Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música | Xabier Díaz Músico e compositor

«Aquí non hai nada precociñado, cada concerto é diferente»

Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre estarán hoxe en Cangas nun concerto no Auditorio Xosé Manuel Pazos, ás 20.00 horas e para presentar o seu cuarto disco conxunto, «Axúdame a sentir». As entradas pódense adquirir a través da web de ataquilla.com ou no propio auditorio dúas horas antes do espectáculo.

Cangas

O músico e compositor Xabier Díaz (A Coruña, 1969), chega hoxe coas Adufeiras do Salitre ao Auditorio Xosé Manuel Pazos de Cangas para presentar o seu novo disco, «Axúdame a sentir». O artista conta xa cunha extensa traxectoria de máis de 30 anos na música, formando parte de proxectos como Berrogüetto (entre 2008 e 2014) e aCadaCanto con Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández. A súa colaboración con Adufeiras do Salitre xa supera unha década, un tempo no que publicaron ata catro discos. O máis recente este «Axúdame a sentir» que presentarán hoxe a partir das 20.00 horas en Cangas.

-Chega a Cangas para presentar “Axúdame a sentir”, o cuarto disco neste binomio coas Adufeiras de Salitre. Xa que estamos, fáleme de sentimentos: como foi ata o de agora a xira de presentación deste disco e destas cancións?

-Foi intensa. Foron 70 ou 80 concertos desde a presentación: paramos en Madrid, Montevideo, Bos Aires, Lorient, Barcelona, Vigo, Santiago, Bilbao ou Gante por poñer exemplos dispares. Sentímonos afortunados da viaxe e disfrutamos todas e cada unha das paradas.

-Conta que ese título de “Axúdame a sentir” é unha homenaxe a súa avoa Obdulia. Este traballo tamén apela a algo case revolucionario nestes tempos nos que imperan a virtualidade, intelixencia artificial e cada vez resulta máis difícil saber que é real ou natural fronte ao que está xerado por unha máquina.

-Estiven pensando moitísimo niso últimamente, ocórreseme engadir un anexo aos contratos. Somos doce no escenario, máis a produción técnica. A xente que merca unha entrada para vir a vernos, que alén de apostar pola música acústica, fai un consumo “socialmente responsable”. Insisto no agradecemento: aquí non hai nada precociñado, cada concerto é diferente.

-O título do disco está tamén presente en forma de verso na peza de apertura, “Muiñeira irmandiña”: “Axudádeme a sentir, axudádeme a cantar e se o vento sopra en contra, imos collidas da man”. Unha estrofa ben fermosa para cantar en comuñón coa xente nos concertos.

-Ese é outro dos retos que temos como sociedade nesta altura do século XXI. Son moitos os desafíos e as ameazas: hai que collerse da man do veciño, do amigo, do que pensa diferente e o que ten un idioma distinto. Sermos solidarios é a mellor das opcións, se veñen mal dadas será mellor afrontalas desde o común.

-Cales son os sentimentos ou sensacións que aspiran a espertar entre o público que acode aos seus concertos?

-Se algúns espertamos xa nos damos por satisfeitas. Penso eu que cada escoitante vive ese momento dun xeito diferente, seguramente son moitos os condicionantes que o fan así. De todos os xeitos, creo eu que todo comenza por intentar vivir os nosos propios, se o facemos no palco, seguramente é máis fácil trasladalo á platea. Pode ser que non o pareza, pero os nosos días son diferentes e fan que os concertos tamén o sexa.

-Entre as pezas que tamén sobresaen deste disco están as colaboracións coa cantante asturiana Marta Elola en “Ronda de Borbolla” e esa xota coa cantareira Teresa dos Cucos, “Xota dos Cucos”. Entendo que é imposible que estén en todos os concertos e que no directo serán as Adufeiras de Salitre quenes asumirán o seu rol.

-Estiveron nas presentacións que lles tocaban preto da casa, en Asturias no caso de Marta e en Ponteceso no caso de Teresa. Dous marabillosos exemplos de que a tradición continua, e que fortuna o seu concurso no álbum.

Creo que foi Patti Smith a que dixo “eu veño doutro século”: sen as peles, as ferreñas, e as rodas das zanfonas… para min é como quitarlle o pementón ao polbo.

-O 28 de decembro volverá a Santiago para unha cita xa imprescindible na súa axenda, co concerto na sala Capitol. En 2021 estivo acompañado polas mozas do grupo Lina e Lola, da Asociación Peis d’Hos. Neste concerto en Cangas haberá espazo para unha nova colaboración?.

-Ben apuntado! Que marabillosa, aquela participación, que marabilloso exemplo da calidade musical dos grupos da actualidade! Nesta ocasión haberá tamén unha colaboración, neste caso a de Unto Vello un dúo de rapaces novos, que andan a darlle outra volta ao «tradi».

-Aínda que en ocasións pareza incríble outra das cousas revolucionarias nestes tempos dixitais e virtuais é a de ofrecer un concerto en directo con músicos/as e instrumentos enriba do escenario. Sería capaz de entender a música e a tradición doutro xeito distinto?

-Son capaz de entendelo porque vexo o que acontece neste momento, e penso que é natural que aconteza así. Son novas linguaxes e novas ferramentas. Dito isto, creo que foi Patti Smith a que dixo “eu veño doutro século”: sen as peles, as ferreñas, e as rodas das zanfonas… para min é como quitarlle o pementón ao polbo.

-En todo caso ese respecto pola tradición non impide a inclusión de sons ou instrumentos máis actuais. Estou a pensar na participación do músico arxentino Manu Seija e a súa guitarra eléctrica.

-Efectivamente. Calquera ferramenta é válida tratada con cariño, e creo que hai un respecto xeralizado pola música de raíz. Cómpre que así sexa, sen fiscalizar demasiado as múltiples perspectivas dende as que revisitala.

-Para rematar, que predisposición ou que sentimentos lle pediría que se “trouxese” consigo o público para desfrutar do concerto de hoxe en Cangas?

Ningún predisposto diría. Eu deixaríame ir, o que alí vai a acontecer non se vai a repetir. Esa é o valor da música en vivo, cada experiencia, cada concerto é único. Deixarse levar pode ser a mellor das actitudes. Ogallá que cando marchen leven algo para a casa, un sorriso, unha reflexión, unha melodía que ronde a semana…

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents