Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Onde a ría se chama Tirán (I)

O investigador e integrante da Asociación Cultural Nós fai un percorrido pola evolución, lugares e persoeiros vencellados á costa da parroquia moañesa durante o século XX

Familia Sanjurjo de veraneo no Con,  caro o ano 1908.

Familia Sanjurjo de veraneo no Con, caro o ano 1908. / Cantero/Arquivo A.C.Nós

Xesús Cancelas Franco*

A comezos do século XVIII, Tirán pola súa situación xeográfica (está por mar a menos de dúas millas de Vigo) e por outros avatares acabou tendo gran importancia na historia local de Moaña. A costa das parroquias de Tirán (duns 2.800 m.) e Moaña era unha liña continua de praias cunha densidade de poboación moi baixa e a finais do citado século os lindes entre ambas marcábaos unha finca propiedade de José Fernández Guerra e Tomasa Anguiano Hernández, que tiña una extensión de 94.400 m2 e que contaba cun peche perimetral de pedra que se chamaba Granxa do Con.

Os propietarios viñan sendo os bisavós de Casto Méndez Núñez, quen acabaría herdando a propiedade pouco antes do seu falecemento ocorrido o 21 de agosto de 1869. O ilustre mariño sería enterrado en Pontevedra e no ano 1872 Amadeo de Saboya concedeulle ao seu irmán Jenaro o título de 1º Marqués de Méndez Núñez.

A partir dese nomeamento á finca da súa propiedade comezaron a chamarlle Granxa do Real. Os restos de Casto foron enterrados en Pontevedra e trasladados posteriormente á capela da finca familiar o 30 de abril de 1875, onde permaneceron ata xuño de 1883 en que foron de novo exhumados para ser trasladados ao Panteón de Mariños Ilustres en San Fernando (Cádiz). A finca foi total ou parcialmente propiedade da dita familia, é dicir dos marqueses de Méndez Núñez sendo residencia habitual dalgúns deles ata 2011 en que sería vendida.

No extremo nororiental da finca, construíuse no ano 1907 un peirao de madeira propiedade da Sociedade El Progreso, que estivo en funcionamento ata 1930. Nese ano inaugurouse o peirao de pedra que hoxe coñecemos como “de pasaxeiros”, e o tramo de rúa que o enlaza coa Praia de Moaña. Os escasos 200 metros que separan os dous peiraos antes citados tiveron unha relevancia histórica por ser visitados por dous Xefes do Estado e un Xefe do Goberno.

A visita do rei Alfonso XII á tumba de Casto Méndez Núñez

O día 2 de agosto de 1877 o Rei Alfonso XII, visitou a tumba de Casto Méndez Núñez en homenaxe ao Mariño e él foi quen autorizou o traslado dos seus restos a Cádiz. O 28 de xullo de 1924 o dictador Miguel Primo de Rivera recibiu no peirao de madeira ao Alcalde da época Ernesto Carballo na súa viaxe pola ría de Vigo. Dez anos despois o día 9 de agosto de 1934 o Presidente da República, Niceto Alcalá Zamora desembarcou en Moaña nunha viaxe de visita ao Morrazo e foi recibido polo Alcalde José Romero. Polo mesmo peirao pasarían distintas personalidades a través do tempo como foi o caso dos reis Balduino e Fabiola de Bélxica o 16 de agosto de 1961.

Proseguindo o paseo cara o sur pola rúa José Costa Alonso, que foi construída entre os anos 1934 e 1936 atopamos o Peirao da Mosqueira que se iniciaría en 1973 e remataría en 1978, tendo posteriormente varias ampliacións e reformas ata a actualidade. Na explanada da Mosqueira está a nave de Deportes Naúticos da Sociedade Deportiva Tirán, que tantas satisfacións dá aos veciños polos títulos acadados.

Seguindo o paseo atopamos a finca dos descendentes de Concepción Arenal. A finais do século XIX, Fernando García Arenal, fillo da ilustre penalista era o inxeñeiro director de Obras do Porto de Vigo onde tamén era inxeñeiro Casto Méndez-Núñez Velázquez (terceiro Marqués de Méndez Núñez). Fernando (Fillo Adoptivo de Moaña), non tardaría en comprar unha finca para construír un “chalé” no Con para veranear, que foi propiedade da citada familia durantes máis de cen anos.

Fernando García Arenal coa familia no calé do Con, no ano 1915.

Fernando García Arenal coa familia no Con, no ano 1915. / Cantero/Arquivo A.C.Nós

A continuación atopamos unha vella casa da familia González Camiña, e casi enfronte un “Cristo” que foi mandado constuír pola citada familia para lembrar o naufraxio dunha embarcación a remos e vela que ocurriu o 13 de novembro de 1838 e que facía a ruta entre Vigo e O Con. Na traxedia faleceran un irmán e un fillo dos donos da casa e outras 13 persoas.

Máis adiante atopamos a “rambla” que era o remate da estrada que saíndo de Marín acababa no Con, cruzando da Ría de Pontevedra á de Vigo, e que fora incluída no plan de carreteiras do Estado a proposta de Eduardo Vicenti en xuño de 1898. As obras tardaron moitos anos. O primeiro tramo subastouse en 1916 e non sería ata 1932 cando que se remataron outros varios tramos.

O Camiño Vello

Da “rambla“ tamén parte o Camiño Vello que dende tempos inmemoriais levaba da Ribeira do Con ata San Martíño na Parroquia de Moaña, e que no “Diccionario Geográfico Estadístico de España y Portugal” de 1827 considerábase o segundo camiño principal frecuentado no Morrazo, que saía da Punta do Con a Moaña… A finais do século XIX, era utilizado para trasladar o gando que provinte da zona de Vigo e mesmo de Portugal desembarcaba na punta do Con para ser levado ata a feira de Moaña en Abelendo, e ás veces tamén a Cangas.

Uns metros máis adiante atopámonos con dúas casas que foron propiedade de José B. Rubiños, señor do pazo Paxarín que fora alcalde de Meira e Deputado Provincial, e que son o pouco que queda da primeira industria de salga que se instalou en Moaña, posteriormente houbo dúas máis, nos baixos do pazo do Real e Detrás do Con. No lugar da primeira salgazón, máis tarde constuiuse un estaleiro de ribeira propiedade de Marcelino Cancelas.

Casto e Genaro Méndez-Núñez co que fora alcalde de Ernesto Carballo, no centro. Ano 1924.

Casto e Genaro Méndez-Núñez co que fora alcalde de Ernesto Carballo, no centro. Ano 1924. / Foto Pacheco/Arquivo A.C.Nós

De seguido veñen as casas que eran do rico facendado de Vigo e descendente de cataláns Francisco Martínez Villoch, tamén propietario doutra fábrica que máis tarde compraría Ernesto Carballo, conserveiro que fora dúas veces alcalde de Moaña durante a ditadura de Primo de Rivera e posteriormente na ditablanda de Berenguer e que acabaría perdendo as eleccións municipais o 12 de abril de 1931, dous días antes da proclamación da República.

Sabemos por un relato de Ramón García Vicetto en 1874, que a magnífica “quinta do Con” de Francisco Martínez Villoch, que con envidiable posición, facíana morada predilecta de veraneo do que fora varias veces ministro e marqués do “Pazo de la Merced” José Elduayen Gorriti e a súa familia a finais do século XIX, antes de ter comprado o castelo de Monterreal en Baiona.

Xusto nese mesmo lugar está o Peirao do Con, que estivo en obras durante moitos anos e anteriormente era unha punta natural da que se servían mariñeiros e embarcacións de transporte. Na “Viaxe a Galicia (1745)” que fixo Frei Martín Sarmiento deixou dito: “O Con é o embarcadoiro de Morrazo para Vigo. A Punta de Con”.

O conflito entre o xeito e a traiñeira, unha explosión con dinamita

A praia do Con tivo un protagonismo importante o día 26 de novembro de 1900 pola destrucción total ou parcialmente de 6 traiñeiras con dinamita en pleno conflicto pesqueiro entre os partidarios do xeito e os da traiñeira (arte nova na ría).

Esta praia tiña un indudable atractivo para veraneantes e bañistas, no BOE do 03 xullo de 1909 autorízase a sociedade El Progreso, a construción dun balneario similar aos que xa había en praias de Vigo e Bouzas, aínda que non chegaría a construirse.

Durante todo o século XX a praia do Con reunía veraneantes e bañistas moi coñecidos, onde pasaban o verán familias como era o caso do industrial vigués Manuel Sanjurjo que segundo informaba Faro de Vigo o día 18 de xullo de 1924 organizou o día anterior unha festa do Carme pola onomástica dunha das súas fillas “en la magnifica playa del Con donde veranea, una verbena disparándose multitud de fuego de aire y de artificio”.

Emilia Docet,  Miss España no ano 1933.

Emilia Docet, Miss España no ano 1933. / Studio M. Pergay

Outra familia reseñable que tódolos anos veraneaba na Ribeira do Con era a formada por Emilia Docet Ríos e Francico Novoa e dous fillos, ela elexida Miss España en febreiro de 1933 e que a dicir dalgúns convertírase na musa do Partido Galeguista. Participou no famoso mitin de As Arengas na praza da Quintana o 25 de xullo de 1934 xunto con Castelao, Bóveda, Otero Pedraio, Paz Andrade e Suárez Picallo. As crónicas da época dicían que pronunciou un discurso bello y sólido. Era unha persoa de grande implicación social na defensa dos desfavorecidos e representaba un novo modelo de muller polos seus estudos de peritaxe, pola súa vestimenta, por cosmopolita e practicante de varios deportes. Foi unha persoa represaliada durante a guerra e o franquismo.

Durante a maior parte do século XX na praia do Con celebrábase unha travesía a nado da ría ata Vigo que aínda hoxe se segue a facer e tivo unha grande relevancia en agosto de 1930 porque a nadadora francesa Jeanne Allendy convertíuse na primeira muller que cruzaba a ría nado.

O tramo de vial que unía o peirao coa Masandía era constantemente destruído polos temporais ata que o día 29 de marzo de 1936 a Corporación Municipal acorda interesar de Obras do Porto, a defensa do camiño que conducía ata Vilela, obra coa que o organismo portuario se mostrou favorable. Alí atópase o frigorífico de Pereira que antes foi Almacén de Salga e posteriormente fábrica de conserva con distintos propietarios (Ao lugar chamábanlle Lagoa do Con). A seguir está a casa da familia de José Costa Alonso que fora Presidente da Federación de Pósitos Marítimos de Galicia.

*Veciño de Moaña e integrante da A.C.Nós

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents