Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Enredos» que volven a Cangas polo Nadal

Nazaret acollerá nas vacacións o programa de diversión para menores e conciliación familiar

A praza de abastos e a súa contorna xa están decoradas para o Nadal. |  G.Núñez

A praza de abastos e a súa contorna xa están decoradas para o Nadal. | G.Núñez

Cangas

Como pasa cos turróns e outras galdrumadas típicas, os «Enredos de Nadal» regresan a Cangas por estas datas para ofrecer un servizo de asistencia lúdico educativo que inclúe actividades relacionadas coa natureza, os deportes, o aire libre, xogos, expresións artísticas e outras encamiñadas «a acadar un desenvolvemento persoal e social que favoreza a comunicación e o dinamismo multicultural» dos nenos e nenas participantes. O programa, destacan desde o Concello, ofrece «un espazo de conciliación» para as familias dos menores de entre 3 e 12 anos (que xa estean escolarizados) durante as vacacións escolares.

«Enredos» que volven a Cangas polo Nadal

«Enredos» que volven a Cangas polo Nadal

Os campamentos abarcan os días 22, 23, 24, 26, 27, 29, 30 e 31 de decembro, así como o 2 e o 5 de xaneiro. Serán no Ceip Nazaret en horario de mañá (de 9.00 a 14.00 horas), pero os organizadores apuntan que, «no caso de ter demanda suficiente por necesidades de conciliación previamente xustificadas», poderá ampliarse ese horario, comezando media hora antes (ás 8.30) e rematando media hora despois (ás 14.30). O prezo é de 60 euros polo total da actividade, e o prazo de inscrición estará aberto desde o luns día 24 ata o 12 de decembro.

O programa tamén está aberto a menores con necesidades especiais. O grao de discapacidade non poderá superar o 33%, deben ser autosuficientes, ter capacidade de comunicarse, participar, convivir e integrarse no grupo sen necesidade de axuda. As persoas solicitantes poden optar a unha bonificación sobre a taxa establecida, e os descontos aplicaranse tendo en conta a situación económica e os ingresos familiares mensuais. O Concello ofrece información no 986 322971, xuventude@cangas.gal ou través dun código QR.

Tracking Pixel Contents