Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

O entroido de Ons, un orgullo galego

Esta celebración, recuperada en 2025, forma parte dunhas xornadas dixitais

Participantes na recuperación do entroido tradicional da illa de Ons o ano pasado.

Participantes na recuperación do entroido tradicional da illa de Ons o ano pasado. / Fdv

Bueu

A comunidade dixital Orgullo Galego aproveita estas datas para celebrar as súas V Xornadas de Entroido, que se poden seguir a través das plataformas YouTube, Ivoox e Spotify. A programación deste ano inclúe un apartado específico para o entroido tradicional da illa de Ons, que foi recuperado en 2025 despois de medio século sen celebrarse. A edición deste ano este ano, co «Dominko ghordo», estaba prevista para esta pasada fin de semana, mais a meteoroloxía obrigou a cancelalo.

Orgullo Galego é unha comunidade dixital en lingua galega, que funciona desde 2016 e que ten como obxectivo divulgar a lingua, cultura, tradicións e actualidade de Galicia. Así, as súas xornadas ao redor do entroido ofrecen unha oportunidade para coñecer un pouco mellor a historia deste festa na illa de Ons e a súa figura máis característica, os mudados.

Os seus responsables falaron co profesor e investigador José Manuel Dopazo, cuxo traballo de investigación resultou fundamental para a recuperación desta festa. A conversa xa se pode visualizar e escoitar a través das plataformas dixitais de Orgullo Galego, que contan con máis de medio millón de seguidores.

O entroido de Ons comparte protagonismo nestas xornadas coas mascarada do Val do Támega e adxacentes, o «antroido» de Cerqueda (Malpica), Ribadetea, Camba (Laza) e A Fonsagrada. A programación complétase cunha conversa co fotógrafo Roberto de la Torre sobre o papel dos fotógrafos na tradición.

Desde a comunidade Orgullo Galego sinalan que nas cinco edicións destas xornadas dixitais deuselle voz e visibilidade a ducias de entroidos galegos e a investigacións ao seu redor, unhas conversas que acumulan máis de 60.000 reproducións entre todas as plataformas.

Tracking Pixel Contents