Área de Erradicación da Violencia contra as Mulleres.
Pola súa parte, Chis Oliveira é catedrática de Filosofía e doutora en Educación Afectivo-Sexual. Foi profesora en diferentes másteres de xénero, presidenta da ONG Federación de Planificación Familiar de España, impulsora do Comando Igualdade e unha das fundadoras de Enxergo e Nexos de Didáctica de la Filosofía. Esta tarde estarán presentadas en Bueu pola directora do IES Johan Carballeira de Bueu e concelleira en Cangas, Leonor Gala Torres.
—Este é un libro escrito «a seis mans», por tres autoras. Como xurdiu esta unión para dar forma a este libro?
Nace dunha preocupación compartida sobre este tema. As tres somos socias e colaboradoras en moitos proxectos educativos feministas dende hai tempo. Chis e Amada publicamos hai un ano un extenso artigo sobre este tema na Revista Galega de Educación, e Priscila abordou tamén esta cuestión nun texto para a revista Grial. As tres compartimos un diagnóstico común: a pornografía converteuse nun axente «educativo» de primeira orde na socialización sexual da infancia a da adolescencia. A nosa experiencia nas aulas confirma que isto está a pasar e a bibliografía consultada tamén o respalda. Pero non pretendemos quedar só na análise diagnóstica: o noso obxectivo é propor alternativas e apuntar vieiros de saída dende a coeducación e o feminismo. Como somos moi partidarias do traballo en equipo puxémonos mans á obra.
Hai unha mensaxe que se amplifica e retroalimenta: o desexo masculino é o importante e merece ser satisfeito, por iso, os corpos das mulleres están dispoñibles. Aí está a trampa fundamental: preséntase como liberdade cando en realidade consolida vellas xerarquías
—O título apunta ás «trampas» da pornografía. Cales son esas trampas sobre as que reflexionan?
Cando falamos de «trampas» non nos referimos só á pornografía como produto, senon como imaxinario. A sexualidade non é só bioloxía: é,sobre todo, cultura. Neste sentido, interesábanos destacar como este imaxinario constrúe unha idea de sexualidade que parece libre e moderna, pero baixo esa apariencia reproduce un modelo de relación desigual, cousificadora das mulleres e á medida do desexo masculino hexemónico. Ademais, ese imaxinario non actúa illadamente. Vese reforzado por outros elementos moi presentes na nosa cultura: a hipersexualización, os discursos da machosfera, e por fenómenos como as tradwives [as esposas tradicionais] ou incluso polo uso da intelixencia artificial. Todo isto amplifica e retroalimenta a mesma mensaxe: o desexo masculino é o importante e merece ser satisfeito, por iso, os corpos das mulleres están dispoñibles. Aí está a trampa fundamental: preséntase como liberdade cando en realidade consolida vellas xerarquías.
—Os estudos revelan que para boa parte da mocidade a pornografía convertueuse nunha especie de escola de (mala) educación sexual. Que é o que falla para que a educación sexual siga sendo un tabú?
-Persisten as resistencias a falar de sexualidade de forma aberta, sen prexuízos, rigorosa e adaptada a cada etapa. Carecemos de formación sobre este tema e tampouco temos recursos comunicativos axeitados. A moitas familias nunca lles chega o momento, até que xa é tarde. No sistema educativo non contamos cunha formulación sistemática e integral en coeducación afectiva e sexual capaz de atender as demandas tan importantes do alumnado. Estáse atendendo a través de iniciativas illadas, totalmente insuficientes ante os retos actuais. A sexualidade segue xerando incomodidade, polémica ou medo. Entre tanto, a pornografía é accesible de forma anónima e inmediata. O mercado, a través de internet ocupou o baleiro que deixamos.

De esquerda a dereita: Amada Traba, Maria Xosé Porteiro, Chis Oliveira e Priscila Retamozo na presentación do libro no Club FARO. / Pablo H.Gamarra
—Perciben que as mozas son realmente conscientes desa cousificación á que apuntaban antes?
Moitas mozas identifican intelectualmente a desigualdade e a cousificación cando se analiza en frío. Saben sinalar que aí hai dominación ou estereotipos. O problema é que o imaxinario pornográfico non opera no plano racional, senón que, como no resto das mensaxes da industria audiovisual, opera no plano emocional e simbólico. Cando ese modelo se consume dende idades moi temperás, acaba influíndo no que se considera 'normal', no que se espera delas e en como interpretan o desexo propio e alleo. As veces non é que no sexan conscientes, senon que sinten que esas son as regras do xogo. Por iso falamos de igualdade: porque non se trata só de representación, senón de como se constrúen as posicións de poder dentro dos seus vínculos.
—Din que «a machosfera combátese dende casa ou desde a aula» e que este é un libro para facelo desde as aulas. Que ferramentas achegan aos docentes para esa tarefa?
A primeira ferramenta é non mirar cara outro lado. Sabemos que estes discursos están presentes nas aulas, así que o silencio non protexe. Propoñemos abordar a pornografía e a 'machosfera' dende o pensamento crítico, analizando mensaxes, desmontando mitos e traballando o consentimento, o desexo e a igualdade de forma explícita. O libro ofrece claves teóricas, exemplos e preguntas para abrir debate, pero sobre todo invita a xerar espazos seguros onde mozos e mozas poidan expresar dúbidas sen xulgar. Combater a 'machosfera' non é dar unha charla puntual, trátase de construír cultura de igualdade de xeito sostido.
Propoñemos abordar a pornografía e a 'machosfera' dende o pensamento crítico, analizando mensaxes, desmontando mitos. Combater a 'machosfera' non é dar unha charla puntual, trátase de construír cultura de igualdade de xeito sostido
—Estamos afeitos a ver en series e películas ese momento estereotipado no que un pai ou unha nai intentan manter «a conversa» cos seus fillos/as sobre o sexo e se presenta sempre como algo embarazoso. Como se pode abordar a educación sexual no seo das familias sen esa sensación de vergoña?
O primeiro paso é deixar de pensar «na conversa» como nun momento único e solemne. A educación sexual non é unha charla incómoda un día concreto, senón un proceso que comeza cando nacemos, cando nos comunicamos dende o tacto, dende o corpo e co corpo, cando falamos del e cando falamos da vida, cando damos afecto, mostramos respecto, orientamos nos límites e damos espazo ás emocións. Cando lle damos o mesmo dereito a ter desexo e construír a erótica tanto a nenas como a nenos. A vergoña moitas veces ten máis que ver coas nosas propias carencias que coa capacidade das fillas e fillos para entender. Se as familias se forman, empregan unha linguaxe clara e adaptada á idade, e naturalizan o tema, a incomodidade vai desaparecendo porque imos aprendendo conxuntamente. Non se trata de ter todas as respostas, senón de estar dispoñibles e de transmitir que a sexualidade é algo do que se pode falar sen medo e sen tabú.

«Las trampas de la pornografía», que se presenta hoxe en Bueu coas súas autoras. / Editorial Catarata
—Nos últimos días formulouse o debate de prohibir o acceso a redes sociais ata os 16 anos, precisamente polos seus contidos de pornografía e pornografía infantil. Seguro que hai moitas familias que están dacordo, pero máis aló de se esa prohibición é viable, ou non, volvemos a unha cuestión recurrente: prohibir ou educar? Ou ambas?
Non cremos que sexa unha cuestión de escoller entre prohibir ou educar. A regulación é necesaria, especialmente cando falamos de menores e de contidos que vulneran dereitos. As plataformas non poden eludir a súa responsabilidade. Pero ningunha regulación substitúe á educación. Aínda que se atrasase o acceso, se non traballamos o pensamento crítico, a xestión do desexo, a igualdade e o consentimento, o problema reaparece máis adiante. Tamén vai pasar que o consumo de pornografía a idades temperás se oculte, porque sabemos que existen formas de eludir os controis. A clave é combinar marcos normativos claros con educación afectivo-sexual integral e acompañamento adulto. Protexer sen educar xera descoñecemento, pero educar sen regular pode deixar a infancia exposta ao mercado.
—Outro dos fenómenos nas redes é OnlyFans, que se vende como unha forma de empoderamento para as mulleres. Unha mostra máis dun relato trampa?
Absolutamente.OnlyFans e outras plataformas similares, preséntanse como emprendemento e empoderamento, pero convén preguntarse en qué condicións e dentro de qué mercado. Non cuestionamos que haxa mulleres que o vivan como unha elección, pero esa elección prodúcese nun contexto onde o capital segue a obter beneficio da sexualización dos seus corpos. A narrativa do 'eu decido' pode ocultar desigualdades estruturais e a presión económica, ou doutra índole, que empurra a moitas mozas a converter a súa intimidade en produto. É unha actualización do mesmo imaxinario: véndese como autonomía, pero segue orbitando en torno ao desexo masculino e á lóxica do consumo. Por iso falamos de relato trampa: cambia a estética e o discurso, pero a estrutura de fondo permanece.
Suscríbete para seguir leyendo
- Una mujer «Spider-Man» que trae de cabeza en Moaña
- Final feliz a cuatro días en altura
- Cangas instalará cámaras de control de tráfico urbano y supervisará la rotación de coches aparcados
- La Xunta tramita un nuevo camping rústico en Bueu: ocho cabañas en Cela
- BNG y PSOE abandonan al Alondras y encarecen el comedor escolar, denuncia el PP
- Muere Manuel Currás Gayo, Roque, pionero de las traídas comunales en Meira
- Moaña celebrará una Festa Cubana con música, baile y gastronomía el proximo sábado 14 de marzo
- La subasta de la urbanización de A Regueira en Cangas, a punto de quedar desierta por falta de pujas