Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Unha aproximación ao mestre canteiro Antonio Cerviño e á súa obra (I)

O artesán foi o pai de Ignacio Cerviño, autor do Cruceiro do Hío

A casa de morada de Antonio Cerviño, pai de Ignacio Cerviño, que logo faría o emblemático Cruceiro do Hío.

A casa de morada de Antonio Cerviño, pai de Ignacio Cerviño, que logo faría o emblemático Cruceiro do Hío. / Anxo Coya

Anxo Coya*

Cangas

Á persoa de Manuel Fortes Besada, polo seu amor aos canteiros e á nosa terra

Coñecer o corpus enteiro dun mestre canteiro do s.XIX non é unha tarefa doada, mais pretendemos dar conta de varias das obras realizadas en Pontevedra polo pai do escultor Ignacio Cerviño Quinteiro, máis recoñecido como “O Mestre Cerviño”.

Falamos pois, de Antonio Cerviño Couceiro, bautizado na igrexa parroquial de Santa María de Aguas Santas (Cerdedo-Cotobade) o 16 de xaneiro de 1805, fillo do matrimonio formado o 06 de maio de 1795 por Francisco Cerviño García e de María Antonia Couceiro. Seus avós paternos, Antonio e Ambrosia, eran veciños de Peroselo en Aguasantas e súa avoa materna, María Couceiro Rey, era natural de Santiago de Caroi ou de San Gregorio de Corredoira, segundo a información consultada.

O noso protagonista, Antonio, casou con María Antonia Quinteiro Touriño na propia igrexa o 14 de xaneiro de 1824, filla de Andrés e Rosa Touriño. Froito do matrimonio viron a luz María Ignacia, nada o 31 de maio de 1828, quen tivo unha filla chamada Avelina, bautizada o 11 de marzo de 1853 e casada con José Bouzón Fraguas; Josefa Dolores (1831-1889) que casou o 30 de agosto de 1851 con Manuel Lopo Landeiro; Jesusa (1841-1842), que finou dunha enfermidade “lombricosa” (sic), e María Benita, xemelga coa anterior (1841-1911) e desposada con Manuel Garrido Lorenzo; Teresa (1835-1905), que casou con Antonio Orge e a Ignacio Cerviño Quinteiro, nado o 14 de xuño de 1834 coñecido popularmente polo “Mestre Cerviño”, a quen consideramos o artífice material do Cruceiro do Hío.

Unha aproximación ao mestre canteiro Antonio Cerviño e á súa obra (I)

Unha aproximación ao mestre canteiro Antonio Cerviño e á súa obra (I). / Arquivo Municipal de Cerdedo-Cotobade

En 1854 Ignacio Cerviño entra na lista de mozos para cumprir coa obriga de facer o servizo militar. Antonio preséntase ante as autoridades municipais alegando probas para exención do seu fillo nesta obriga, xa que Ignacio é o único fillo varón que ten e o que axuda á manutención do fogar debido ao seu oficio de canteiro e asegurando ademais que este está nese intre “ausente en Cangas”, o que relacionamos esta ausencia coa obra contratada polo seu pai no Hío en 1852. Tamén se declara que Antonio padece unha “hernia escrotal irreducible” o que lle impide facer esforzos físicos no seu oficio.

Cando Antonio Cerviño ficou viúvo, casou en segundas nupcias coa súa criada, Manuela Blas Durán, natural de Santa María de Mourente e finada aos 74 anos o 3 de marzo de 1902. Antonio Cerviño morreu o 14 de novembro de 1889 e foi soterrado dous días máis tarde en Aguasantas.

Obras de interese

Consultando o blog do investigador Arturo Sánchez Cidrás podemos ver como documentou ao mestre canteiro Antonio Cerviño comparecendo diante de don Juan Lobera, alcalde de Bueu, o 24 de xaneiro de 1850 pola reclamación de pagos que afrontar a parte contratista, isto é, o crego da citada parroquia, don Joaquín González.

Refírese o investigador ás obras realizadas no adro da igrexa parroquial, coa inclusión dunha escaleira circular na nova porta aberta, así como colocar os asentos (do adro) ata alcanzar a pedra os asentos antigos.

*Investigador e veciño do Hío

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents