IN MEMORIAM
Grilandas para unha despedida
Nina Barros Carballo faleceu aos 68 anos e foi membro fundador da asociación Cultural Sanamedio, de Bon (Beluso, Bueu)

Nina Barros. | FdV
Míriam Ferradáns*
Cando me vaia deste lugar/ decora a entrada con grilandas/ igual que o farías para unha boda/ saca á xente das súas casas/e bailade no meu nome polas rúas.
Arrastraba a póla cortada dunha das árbores que rodean a capela, deixando tras de si unha nube de po suspendida no aire e o rastro dunha traxectoria errática debuxada sobre o chan do adro de Sanamedio. A súa silueta fráxil contrastaba radicalmente coa forza do seu xesto. Agora sabemos, Nina, que este verán foi o teu derradeiro esforzo por ter todo a punto para a festa.
Non hai maior acto de amor cara os demais que a entrega xenerosa, desinteresada e libre. Nina entregouse á Asociación Cultural Sanamedio (Bon), dinamizando unha aldea cada vez máis silenciosa, cunha memoria cada vez máis e máis diluída. Sempre vencellada aos movementos culturais, asociativos e sociais as súas mans nunca faltaron cando foron precisas. Tampouco a súa voz.
O pasado domingo puidemos acompañala na cerimonia de despedida. Celebramos a fortuna de térmonos cruzado con ela nestes vieiros da vida ás veces convertidos en costas angostas, outros en anchas avenidas de alegría. Viñeron o sol, a herba verde, as palabras e moitas persoas que a queren. Viñeron a música agarrada nas varandas dun acordeón que teimaba por ir vela ao Brasil, media ducia de xiríns, sorrisos, tenrura e moita xenerosidade.
A morte sempre é inoportuna, ingrata, mala amiga. Nunca chega cando debería, nin responde a ningunha lóxica que poidamos aceptar sen violencia. Buscamos entón o que permanece. De ti, quédanos un entre, Nina. Entre os corpos que te lembran e os obxectos que te sobreviven; entre as paisaxes que deixas a medio construir e as que se derruban contigo. Entre o silencio cruel e a risa reverberando por calquera camiño que un día pisaches.
A morte interrompe, pero non pode coa memoria. Non pode borrar o que xa foi tecido na carne das outras. Aí arde o alcance real do vivido. A túa existencia medirase por todo canto fuches capaz de edificar nos demais. Os hábitos mínimos, case invisibles, que alguén recibiu da túa man sen decatarse: un xeito de mirar, unha paciencia herdada, unha forma de estar no mundo. A riqueza da transmisión silenciosa.
Cando chegue a morte/ coma unha noiva no altar/ despídeme co meu traxe máis bonito/sirve xeado con pétalas de rosas/aos nosos convidados/ non hai motivo para chorar/ levo esperando toda a vida/por unha beleza así para/que me deixe sen alento/
Serás un leve puñado de po de estrelas, unha materia común e efémera, e ao mesmo tempo un grande legado.
Grazas por sacarnos a bailar. Quen pode presumir diso, pode presumir de ter vencido.
Cando me vaia/ deixa que sexa unha celebración/Porque estiven aquí/ vivín/ gañei neste xogo chamado vida. (Os versos son unha adaptación dun poema da Canadense Rupi Kaur).
* Míriam Ferradáns é unha poeta buenense.
- Cancelado el transporte de ría de primera hora entre Vigo y Moaña
- Muere un ciclista cuando circulaba por la carretera A Madalena-Herbello, en Cangas
- Un vecino de Darbo de 44 años muere mientras practicaba ciclismo en Aldán
- «Isto non ten pés nin cabeza, non podemos ir ao mar a hipotecarnos»
- Dos heridos leves en un aparatoso accidente en la PO-551 en Bueu
- San Amaro inaugura el nuevo año de romerías
- Una gran mancha de fecales tiñe la playa de Santa Marta y los vertidos no cesan
- El Domaio FC, presente en la Supercopa de España