A HISTORIA DOS MUNICIPIOS DO MORRAZO
A formación dos concellos (II)
Un longo e complexo proceso

Fernando VII co seu liberador francés, o duque de Angulema, no Puerto de Santa María / Arquivo do autor

O proceso e formación dos concellos voltaría a verse anulado durante unha década de mo-narquía absolutista e non se reanudaría ata a rexencia de María Cristina de Borbón, viuva do rei, creándose as catro novas provincias e Deputacións, así como modificacións dos partidos xudiciais. Entanto, neste novo marco divisional xurídico territorial, seguiría a conformación dos concellos e o baile de parroquias e cabeceiras dos mesmos. Ainda que con asuntos pendentes, ata finais de 1836 non se consideraría rematado oficialmente o proceso.
Despois de abortar parcialmente o goberno liberal unha sublevación realista a finais de 1822, Fernando VII solicita a axuda do rei de Francia Luis XVIII para acceder ao trono. O día 7 de abril de 1823 entra en España o exército francés mandado polo duque de Angulema, coñecido como os Cen Mil Fillos de San Luis, que apoiado polos realistas pronto ocupa Madrid e logo Sevilla a onde se trasladara o Goberno que fuxe a Cádiz, retendo ao rei. A cidade foi atacada e o Goberno claudica e libera a Fernando VII baixo a promesa de acatar a Constitución, cousa que non cumpriría, establecendo unha monarquía absolutista.

Antigas e novas provincias. / Arquivo do autor
No que respecta ao tema que tratamos, o 10 de outubro de 1823 emite un Decreto que deroga toda a le¬xislación constitucional e a división territorial nacida ao seu amparo. Deste xeito desaparecería o Concello do Hío con a penas dous anos de vida, restablecén¬dose por segunda vez as xurisdicións do antigo réxime, nun periodo que foi denominado como a Década ominosa pola opresión e represión contra os liberais. Despois de dez anos de mandato, a finais de setembro de 1833 morrería este rei, deixándolle o trono á súa filla Isabel II, despois de derogar a chamada Lei sálica que lle impedía ás mulleres herdar este cargo real. Como Isabel ainda era unha cativa, actuaría como rexente a sua nai Mª Cristina de Borbón que tivo que enfrentarse aos levantamentos carlistas, partidarios estes de Carlos, irmán do rei, que reclamaba o trono.

Escudos Marín. / Arquivo do autor
Pouco despois da morte do rei, a Gobernadora rexente Mª Cristina vaille encargar a Javier de Burgos, secretario de estado do ministerio de Fomento un proxecto de lei sobre a organización dos concellos e provincias, recollidos nos Reais Decretos do 10 de novembro e do 30 de no¬vembro de 1833 no que se reorganizan as provincias segundo un criterio centralista a imitación dos departamentos franceses. As 52 provincias existentes previstas polas Cortes de Cádiz, pasan agora a ser 49, mais as catro de Galicia non sofren cambios territoriais, agás que a denominada provincia de Vigo pasa a ser de Pontevedra con capital nesta cidade. Ainda que os procesos electorais non variaron, pois seguían votando só os maiores contribuintes, a Administración de Xustiza (partidos xudiciais) deixa de ser competente nestas materias que agora pasan a depender das Administracións provinciais.

O motín da Granxa de San Ildefonso. / Arquivo do autor
Xa desde a primeira reorganización territorial de 1812, o que era a antiga Xurisdición de Cangas pasaría a formar parte do Partido Xudicial de Pontevedra coas protestas dos seus rexidores que non conseguiron reverter a situación. Cando en 1820 se reinstala a Deputación de Galicia e pouco despois ao se constituiren as provincias e as suas respectivas deputacións, Cangas seguiría reclamando ser cabeceira de partido mais sen resposta do ente provincial. En 1928 o alcalde José Mª Rodal presentaría un recurso contra a distribución xudicial existente e no mesmo sentido o farían os seus sucesores Juan Benito Zabala y Correa e Juan Antonio Correa, conseguindo a calada por resposta.
Cando en abril 1834 se promulga un Real Decreto para reorganización dos partidos xudiciais, a penas hai cambios nos once existentes: Pontevedra, Vigo, Cambados, A Cañiza, A Lama (logo Ponte Caldelas), Lalín, Ponteareas, Redondela, Tabeirós (logo A Estrada), Tui e Caldas de Reis. Como estes eran a base para a designación dos vocais-deputados da nova Deputación, o que significaba representación e poder institucional, Cangas volvería a iniciar en 1835 un longo contencioso para ser de novo cabeza de partido, sendo Ramón Sequeiros o último alcalde en intentalo, outra vez sen resultados positivos. Cangas non voltaría a ser cabeceira de Partido xudicial ata o ano 1988.
Entanto, os liberais, que seguían reclamando a instauración da Constitución de Cádiz, protagonizarían desde 1835 numerosos motíns militares e levantamentos populares, ainda que en Galicia non se rexistraría ningún deles. Neste ano, un Real Decreto do 23 de xullo sobre o arranxo dos concellos, leva aos comisionados do Partido Xudicial de Pontevedra a asignarlle a Cangas sete parroquias. Mais esta decisión tería a réplica do mordomo-pedáneo de Bueu que solicitaría a separación de Cangas e constituir concello propio, feito que se materializa o o 28 de outubro deste ano 1835.
Nesta data, Meira, que solicita a renovación do seu concello, vai atoparse coa oposición de Cangas que aspiraba a sumar estas parroquias ao perder as de Bueu entre as que estaba a do Hío, que dous días despois solicita constituir con Aldán concello propio, pero sen logralo. Xa que logo, o concello cangués quedaría conformado por só duas parroquias, Coiro e máis a de Cangas pois a de Darbo era anexo da igrexa da vila. Ante esta situación de provisionalidade, os gobernadores advírtenlle ao goberno central a imposibilidade de aplicar o Decreto en Galicia, pois se ben tivo éxito no resto do Estado, a estrutura territorial de Galicia, dividida en parroquias, dificultaba moito a constitución dos concellos pois son moitas as que aspiran a contar cun ente municipal propio.
Xa pouco antes, o 21 de setembro deste mesmo ano, tíñase promulgado outro Real Decreto para a constitución definitiva das Deputacións, facéndose efectivas as da Coruña, Lugo e Ourense en novembro sendo que a creación da de Pontevedra non se produciría ata o 12 de febreiro de 1836, sendo presidente Miguel del Pino. Desde esta data os comisionados provinciais traballarían arreo para conformar o mapa definitivo de entes municipais, que se vía constantemente interferido de novo por solicitudes parroquiais para seren concello.

Concellos 1836. / Arquivo do autor
En agosto deste ano, un motín dos sarxentos da gornición e da garda real na Granxa de San Ildefonso (Segovia) onde veraneaba a rexente Mª Cristina de Borbón e a sua filla Isabel de cinco anos, obrigaron á raíña a pór de novo en vigor a Constitución e a nomear un goberno liberal progresista que facilitaría o difícil artellamento dos concellos. A finais do mes de decembro a Deputación aprobaría o novo mapa de concellos na provincia, reducindo o número dos existentes (147) a 63 entidades municipais. Esta proposta sería aprobada polo Goberno central o día 8 de febreiro de 1837 mediante unha Real Orde asinada pola Raíña Gobernadora.

Concello Cangas. / Arquivo do autor
Ainda así, seguirían os movementos de parroquias que non aceptaban esta división e recorrían ás altas instancias de Madrid como O Hio e Aldán, que foran asignados a Bueu en 1835, e pretendían agora volver a formar Concello como xa conseguiran outras catro entidades da provincia, elevando a 67 os municipios. Oficialmente, consta que o Concello de Meira (Moaña) con catro parroquias, se constitúe en outubro de 1836 e os de Bueu (seis parroquias) e Cangas (duas parroquias) quedan establecidos o 30 de novembro de 1836. O Concello de Marín, a única variación que sufriu foi a incorporación da parroquia de Ardán (que quería formar concello con Cela) sendo dos máis estables nos seus límites, quizáis porque a maioría do seu territorio procedía de ordes relixiosas que xa foran desamortizadas.

Escudos Meira-Moaña. / Arquivo do autor
En 1844 é cando os da Casa de Valladares, novos donos da Illa de Ons, que fora agregada ao concello de Sanxenxo, van forzar a sua anexión ao concello de Bueu, adscribíndose no relixioso á parroquia de Beluso. Durante os anos seguintes, O Hío e máis Aldán seguirían coas suas intencións de formaren concello, mais a Deputación negaríalles sempre esta posibilidade ata que deciden optar por solicitar a sua segregación de Bueu e unirse a Cangas pois contan con máis relacións e mellores comunicacións con esta vila.
Finalmente, o 28 de febreiro de 1873 e despois de 37 anos, a Deputación aprobaría a agregación destas duas parroquias ao concello de Cangas, que non puido asumir todas as suas competencias sobre elas ao pertenceren ao distrito marítimo de Marín. Este asunto comezaría a intentar arranxalo en 1892 o alcalde de Cangas, Manuel Sequeiros Matos, dirixíndose á raíña rexente para que resolvese esta «anomalía», que foi finalmente solucionada o 4 de setembro de 1896 ao pasar a ría de Aldán ao distrito marítimo de Vigo.

Os concellos en 1837. / Arquivo do autor
En 1874, o Concello de Meira, ubicado en Pazorredondo, é trasladado a San Martiño mudando o nome polo de Concello de Moaña. Posteriormente, xa no século XX, a casa do Concello pasaría á zona da praia, moi dinamizada xa polo paso da estrada, e que no ano 1955 tamén se vai converter na nova parroquia da Virxe do Carme. Un intento de mudar o mapa municipal produciríase en xuño do ano 1925, sendo alcalde Ernesto Carballo, cando os veciños de Domaio fan unha recolleita de sinaturas para solicitar a súa segregación de Moaña e unirse ao concello de Vilaboa. Durante a época da República tamén se propuxo a unión dos concellos de Cangas e Moaña, pero igual que a anterior quedarían en nada. No ano 1921, a Cangas, que estaba adscrita ao partido xudicial de Pontevedra, váiselle asignar un xuiz de distrito, mais non voltaría a contar con Partido xudicial propio que inclúe tamén a Moaña e Vilaboa, ata o ano 1988.
*Investigador e veciño de Cangas
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares