50 anos da morte do dictador Franco
O paso do caudillo polo Morrazo
Aproveitamos esta data de hoxe 20 de novembro que foi cando faleceu o militar ferrolán Francisco Franco que despois do levantamento militar contra a República e unha guerra fratricida de tres anos, accedería á Xefatura do Estado co apelativo de Generalísimo. O seu falecemento non significaría o inicio da democracia e das liberdades pero marcaría o inicio dun periodo transitorio cara as mesmas. Aquí, só queremos facer un relatorio histórico da sua presenza no Morrazo.

Franco, en Montero Ríos. A dereita, funeral na súa memoria en Cangas o 20-11-1976. A esquerda, crónica dunha visita a Vigo e área nos70.| A Cepa

De todos é sabido que Franco, salvo cando preparou o golpe militar, non volveu a viaxar en avión por temor a un atentado (houbo varios frustrados), polo que optaría polas viaxes en tren e en coche con grandes medidas de seguranza. Desde que en 1939 lle foi «regalado» o Pazo de Meirás estas viaxes ´da Madrid á Coruña faríanse cada vez máis frecuentes. Ainda lembramos que nos primeiros anos sesenta todos os nenos dos colexios de Galicia sabiamos cando Franco e a sua muller ían chegar a Galicia por estrada rumbo a Meirás, pois días antes, parte das clases empregábanse en facer bandeiriñas de España con papel de seda. Avisábase do paso do Caudillo horas antes e axitabamos as enseñas ao paso dunha comitiva de varios grandes vehículos americanos blindados e con cortinas nas ventaíñas nos que era imposible saber en cal ía o ditador e a sua muller e familia e despois do seu paso, coas beirarrúas inzadas de gardas civís, subfusil en ristre, todos discutían sobre en cal dos coches ían. Neste sentido, lembramos oir contar que Carmen Polo, na viaxe desde Madrid por estrada lle comentou ao seu home, o Generalísimo, que sabía que xa entraran en Galicia pola cantidade de verde que xa se percibía. A isto, Franco retrucoulle que o verde que percibía entre as cortiniñas eran gardas civís.
Desde que lle «regalaron» o Pazo de Meirás, este foi o seu destino preferido, onde despachaba cada verán cos seu ministros. Despois, no iate «Azor» adoitaba desprazarse viaxando polas rías e temos referencias de acudir ás Cíes en xornadas cinexéticas, convidado por conserveiros e armadores da Ría entre os que tamén figuraban os Massó e Cervera de Cangas. A maioría dos mariñeiros da vila sabían que Franco andaba na zona pois o «Azor» fondearía algunha vez discretamente na enseada canguesa.

O alcalde de Cangas, reverenciando ó Caudillo. / A Cepa
Como fose, ata o 20 de setembro de 1953, o “Caudillo” Francisco Franco non poría pé en terra no Morrazo, o que é un dicir, pois desembarcou en Bueu do iate “Azor” ás doce e media da tarde e xa subiu no coche para dirixirse a Pontevedra onde foi saudado e agasallado no Museo, visitando despois varias igrexas e conventos así como as obras do Parador de Turismo. Pola tarde visitou os traballos de repoboación forestal en Figueirido, o Lago de Castiñeiras e Cotorredondo onde se interesou polos traballos experimentais de extracción de resina. Desde aquí e por Moaña, Cangas e Aldán regresou a Bueu onde embarcou de novo no “Azor” con rumbo descoñecido. Nin que dicir tén, que ao paso da comitiva automobilística por estes lugares Franco foi vitoreado e aclamado en loor de multitudes o que explica a sua predilección por viaxar en automóbil.

Demolición en 2008 do monumento erguido na honra de Franco nas Cíes en 1961. / Fdv
A torreta das Cíes
Ainda que non fisicamente, a presenza de Franco sería perpetuada nas Cíes coa construción dunha especie de torreta que conmemoraba os 25 anos do ditador no poder, baixo o equívoco lema de 25 Años de Paz, pois do que se di paz só transcorreran 22 anos. A monumental obra de 21 m. de altura e 6,5 de lado na base, foi financiada pola Deputación coa colaboración do Concello de Vigo e de varios empresarios. Varios barcos con guindastres trasladaron 240 m.³ de pedra e 650 de formigón, traballando na obra 68 canteiros que tardaron 37 días en erguer o «monumento» que foi derrubado a finais do século pasado.
O gran pescador
Igual que aqueles reis e señores medievais, cando non había guerra prolongaban o seu espíritu belicoso dedicándose á caza e á pesca. E o mesmo facía Franco que usando do aparello propagandístico do «Régimen», difundía as suas grandes capturas xa fosen grandes troitas ou salmóns nos rios ou cervos e corzos nas frecuentes saídas cinexéticas. Mais, o Caudillo iría moito máis alá ao «pescar» en diversas ocasións algunha balea que en realidade era cachalote.

Crónica da visita de Franco a Vigo e a Cangas en agosto de 1970. / Fdv
Así aconteceu o día 17 de agosto de 1966 cando se difundiu que Franco, que recalara na Escola Naval de Marín co seu iate, tña «pescado» unha balea de 10 metros e 25 toneladas que foi remolcada polo destrutor «Hernán Cortés», escolta do Caudillo, ata a factoría baleeira de Massó en Cangas. Este tipo de fazañas contribuían a engrandecer a sua figura na maioría de provincias de España, mais na costa atlántica e neste caso no Morrazo, todos sabían que fora un dos barcos baleeiros de Massó o que fixo toda a operación de caza e arrastre do cachalote.
Franco en Cangas
Se as anteriores visitas do Caudillo ao Morrazo foron bastante fugaces, a sua chegada a Cangas o luns 24 de agosto de 1970 ás doce do mediodía, tampouco o foi menos, a penas un curto paseo desde o coche ata o molle de pasaxe onde embarcou no Azor con rumbo a Vigo onde faría unha xornada completa de visitas e inauguracións. Iso si, toda a zona de Montero Rios estaba engalanada con bandeiras e os balcóns e beirarrúas estaban inzados de xentes que o vitoreaban. A recibilo acudirían o gobernador Civil, as «jerarquías» de Falange e a Corporación Municipal, presidida polo alcalde e Jefe Local del Movimiento, Eduardo López, quen puido estreitarlle a man ao Caudillo e acompañalo pero sen darlle tempo a facerlle algunha petición para Cangas.

Funeral por Franco o 20-11-1976 na excolexiata de Cangas. / A Cepa
Funeral por Franco en 1976
Mediante un bando, o alcalde en funcións Antonio Sangabriel convida a todos os cangueses a asistir en masa, ao funeral de primeiro cabo de ano da morte do “Caudillo” dos caídos e de José Antonio que se celebra o sábado día 20 de novembro na igrexa parroquial ás doce do mediodía coa presenza das autoridades locais, Corporación Municipal e Consejo Local del Movimiento.
Como se pode deducir a presenza física do ditador no Morrazo foi sempre rauda e polo tanto exigua pero os esfectos do seu espíritu represivo e o dos seus axentes ainda continua vivo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Cambio de rumbo para las cabañas turísticas de Bueu, que salen a la venta
- Acoso en las redes y amenazas a una peluquería canina de Bueu por la muerte de un perro
- Vecinos denuncian la conversión de una discoteca en after hours
- Rescatan a un motorista herido tras sufrir una caída de diez metros mientras practicaba trial en el monte Paralaia
- El Concello ya había multado por ruidos a la discoteca que actúa como ‘after hours’
- Cunchido abre la temporada de furanchos en Cangas
- Lola Bon, la voz canguesa de Jarcha que amenizó la Transición con «Libertad sin ira»
- Identifican al presunto autor de un robo en un comercio de Cangas, que se llevó material por valor de 1.500 euros