A historia dos municipios do Morrazo
A formación dos concellos (I)
Un longo e complexo proceso

Cadro do pintor Salvador Viniegra (1862-1915) sobre a constitución das Cortes de Cádiz de 1812. / Salvador Viniegra

Están a piques de cumprirse 190 anos da creación dos Concellos constitucionais e facemos un repaso sobre o complexo proceso da sua conformación no Morrazo, condicionada pola particular estrutura territorial e toda clase de intereses políticos, relixiosos e particulares que influiron no mesmo. Os avatares políticos destas datas tampouco axudaron moito no seu desenvolvemento constitucional pois o contrapeso da mentalidade dos afectos ao antigo réxime, monárquicos e conservadores, non facía máis que entorpecelo.
Desde a época medieval, o eixo de articulación básica do territorio de Galicia foron as parroquias, entes relixioso-sociais que abranguían aos fregueses das mesmas. Para a xestión dos seus problemas elixían un, dous ou máis mordomos ou pedáneos que se encargaban de convocar a concello (a toque de campá tanxida) aos veciños para tratar os seus problemas, xestionar os seus recursos comúns e defender os seus intereses. Xa na Idade Moderna crearíanse as Xurisdicións, ente que baixo xestión dun xuíz controlaba diversas parroquias nun territorio máis amplo no que tamén se incluían os coutos señoriais, algúns deles con xuíz propio, pero supeditado este ao xuíz de Cangas no que concernía á recadación de tributos, homes para os exércitos e calquera outros mandamentos emanados das autoridades principais. Xa desde 1495 temos coñecemento de alcaldes en Cangas que adoitaban ser tamén os xuíces da Xurisdición, nomeados de forma dúplice pois o arcebispado elixía tamén o seu propio, sendo o último Froilán Leal y Lamas nomeado en abril de 1810.
Nos primeiros anos do século XIX, as antigas parroquias do arciprestado do Morrazo aínda estaban repartidas en dúas xurisdicións reais, unha con cabeceira en Pontevedra e a outra en Cangas. Esta, á súa vez, subdividíase en Partido de Arriba e de Abaixo e en cadanseu tamén se integraban coutos señoriais como Aldán e Bon e Vilar (Beluso), Meira e a illa de Ons e os eclesiásticos de Cangas-Darbo e Ermelo. No territorio que ocupa hoxe a provincia de Pontevedra había 107 entidades repartidas en 69 xurisdicións civis e 38 coutos señoriais ou relixiosos.

A xurisdición comarcal a finais do século XVIII, aínda durante o Antigo Réxime. / Arquivo do autor
Despois da expulsión dos franceses constituíronse en Cádiz unhas Cortes de maioría liberal nas que se aprobou unha Constitución o 19 de marzo de 1812, de aí que que fose coñecida popularmente como «A Pepa». Nesta determinábase que «para o goberno interior dos pobos haberá Concellos» e no seu artigo 310 dispuxo que se porá Concello nos pobos que non o teñan, e nos que conveña que o haxa, non podendo deixar de habelo nos que por sí ou coa súa bisbarra cheguen a mil almas, sinalándolles tamén o término xeográfico correspondente». Así se iniciou o proceso para a creación dos novos Concellos ou Municipios chamados constitucionais, que os liberais consideraban fundamentais para rachar radicalmente coa división territorial herdada dos anteriores tempos medievais e modernos.
Un dos primeiros pasos a dar foi a posta en vigor do artigo 10 da Constitución, disolvendo a Real Audiencia de Galicia (A Coruña) que era o principal órgano de goberno do país, sustituíndoa o 19 de marzo de 1813 por unha única Deputación Provincial establecida en Santiago, pero que dous meses despois, o 13 de maio deste ano foi trasladada á Coruña. Nesta cidade funcionaría ata o 27 de xuño de 1814, ao seren disoltas as deputacións por un Real Decreto promulgado o 15 deste mes.

Evolución da heráldica do Concello de Cangas. / Arquivo do autor
Entanto, o proceso de creación dos novos concellos e o sinalamento dos seus respectivos términos municipais non foi fácil e estivo suxeito á pugna de intereses locais e persoais encabezados polos potentados desta época e os nobres e fidalgos que se opuñan a perder o seu poder e privilexios. Deste xeito, obviaron a normativa das Cortes e constituiron concellos de menos de mil habitantes como se ordenaba, chegando mesmo á axitación popular por medio de «axentes» contratados a este fin. Entre setembro e decembro de 1812, as parroquias de Cela e Piñeiro, Darbo, Bon e Aldán, Meira, Domaio e Tirán e Coiro quixeron formar concello, producíndose disturbios. Ata o punto de que o alcalde de Cangas tivo que solicitar do Xefe Político de Galicia que «o auxiliase con gente armada y municionada», porque coa independencia destas parroquias non tiñan efecto as ordes para o alistamento e o pago da contribución.
O 23 de xuño de 1813, unha Instrución das Cortes prevía que o Concello de Cangas chegase ata Domaio, o que xerou unha «axitación» dos veciños desta parroquia e de Moaña. Tras da mesma estaba o vigués Manuel Gómez «O Chasco», que predicaba o soerguemento contra Cangas e a formación de dous concellos «subversivos» como foron cualificados polas autoridades. Deste asunto preocupouse o comandante militar de Galicia, marqués de Campo Sagrado, que ordenou a intervención de tropas, detendo aos responsables e impóndolle fortes multas aos axitadores, aínda que «O Chasco» conseguiu fuxir e o marqués perdeu o seu cargo.

Evolución da heráldica do Concello de Bueu. / Arquivo do autor
Todos estes vaivéns políticos, cun facer e desfacer de concellos por intereses particulares, rematarían coa volta de Francia de Fernando VII (El Deseado) e a súa proclamación como Rei absoluto, quen por R.D. do 4 de maio de 1814 declara «nula e sen ningún valor» a Constitución de 1812, ao igual que todos os Decretos das Cortes de Cádiz, volvendo a división territorial aos coutos e xurisdicións do antigo réxime. Neste periodo sabemos que exerceron como alcaldes de Cangas Joseph Mª de Sequeiros (1817) e Benito Antonio García Guardado (1818).

Un retrato do rei Fernando VII. / Fdv
Mais, o día 1 de xaneiro de 1820, o comandante Rafael del Riego á frente das suas tropas, negaríase a embarcar en Andalucía para as colonias americanas pola precariedade dos medios e dos barcos, erguéndose en armas contra o rei e reclamando a posta en vigor da Constitución de 1812 que aseguraba os dereitos de todos os cidadáns.

Carimbos da Deputación e Goberno provincial durante o trienio liberal. / Arquivo do autor
Para controlar a fidelidade das gornicións, o rei nomeou o 21 de febreiro a Francisco Javier Venegas como novo capitán xeneral de Galicia pois A Coruña daba mostras dun grande apoio a Riego. Cando Venegas acudiu a Capitanía para presentarse aos oficiais, estes procederon a deter a Venegas mentres no exterior un grupo de paisanos armados tiña desarmado aos centinelas. A Coruña convertíase así na primeira cidade de España en apoiar a Riego, iniciando a derrota do absolutismo e o establecemento dun Goberno liberal.

A xurisdición da comarca no trienio liberal de 1820 a 1823. / Arquivo do autor
Este goberno emitiría xa o día 3 de marzo deste ano, un decreto reinstalando na Coruña a Deputación única de Galicia e nos repartimentos que fai para distribuir o cupo de quintas e máis a contribución do ano seguinte, menciona os concellos constitucionais de Cangas-Darbo, Coiro-Tirán e O Hío-Aldán. O 7 de marzo emite outro Decreto para retornar ao proceso de creación dos Concellos constitucionais, completando o marco legal para a súa instalación e funcionamento e dous días despois Fernando VII xuraría finalmente a Constitución liberal.

O Concello do Hío, Casa de Dominios. / Arquivo do autor
Comezaría así a etapa do chamado Trienio Liberal, durante a que continuaría a formación dos concellos constitucionais, sendo que algúns chegarían a nomear alcaldes e outros cargos, e incluso a recadar algúns impostos. Nesta circunstancia atopamos as freguesías do Hío e de Aldán que se constitúen en concello en 1821, nomeando alcalde a Santiago Otero e ubicando o consistorio na chamada Casa de Dominios no Hío.
Como dixemos, o Decreto de marzo de 1820 volvería a establecer na Coruña a Deputación Provincial única de Galicia que funcionaría aquí ata o 13 de abril de 1822, data na que se vai extinguir para dar paso ás novas catro provincias e Deputacións galegas, xa creadas por Decreto do 27 de xaneiro deste ano con capitais na Coruña, Lugo, Ourense e Vigo. Entanto. Outras moitas parroquias, incluidas as do Morrazo, seguían optando a ter Concello propio (ver mapa), mais o curto periodo de tempo de goberno liberal (tres anos) non permitiría o establecemento de casas consistoriais, consolidar unha organización municipal elemental e rematar co caos económico que xeraba esta situación e que as Cortes pretenderon remediar coa aprobación o 3 de febreiro do 1823 dunha Instrución para o goberno económico-político das provincias que no noso caso era a Deputación de Galicia, como xa dixemos. Neste ano, o número de novos concellos establecidos nos límites da actual provincia de Pontevedra alcanzaba xa o de 147 entidades municipais.
*Investigador e veciño de Cangas
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría