Colectivos de Cangas promoven nomear «fillo adoptivo» a Harguindey e adicarlle unha rúa
A iniciativa de asociación Xiria busca recoñecer os méritos políticos, sociais e culturais do mestre e tradutor no cabodano do seu falecemento | Levarán a proposta ao Pleno da Corporación

Henrique Harguindey Banet, nos Xardíns de Félix Soage, a carón do reloxo de Guitián. | G.Núñez
A piques de cumprirse o cabodano do pasamento de Henrique Harguindey Banet, diversas entidades sociais de Cangas traballan para darlle o recoñecemento oficial que merece. Á cabeza, a Asociación Cívico Cultural Xiria promove e recaba o apoio doutros colectivos veciñais, culturais, musicais ou teatrais para dirixir ao Pleno do Concello a solicitude de nomeamento de fillo adoptivo e que unha rúa leve o seu nome. «Facémolo porque o seu traballo a prol da vila e do pobo de Cangas é grande e, ao noso xuízo, merecente dese recoñecemento», indican os promotores da iniciativa. Recalcan que «os méritos de Harguindey van desde o político ao social e ao cultural», e «desde a súa chegada o seu afán de integrarse e aportar ao progreso de Cangas son notorios». Esta mesma semana formalizarán os trámites para que as distincións se concedan ao longo de 2026.
«Unímonos para solicitarlle ao Concello o recoñecemento público de Henrique Harguindey como fillo adoptivo de Cangas e que unha rúa leve o seu nome», explican. Deste xeito, poñer en valor o traballo e as iniciativas que impulsou e levou a cabo. A proposta está asinada por Xiria, Cine Club Cangas, Asociación Veciñal Daravelo, Asociación Cacarexo, Mulleres Progresistas de Darbo, Grupo de danzas Pais de San Roque, Fundación Casa-Museo Camaño Xestido A Mangallona, Coral Polifónica Lestonnac, A. C. Peis d’Hos, Nova Escola Galega, Teatro de Ningures, Coral Queixumes do Hío e A.C. Memoria Histórica 28 de agosto.
Na primeira Corporación democrática, desde a área de Cultura e Ensino Harguindey «apoiou o tecido cultural implicando ás asociacións para darlle ás festas patronais un carácter colaborativo» Tamén levou a cabo un labor de «catalogación e protección do patrimonio arqueolóxico, con petróglifos coma os de Montecarrasco ou o Balcón do Rei», e «deu pulo á normalización creando unha revista municipal de cultura, A gavota, de difusión gratuíta».
Outra preocupación súa foi contar cunha Biblioteca Municipal, e baixo o seu mandato levouse a Pleno o proxecto de edificio de Casa da Cultura. Tamén foi pioneiro en solicitar un Auditorio Municipal e iniciou as negociacións para facelo realidade. O mesmo que o Conservatorio, «do que xa constan peticións súas como concelleiro no ano 1991». A participación cidadá foi aspecto destacado do seu traballo político, e sendo edil creouse o Consello Escolar Municipal. Tamén a Semana do Libro Infantil e cursos de historia do cine, engaden os impulsores do recoñecemento.
Fóra do traballo administrativo, foi un dos impulsores da Asociación Cívico Cultural Xiria e da Mostra de Teatro de Cangas. «O seu traballo como recompilador foi encomiable, con publicacións como Lerias e enredos para os máis pequenos ou Antoloxía do conto popular galego, que se utilizaron en moitas escolas e familias como libros iniciadores». Como tradutor Henrique Harguindey «é recoñecido polas institucións con diversos premios». Grandes autores franceses como Molière, Victor Hugo, Alfred Jarry, Hergé co seu Tintín, Jean Jacques Rousseau ou Rabelais «están en galego grazas ao seu traballo que puxo ao dispor dos lectores na súa páxina web Palabras desconxeladas», suliñan.
Como investigador lingüístico, impulsou a creación do grupo Maré do Morrazo que, nutrido por ducias de cidadáns como informantes leva 25 anos recollendo ditos, frases e palabras da comarca. Grazas a iso conservaranse para outras xeracións expresións e léxico características da nosa bisbarra, que están recollidos na publicación “Unha maré de palabras».
Lectura dramatizada do «Tartufo» e recitado de «La Mer» no Auditorio
Como homenaxe a Quique Harguindey, o Auditorio de Cangas acolle o venres ás 19.00 horas a lectura dramatizada de «Tartufo», a tradución en verso realizada para o Centro Dramático Galego (CDG). O acto, para público adulto e con entrada de balde, está promovido por Xiria e coa dirección de lectura de Teatro de Ningures. A continuación terá lugar o recitado de «La Mer», de Charles Trene, traducido al galego por Harguindey. Intervirán Elda Álvarez Rivera (recitado en francés), Rosa Gantes (recitado en galego) e Xico de Cariño, que fará unha interpretación musical coa harmónica. O acto estará presentado por José Manuel González e Estanislao Graña.
Suscríbete para seguir leyendo
- Cancelado el transporte de ría de primera hora entre Vigo y Moaña
- Muere un ciclista cuando circulaba por la carretera A Madalena-Herbello, en Cangas
- Un vecino de Darbo de 44 años muere mientras practicaba ciclismo en Aldán
- «Isto non ten pés nin cabeza, non podemos ir ao mar a hipotecarnos»
- Dos heridos leves en un aparatoso accidente en la PO-551 en Bueu
- San Amaro inaugura el nuevo año de romerías
- Una gran mancha de fecales tiñe la playa de Santa Marta y los vertidos no cesan
- El Domaio FC, presente en la Supercopa de España