Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A entrega dos Johan Carballeira reivindica o rural e a memoria

Cláudia Morán e Eugenio Lojo recibiron os premios de Xornalismo e Poesía, destacando a figura do exalcalde buenense represaliado

Cláudia Morán e Eugenio Outeiro, no centro, xunto a representantes do goberno local e de Amigos de Johan Carballeira.

Cláudia Morán e Eugenio Outeiro, no centro, xunto a representantes do goberno local e de Amigos de Johan Carballeira. / Santos Álvarez

Bueu

Bueu acolleu onte a entrega dos Premios Johan Carballeira de Poesía e Xornalismo nun acto que serveu para reivindicar a importancia do rural e da memoria histórica, xusto os dous eixos principais das obras gañadoras desta edición, firmadas por Eugenio Outeiro (na modalidade de poesía) e Cláudia Morán e Manolo Broa (na modalidade de xornalismo, con segundo deles ausente). Os gañadores recibiron un cheque de 1.500 euros e un prato de cerámica coa figura de Carballeira realizado pola artista Cavalinho do Demo.

Outeiro, seleccionado polo xurado de entre 44 traballos co seu poemario "Réquiem", centrou o seu discurso nos agradecementos, que incluíron a amigos e familiares, entre eles a Juan Luciano Otero, autor xunto a Fernando Salgado do libro «Papel de estraza», no que, subliñou, «me inspirei para este poemario». Amosou a súa satisfacción por ser galardoado «nun poco de cultura mariñeira e co nome de Johan Carballeira, que foi represaliado igual ca os veciños de Arousa aos que canto nos meus versos», e rematou a súa intervención dando nome «non dos represaliados, que foron moitos máis, senón dos mortos».

Pola súa banda Cláudia Morán agradeceu a importancia que este premio lle da ao rural galego, «a unha realidad que moitas veces fica fóra dos focos» e que ela, xunto ao seu compañeiro Manolo Broa, retratou na reportaxe gañadora «Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume». Para ela recibir este galardón supón «unha responsabilidade para seguir facendo o que creo» e non se esquenceu de compartilo con Manolo Broa pero tamén con outros compañeiros, toda vez que a reportaxe forma parte do proxecto xornalístico «Habitar o baleiro». E por suposto tivo unhas verbas para Johan Carballeira, «xornalista a pesar de todo por un mundo libre e mellor».

Manuel Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johan Carballeira agradeceu o apoio do concello para manter este premio, así como a todos os participantes, tanto en poesía como en xornalismo, que se presentan a un certamen en galego. Pero tamén fixo fincapé no recordo dunha época histórica «na que non houbo unha guerra, senón unha represión, cun goberno que foi usurpado», alertando da deriva política actual.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, a quen lle tocou pechar o acto, destacou o acto de onte coma «un acto de amor pola palabra e o compromiso coa lingua galega», lembrando que tanto a poesía coma o xornalismo «eran vehículos de Johan Carballeira para reivindicar as causas xustas. El é o faro que nos guía cada día».

O acto estivo amenizado por Cintaadhesiva, proxecto poético-musical conformado por Silvia Penas e Jesús Andrés Tejada.

Tracking Pixel Contents