Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Onde a ría se chama Tirán (II)

O investigador e integrante da Asociación Cultural Nós completa nesta segunda achega este percorrido pola costa da parroquia moañesa de Tirán

Procesión con motivo da colocación de primeira pedra do porto. Ano 1926.

Procesión con motivo da colocación de primeira pedra do porto. Ano 1926. / Pacheco/Arquivo A.C.Nós

Xesús Cancelas Franco*

Máis adiante a finca de Roberto González Pastoriza (Fillo Predilecto de Moaña) e que hoxe está convertida na Urbanización do Monte do Con. Pastoriza era un prestixioso avogado natural de Moaña que residía en Vigo e durante a II República foi membro de Esquerda Republicana, amigo de Castelao e propiciou a visita a Vigo de Garcia Lorca para celebrar actos que presentaba o propio avogado. Posteriormente e durante o franquismo Pastoriza foi desterrado.

A mediados do s. XX o avogado e a súa muller Mª Luisa Sanjurjo (que era unha laureada e prestixiosa pianista), foron adquirindo fincas no monte do Con ata chegar a ter arredor de tres hectáreas onde construiu algunhas vivendas nas que veraneaba a súa familia e diversos invitados tal como o Vicario Pontificio para o sur de Francia Monseñor Antherieu e varios abates en agosto de 1955.

Na finca que os seus donos chamaban Montelar había prantados multitude de frutais, sobre todo cítricos, que deu pé a unha asamblea anual da Asociación de Fomento Citrícola na que participaron máis de 70 productores. Montelar era refuxio dunha elite cultural onde se celebraban obras de teatro, onde vivía o pintor danés Leif René, ou veraneaba Maria do Carmo Kruckenberg (Sobriña de Mª Luisa Sanjurjo) que chegou a dicir que comezou a escribir na Praia do Con.

Xusto ao final da praia está a coqueta casa do “Fiunchal” que mandara construír o comerciante vigués José Benito Porto Rial con licenza de decembro de 1940. Porto era membro dunha familia poderosa e tiña un comercio na rúa do Príncipe en Vigo, fora concelleiro en Vilagarcía e Vigo e tamén Deputado Provincial. En decembro de 2017, cando a finca e casa estaban en venda, os herdeiros de Porto reinscribíronna no Rexistro da Propiedade de Cangas cunha superficie de 708 metros cadrados.

Traballadores da casa do Foxón. Cara o ano 1920.

Traballadores da casa do Foxón. Cara o ano 1920. / Pacheco/Arquivo A.C.Nós

En decembro de 2018 a propiedade foi adquirida por Eva Cárdenas, muller de Alberto Núñez Feijóo, que no citado ano era Presidente da Xunta de Galicia e a casa foi obxecto dunha ampla reforma. A propietaria solicitou unha concesión de 110 metros cuadrados para manter un acceso directo á praia ata o ano 2037 que lle foi denegada recentemente. Segundo informa o Concello de Moaña, nunca foi concedido permiso para construír o muro levantado enriba da praia e ao Servicio Provincial de Costas tampouco lle consta concesión algunha do dono anterior.

Seguindo a liña da costa e despois de pasar a igrexa parroquial de San Xoán (Románica tardia) do século XII, e que xunto co cimiterio ven ser un coxunto único por estar construídos enriba dun cantil, e o núcleo poboacional do Igrexario atopamos unha finca dunha hectárea aproximadamente que foi propiedade da familia Barreras González-Pastoriza que hoxe é propiedade dun veciño de Cangas.

A continuación estaba a finca do Foxón que o crego de Tirán e posteriormente cóengo da catedral de Ourense Álvaro de Avalle constituira como morgado en 1629. A propiedade foi transmitíndose por herdanza familiar ata que no 1977 se venderon as cerca de catro hectáreas a dous propierarios de Moaña e a outro de Cangas, actual popietario do cámping de Tirán.

Nesta finca naceron ou viviron unha enorme cantidade de políticos e militares que chegaron a ter moitísimo poder entre os séculos XIX e principios do XX.

Eduardo Hipólito Matos.

Eduardo Hipólito Matos. / Retrato da Deputación Provincial

En 1820 constituiuse un novo Concello Constitucional que se chamaba Coiro e Tirán, e en 1821 tivo como alcalde a Prudencio José de Matos Troncoso Benavides que casara con Francisca Antonia Santos e fixaran a súa residencia no Foxón.

O seu fillo Eugenio Vicente Matos Santos foi alcalde do Concello de Meira os anos 1869 e 1870 e tamén Deputado Provincial en 1874. Da súa voda en Tirán con Josefa Martínez foi madriña Pura Fontán muller do marqués do “Pazo de la Merced” José Elduayen.

Outro fillo, Eduardo Hipólito Matos Santos foi Alcalde de Pontevedra, Gobernador Civil da provincia entre 1881 e 1883, Presidente da Deputación entre 1886 e 1891.

Tres netos de Prudencio José tiveron tamén cargos de relevancia, José Sequeiros Matos foi maxistrado, secretario relator da Audiencia e Deputado Provincial entre 1882 e 1886.

Eugenio  Sequeiros  Matos.

Eugenio Sequeiros Matos. / A.C.Nós

Eugenio Sequeiros Matos foi director médico do Lazareto de San Simón, médico municipal e alcalde de Moaña durante sete anos entre 1881 e 1896, Deputado Provincial entre 1901 e 1903. Nese mesmo ano falece e o seu enterro tardou tres horas en chegar de Tirán a Cangas segundo dicía a crónica de Faro de Vigo e foi multitudinario por ser gran defensor dos mariñeiros máis humildes, particularmente dos xeiteiros.

Manuel Ventura Sequeiros Matos foi alcalde de Cangas entre 1892 e 1898 e logo Deputado Provincial entre 1903 e 1917.

En 1918 e 1921 dúas sobriñas de Antonia de la Torriente (propietaria do Foxón) casaron con autorización do Arcebispo de Santiago no oratorio da casa familiar con dous oficiales do exército. Tratábase de Antonio Cordón García e José Carvajal Quiroga. Este último foi alcalde de Moaña entre 1929 e 1930, posteriormente durante a República os dous pasaron á reserva.

José Carbajal Quiroga, en 1920.

José Carbajal Quiroga, en 1920. / Baró/A.C.Nós

Dias despois do golpe de estado promovido por Franco, Carvajal foi nomeado delegado gubernativo (alcalde) e posteriormente incorpórase ao frente de guerra no bando sublevado. Antonio Cordón que estaba en Madrid cando o golpe de Franco, incorpórase ao Exército Republicano onde ten importantes cargos políticos e militares, tendo que exiliarse posteriormente. Participa na II Guerra Mundial nos frentes de Polonia, Iugoslavia e Francia, acada o grado de General e vive o exilio na Unión Soviética e Italia. Morre en Roma en 1969.

A continuación está a finca herdada por Francisca Bolíbar Sequeiros, muller do escritor José Mª Castroviejo da que son propietarios os seus 11 fillos. Un deles, Santiago foi director do Real Jardín Botánico de Madrid e en 2010 foi nomeado Fillo Predilecto de Moaña a título póstumo. O resto dos irmáns destacan por largas carreiras dedicadas a distintas facetas das ciencias naturais, diplomacia, historia etc.

E por último, en 1961 Mª Rosario Sousa y Faro-Sanjurjo, muller de José Fernández López (fundador de Pescanova) inscribe como propias trinta e dúas fincas na parroquia de Tirán. Tiñan nomes como Ramil, Niño do Corvo, Niño da Pomba, etc. e formaban parte do coto de Vilela propiedade do mosteiro de Oia desde o s. XVI.

En 1998 a finca do Ramil de 96.000 metros cadrados foi adquirida pola promotora Dismareate e nunha parte dela está construído o supermercado Lidl, antes da superficie comercial e xusto no mesmo lugar houbo unha vella caseta onde comezou a facer ximnasia o varias veces campión de España e entrenador e seleccionador de ximnaxia artística entre 1974 e 2013, Jesús Carballo. Esta finca está cerca do límite co veciño Concello de Cangas.

*Veciño de Moaña e integrante da A.C.Nós

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents