Cultura
Desfiles, filloadas, festivais de comparsas e homenaxe a Xosé Diz, no Entroido de Bueu
As murgas volverán a ler o pregón na xornada do venres 13 | A saída da sardiña e do Paxaro do Mal Agoiro, pendentes do tempo

A presentación do Entroido de Bueu, con representantes municipais e dos colectivos. Entre os presentes está Xosé Diz (segundo pola dereita), que será homenaxeado o vindeiro luns 16 de febreiro. / Fdv
Bueu xa se prepara para vivir o seu entroido, cuxo comezo estaba previsto para este domingo na illa de Ons. A meteoroloxía estragou o tradicional «Dominko Ghordo» illán e haberá que esperar ata a vindeira semana para empezar a desfrutar da troula destas datas. A programación incluirá festivais de comparsas, filloadas e concursos gastronómicos, desfiles ou obradoiros infantís co artista Tino Resille para acabar de darlle forma ao Paxaro do Mal Agoiro. A queima do emblema do entroido bueués debería ser o gran broche, pero haberá que agardar a que pare este continuo trasego de borrascas e que escampe. Unha das novidades deste ano é a recuperación das homenaxes á persoas pola súa contribución ao entroido: este ano será Xosé Diz, un dos fundadores da comparsa Os Mulos e autor da letra de «Falemos galego».
A concelleira de Cultura, Carmen García, acompañada de colectivos e asociacións presentou este venres o programa de actividades e agradeceu a colaboración de todo o tecido asociativo, que permite impulsar un entroido «para todas as idades e en todos os lugares de Bueu». Unha vez confirmada a cancelación do entroido tradicional de Ons, a apertura festiva será o xoves 12 de febreiro no estaleiro da Banda do Río, cunha proxección audiovisual das celebracións de 2025.
En todo caso o inicio oficial será o venres 13, cun pregón no que se prevé a participación das seis comparsas da vila: Vou nun Bou, Os Mulos, Os do Pinsel, As Faltriqueiras, As Tinta Femia e Os Kantaclaro.
Sexto festival de comparsas de Costumes de Cela no Eirado
O sábado 14 as actividades desprázanse ata o Eirado de Cela coa Asociación Cultural Costumes de Cela. Ás 16.00 horas haberá unha festa infantil e a partir das 18.00 horas comezará a sexta edición do seu festival de comparsas.
A xornada do sábado culminará cunha festa disfraces na carpa que se colocará no aparcamento das Lagoas, que contará coa presenza de Dj Moe.
O domingo de entroido vén con novidades. A Asociación Veciñal Banda do Río organiza unha filloada e un concurso de postres, que se desenvolverá no entorno do estaleiro de Purro. Desde o colectivo veciñal animan a recuperar a tradición dos vascalleiros e a acudir disfrazados con roupas vellas.
Do luns 16 ao mércores 18 na carpa das Lagoas haberá unha nova edición do obradoiro infantil do artista local Tino Resille, en horario de 11.00 a 13.00 horas. Os participantes axudarán na elaboración da gran figura do entroido de Bueu: o Paxaro do Mal Agoiro. Tino Resille avanza que o deseño deste ano será algo máis grande, cunhas dimensións aproximadas de 2,5 metros de alto e máis de 4 de longo. «E terá un toque expresionista, a Picasso», engade.
A homenaxe a Xosé Diz, no salón de plenos do Concello
A xornada do luns 16 incluirá o recoñecemento a Xosé Diz pola súa contribución ao entroido de Bueu. Este veciño é un dos fundadores da comparsa Os Mulos e naquela primeira época, entre 1968 e 1970, escribiu «Falemos galego», unha canción que logo popularizaron A Roda e Suso Vaamonde. A homenaxe será no salón de plenos do Concello, ás 20.00 horas.
O martes 16 o entroido vaise para a aldea de Meiro, coa décima edición da filloada e festival de comparsas que organiza a Asociación de Veciños A Morada.
O mércores 18 de febreiro chega o primeiro dos desfiles do entroido de Bueu. Coa colaboración das Anpas dos centros educativos sairá o Enterriño da Sardiña, que estará encabezado cunha figura deste peixe feita con globos.
Os festivais de comparsas a favor das escolas de balonmán do Bueu Atlético
Unha das citas senlleiras do entroido de Bueu é o festival de comparsas que organiza o Bueu Atlético de balonmán. Este ano chega a súa edición número 43 e será o venres 20 no Centro Social do Mar. As entradas está previsto que se poñan á venda o martes 10 de febreiro.
O sábado 21 a partir das 16.00 horas haberá unha festa infantil e concurso de disfraces na carpa das Lagoas. Logo, a partir das 20.00 horas, virá un festival coas comparsas da vila. E a partir das 23.00 horas comezará outra festa de disfraces amenizada por A Duendeneta.
O gran desfile do entroido da vila será, se o tempo o permite, o domingo 22 co Paxaro do Mal Agoiro. A saída será as 17.00 horas desde a Avenida Montero Ríos e tras percorrer o centro urbano o paxaro arderá na praia da Banda do Río.
A troula do entroido aínda se estirará uns días máis. O venres 27 haberá un novo festival de comparsas organizado polo Bueu Atlético, na Casa do Pobo de Beluso a partir das 21.00 horas. E o sábado 28 a festa remata con outro festival no Centro Social do Mar, a beneficio das propias comparsas.
- Una mujer «Spider-Man» que trae de cabeza en Moaña
- Final feliz a cuatro días en altura
- La Sareb, como acreedora de la deuda, se queda con los chalés de A Regueira
- La Policía evita que la pareja de O Real okupe otra casa en Touzal
- Abal prepara un giro radical en las Fiestas del Cristo de Cangas
- Pontevedra pide dos meses de veda en el pulpo y poner límites al resto de artes
- El vino moañés «Raigames», con otro Oro en Vinespaña
- Detenida la pareja okupa de Moaña por entrar en una casa habitada en Meira