Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Asociación de Caridade de Cangas, 1899-1905 (II)

O investigador e veciño de Cangas Antonio Graña achega a segunda colaboración ao redor da fundación da Asociación de Caridade de Cangas, entre finais do século XIX e principios do XX. Un colectivo de beneficiencia para facer frente a un dos momentos máis complicados da historia recente da vila.

Rúa de Francisco Romay- Cangas. finais do 1800- a esquerda, casa de  Agustin -O Martillón- ,a dereita casa da -Mescuencia-

Rúa de Francisco Romay- Cangas. finais do 1800- a esquerda, casa de Agustin -O Martillón- ,a dereita casa da -Mescuencia- / Arquivo do autor

Antonio Graña Graña

Cangas

Ano 1900:

Na memoria de 13 de xaneiro deuse conta do preocupante estado de contas do ano anterior: A pesares das perdas, gastáronse 5.839,33 reás en pan de trigo, pan de millo, carne, touciño, unto, fabas, viño, e leite. Todo para tratar de abordar dentro do posible as necesidades máis perentorias do momento. O remanente nas contas da asociación ascendían a 814,01 reás. A situación económica continuaba con números vermellos como consecuencia das numerosas débedas contraídas no exercicio anterior. A aportación mensual dos socios viña sendo de 401,80 reás.

O Axudante de Mariña entregou a sardiña confiscada a dúas lanchas de Vigo por valor de 190,80 reás. O Axudante da Mariña era o tenente de navío Heliodoro Souto Cueto.

Centrada nas dificultades polas que pasaba particularmente a nosa poboación a presidenta expuxo na asemblea:

“Téngase en cuenta la época del año en que surgió la perturbación económica producida por el cambio de aparejos de pesca (en alusión á tremenda loita entre xeiteiros e traíñas que produciu enfrontamentos dunha gravidade inusitada ) y otras que dependen de esta principal, y dígase si puede sostenerse que la Institución esté amagada de contingencias que pongan en riesgo su vida” [Libro de actas da ACC].

Porén, a pesares das dificultades descritas, xurde a iniciativa de por en marcha unha cociña económica para necesitados, na cal por un módico prezo proporcionaríaselle alimento san e suficiente, co conseguinte aforro de tempo e leña para os beneficiados.

A Asociación mantíñase máis alá dos seus socios, con colectas semanais, peixe doado polos mariñeiros, así como o colectado pola revista “El Pan de San Antonio”, publicación moi popular na época.

Ante a precaria situación das contas da Asociación de Beneficencia, recorren á familia Soage Vilariño, a cal postos en contacto con José Félix residente na República Arxentina, conseguen unha doazón de 500 pesetas. O cabo de pouco tempo remítelle outras 300 , para finalmente facerse socio da agrupación cunha cota mensual de 50 pesetas. Todo un impulso para sanear as sempre deficitarias contas da asociación “Fue el instrumento providencial para ahuyentar nuestra zozobra”, dixo Amalia González Bermúdez.

O 14 de Outubro distribúen entre os pobres sans 99 ½ libras galegas de pan de millo, 19 1/2 libras de fabas, 17 ½ libras de fariña de millo, e 3 ¾ libras casteláns de unto (unha libra galega de 20 onzas equivale a 579 gramos, unha libra castelán de 16 onzas equivale a 460 gramos).

Ano 1901:

Na asemblea do 13 de xaneiro, dáselle a coñecer ós socios que o Concello de Cangas acaba de facernos un donativo de 198 reás para festexar a entrada do século XX. O día seguinte, grazas a esa doazón, púidose entregar ós necesitados media libra de bacallau, unha e media de arroz, media de pan e un cuartillo de viño.

Tamén se lle comunicou ás asociadas e asociados que dende Abril de 1900 ata entrado o novo ano 1901, fixeron roupa para os necesitados, non tantas como desexarían, pero algunha máis ca o ano pasado. Ademais de 12 sabas fixeron tamén 10 camisetas de muller e 12 pezas de roupa interior para homes. Os ingresos deste ano e de 1903 recóllense no cadro adxunto.

Ano 1902:

Comezouse o primeiro trimestre, cun remanente de 1.467 reás, que se elevaron a 1.626,85, sumándolle o remanente do ano 1901. Os socios da Institución fan a primeira asemblea o 13 de abril. O socio

Verísimo Rodal Troncoso, socio recentemente falecido, deixou un donativo de 3.000 reás no seu testamento. Aínda que as circunstancias no económico continuaban sendo negativas, os servicios ofrecidos pola Asociación de Caridade, permitiron, dentro das lóxicas limitacións, que a xente máis desfavorecida non pasara a fame sufrida entre 1899, e 1900. As contas non están completas. Poñemos nos cadros adxuntos as dos anos anos completos de 1901, 1903 e 1904, das que dispoñemos.

Nos primeiros días do mes de marzo do ano 1902 , dan a coñecer dende Madrid, o “Proxecto Reformado do Porto de Cangas”. A finais de xullo o Ministerio de Obras Públicas, con Montero Ríos, referenda as obras, poxadas o 30 de agosto. Estaban valoradas en 372.914,84 pesetas. Saen a concurso, e queda gañador o pontevedrés Benito Corbal tras rebaixar a cantidade de 40.000 pesetas do presuposto. Os traballos terían que estar executados en 4 anos. Foi un pulo para a creación de emprego.

Cadro de ingresos

Cadro de ingresos / Arquivo do autor

Xa antes, sendo alcalde Serafin Barros, Eduardo Vicenti prometera a realización dun porto de atraque, iniciado o 19 de xaneiro de 1887; no 1889 xa estaban en marcha os estudos para a realización da obra, que quedou á espera de mellor ocasión. Houbo que agardar ata agosto de 1902 para o sogro de Vicenti, Eugenio Montero Ríos, darlle vía libre.

Ano de 1903:

Na Xunta do 18 de outubro deste ano, dase acoñecer “… contamos hoy con mayor remanente, gracias al espléndido donativo que por el alma de sus padres hizo á nuestra Asociación D. Benigno Soage Vilariño” [Libro de actas da ACC]

A nivel de ingresos o primeiro trimestre do ano, en especial o mes de xaneiro resultou espléndido, debido a cantidade de diñeiro recadado, aínda así insuficientes, dadas as continuas necesidades aparecidas de súpeto. No fondo a crise continuaba dando guerra, aínda que reinaba certo optimismo tras ollar a veciñanza a posta en marcha das obras de acondicionamento e recheo, tanto na zona do Peirao, coma no Costal, que permitiron dar os primeiros pasos cara a consecución da tan demandada rede de saneamento, para permitir que a auga, en vez de transcorrer pola superficie das rúas, fixérao definitivamente polo subsolo. Os ingresos e gastos orixinados no primeiro trimestre do ano pasaron sen novidades .

Cadro de alimentos.

Cadro de alimentos. / Arquivo do autor

No segundo trimestre do ano, a asociación tivo a necesidade de tomar dos fondos, 14.960 reás , para mercar produtos de alimentación necesarios para cubrir as necesidades do momento (No cadro 2 alimentos repartidos ).

Ano de 1904 a 1905

Todo transcorría con certa normalidade, tal como estaba previsto, pero aínda así sempre aparecía o inoportuno sobresalto.

Na Xunta Xeneral de 8 de xaneiro de 1905, faise balance do ano anterior 1904. Os alimentos repartidos preséntoos no Cadro 2. Elvira Gayoso le os datos na Asemblea Xeral do 9 de abril de 1905. Novamente os gastos superan os ingresos. Polo tanto a día 30 de xuño, cerraron as contas con tan só 2.676 reás e 49 céntimos. Co fin de equilibrar as contas, tiveron que recorrer ó remanente. A directiva da Asociación de Caridade pareceulle oportuno lembrarlles ós presentes que se non fora polo valioso legado aportado pola finada dona Mercedes Ortega, moito máis reducido quedaría o caudal de reservas. Apostilaban:

“Como es raro que nuestra asociación sea favorecida con esplendideces frecuentes, la prudencia aconseja que evitemos todo indiscreto exceso de gastos, puesto que se haría muy difícil nuestra labor y casi me atrevo a decir que infructuosa, si algún día nos viéramos precisadas á visitar á nuestros desfavorecidos con las manos vacías”. [Libro de actas da ACC].

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents