Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte e poesía

"Os fíos da vida", unha singular colaboración multidisciplinar

Nerea Cordeiro e Daniel Chapela publican un libro que combina poesía, fotografía e creación pictórica, que estará á venda nas librarías de Bueu

A portada do libro, deseñada por Nerea Cordeiro, e que xoga co mapa de Bueu.

A portada do libro, deseñada por Nerea Cordeiro, e que xoga co mapa de Bueu. / Nerea Cordeiro

Bueu

Poesía, fotografía e creación pictórica. Tres formas de expresión artística que se combinan en "Os fíos da vida", un libro que se publicará a vindeira semana cunha edición moi limitada de só 100 exemplares. Os seus responsables son a artista Nerea Cordeiro e o poeta e editor Daniel Chapela, ambos naturais de Bueu.

A obra sairá á venda o sábado 14 de febreiro e estará dispoñible en catro das librarías de Bueu: Miranda, Abrente, Marpau e Boulevar. A intención dos autores é facer unha reflexión "sobre a vida na aldea, na vila e na cidade, sobre a perda o amor, sobre o movemento", explican Cordeeiro e Chapela. "En definitiva, falar sobre nós mesmos e sobre o que experimenta a sociedade do noso tempo", engaden.

Nerea Cordeiro está a realizar neste momento o doutarado en Belas Artes na Universidade Complutense de Madrid e logrou numerosos premios e becas, como na última edición da bienal Arte no Morrazo, Xuventude Crea da Xunta de Galicia ou no Certamen AMCA a la Crítica de Arte Joven 2025, da Asociación Madrileña de Críticos de Arte.

Daniel Chapela (primeiro pola esquerda) e Nerea Cordeiro (segunda pola esquerda) na inuaguración dunha exposición en Bueu.

Daniel Chapela (primeiro pola esquerda) e Nerea Cordeiro (segunda pola esquerda) na inuaguración dunha exposición en Bueu. / Cedida

Pola súa banda, Daniel Chapela é autor do poemario "Biscoito de laranxa", editor da obra narrativa de Luísa Villalta (distinguida nas Letras Galegas 2024) e gañou o Premio de Poesía Díaz Jácome con poemas que inclúe neste libro de "Os fíos da vida".

"Estamos ante unha obra multidisciplinar, que combina poesía, fotografía e creación pictórica, combinando o mellor de todos eses mundos", conclúen ambos.

Tracking Pixel Contents