Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A Asociación de Caridade de Cangas, 1899–1905 (I)

O investigador e veciño de Cangas Antonio Graña Graña achega unha colaboración, que pola súa extensión se dividirá en dúas entregas, ao redor da fundación da Asociación de Caridade de Cangas, entre finais do século XIX e principios do XX. Un colectivo de beneficiencia para facer fronte a un dos momentos máis complicados da historia recente da vila.

Unha imaxe de Cangas a principios do século pasado.

Unha imaxe de Cangas a principios do século pasado. / Arquivo de A Cepa

Antonio Graña Graña*

Cangas

En 1899 unha trintena de mulleres de Cangas sentiron a responsabilidade de crearen unha asociación de beneficencia en Cangas. Dende 1890 déronse os primeiros pasos. Incluso Concepción Arenal, que neses intres residía en Vigo, viu visitar Cangas con ese motivo. Logo trasladáronse a Vilela, o fogar que compartían Amalia González e Eugenio Sequeiros. Concepción era nese momento membro da internacional Sociedade de San Vicente Paúl (integrada por laicos católicos) e dende logo unha gran promotora da asistencia a necesitados.

Os anos 1890 a 1905 son anos de calamidades. Nese período o Estado español tiña a caixa en números vermellos debido ao diñeiral malgastado na Guerra de Cuba, para beneficio somentes de particulares afíns ao réxime. No caso concreto da nosa Vila, nesa época, tivo que enfrontarse a unha situación poucas veces comparable. Houbo moita fame. Malos tempos para o cultivo, por tormentas prolongadas e asolagamentos na época de sementeira. Malos tempos para a pesca: conflito entre traíñas ó caldeo e xeitos máis trabuquetes á ardora. Estancamento na construción do peirao; precariedade sanitaria (quedara sen o médico, Manuel Villar, por rescisión do contrato en 1900 e a Sanidade Provincial non restituíu médico ata o punto de o Concello demandala. En 1904 aínda estaban vacantes as dúas prazas de médico); un saneamento inexistente que contaminaba rúas e augas.

Así o di Amalia González: «La carencia total de una infraestructura sanitaria también colaboró en ese caos. Jamás se pensó aquí en la instalación de un asilo, enfermería, casa de beneficencia, o un establecimiento para velar por la infancia, y como no, en la creación de una Cofradía de Pescadores que velase por los intereses de los hombres del mar» [Libro de Actas da ACC].

Amalia González Bermúdez de Castro.

Amalia González Bermúdez de Castro, a primera presidenta da Asociación de Caridad de Cangas. / Arquivo do autor

Nestas carencias insiste tamén o Informe da Xunta de Sanidade Municipal de Cangas de 16 de marzo de 1900.

Fíxose necesario a axuda mutua de todos para lle facer fronte á situación. Foi como un acordo non asinado onde cada individuo aportou o que boamente puido, tratando desa maneira de superar uns momentos críticos da nosa historia, deixando de lado as loitas entre os diferentes estatus da poboación.

As penurias seguían chamándose da mesma maneira; penurias. Mais, cando vence ese espírito de superación e solidariedade, teremos unha mellor perspectiva para visualizar aló no horizonte a esperanza dun novo amencer. Non foi cuestión doada chegar a esa comuñón entre ás diferentes “clases” da poboación, por moitos e variados motivos, que todos temos na mente. Pero ese estalido de superación e ansia, foi quen de xerar un entente para levantar a áncora que nos ataba ao fondo do marasmo, no que se atopaba a gran maioría da poboación. A sorprendente unidade para asaltar a recuperación foi froito dun arduo traballo, no que cada individuo aportou o mellor de si. Para logralo foi imprescindible o traballar con honestidade, en equipo, tendendo a man a aqueles que demandaban axuda e ao mesmo tempo xustiza. Se a todo se lle imprimira, como así foi, coraxe e determinación, as adversidades pareceríanos menos.

O periodo comprendido entre 1899 e 1905

Estamos a falar dos problem5as sufridos na Vila de Cangas, moi especialmente no período comprendido entre o ano 1899 e 1905, nos que logo de pasar unha situación límite, tivemos a oportunidade de ir quitando a cabeza da lama, imprimindo forza e superación a gran parte da poboación cangueira daquel momento. Todo iso produto dun tremendo esforzo que nos permitiu saír adiante e con determinación.

Os artífices desa axuda mutua teñen nomes. En primeiro lugar, a clase traballadora e en especial os mariñeiros, que con esforzo e sacrificio foron os primeiros en aportar parte das capturas solidariamente. O traballo e solidariedade aportado por cando menos 30 mulleres comprometidas na Asociación de Beneficencia de Cangas, foi moi importante na asistencia alimenticia, sanitaria e escolar. Se José Félix Soage Vilariño e familia tamén aportaban cartos, a Asociación de Caridade tiña o difícil labor de organizar a asistencia e os coidados prestados aos veciños que o necesitaban, incluído médicos e escola dominical. Non podemos deixar de mencionar a gran axuda aportada por certos veciños, moitos deles dende o anonimato.

A partir de 1902 comezaron a poñerse en marcha os traballos da construción do peirao de pesca, alentado por Eduardo Vicenti. O proxecto foi iniciado en xaneiro de 1887, quedou listo en 1889. Quedou paralizado por falla de financiamento. En 1902 foi reformado e aprobado pola Dirección General de Obras Públicas. As obras comezaron na primavera de 1903. En 1904 os canteiros puxéronse seis meses en folga polas condicións de traballo e soldo. Tamén, en xuño de 1904 iniciáronse as obras da estrada Bueu Cangas.

Creación da Asociación de Caridade de Cangas

En 1899 créase formalmente a Asociación de Caridade de Cangas, aínda que a súa actividade xa tiña dez anos de existencia. Voume basear no seu Libro de Actas 1899 a 1905, únicos dos que dispoño. Un grupo de 30 mulleres, enchidas de empeño e coraxe, foron quen de fincar os pés para tratar de por freo e remedio ao inmisericorde paso da miseria. Con este escrito trato de dar a coñecer e valorar o compromiso adquirido por esa Asociación. O Concello de Cangas no ano 1900 tiña unha poboación de 8.011 habitantes.

Constitución da Asociación de Caridade de Cangas

Na acta de constitución da Asociación de Caridade de Cangas, de 29 de marzo de 1899 dise: “En la casa escuela de niñas de Cangas (Rúa Méndez Núñez) á las 5 de la tarde del día 29 de marzo, reunidas las señoras cuyos nombres van al margen, ocupó la presidencia, por invitación de todas, doña Amalia González Bermúdez, que las había convocado. Dió gracias por tal distinción y expuso en breves palabras el objeto de la convocatoria, ó sea, fundar una Sociedad Benéfica para socorrer á los pobres de esta Villa” [Libro de actas da ACC].

Escrito de constitución da Asociación de Caridad de Cangas.

Escrito de constitución da Asociación de Caridad de Cangas. / Arquivo do autor

Amalia era presidenta provisional antes mesmo da asemblea fundacional da agrupación. A tesourería ocupouna Pilar Soage Vilariño (quen doou á Igrexa, para servizo da Parroquia, a casa da rúa Real, chamada Casa do Cura, onde Pilar tivera ata o seu falecemento en xuño do 1936, un comercio de teas).

O día da inauguración da asociación, responsables da mesma levaron a 34 necesitados unha modesta comida. Veciños anónimos prestaron as súas cociñas, as marmitas necesarias, ademais de aportar leña para cociñar. Outro asociado regalou un garrafón de viño, outro puxo a disposición da presidenta 35 pesetas. Finalmente os necesitados socorridos alcanzaron o número de 59, todo como consecuencia do volume de obxectos conseguidos.

Co motivo da posta en marcha da asociación tomáronse ás seguintes iniciativas. A primeira foi a implantación dunha escola dominical para nenas e nenos de pais en situación de desamparo (inaugurouse o 15 de outubro do 1899). Tiña como finalidade rebaixar o nivel de analfabetismo existente, comezando polos máis pequenos, á vez que trataban de eses mesmos rapaces teren certa formación para enfrontárense con certas garantías o sempre complicado camiño da vida: «Sabiendo escribir y contar le suministramos medios también para que puedan ganarse su vida con más facilidad» [Libro de actas da ACC].

A razón de celebralas en domingo era para non entorpecer a axuda que os nenos prestaban a diario nos fogares, mesmo no coidado dos irmáns máis cativos, e mesmo de persoas maiores. A experiencia foi todo un éxito: acudían por termo medio 90 alumnas e alumnos. As clases, tiñan unha duración de dúas horas. As profesoras das diversas materias impartidas, facían un total de once.

Construción de 12 casetas para tomar baños de sol en Rodeira

Outra das medidas consistiu na construción de doce casetas para tomar baños de sol na praia de Rodeira, seis por sexo. Os beneficios que aportaran ingresarían nas contas da asociación. Esas eran as perspectivas da presidenta, que sobre isto dicía: «En la última semana de mayo estará todo terminado e instaladas nuestras modestas pero aseadas casetas ordenadas en correcta hilera sobre la incomparable playa de Rodeira, y a la par que proporcionen frescura y salud al cuerpo, satisfarán por un módico estipendio, un tanto, la situación precaria por la que atraviesan nuestros pobres convecinos» [Libro de actas da ACC].

As casetas fixéronas os carpinteiros Francisco Sotelo (o Carrasqueiro) e José González Rodal. Para a construción emitíronse 200 accións a 5 pesetas cada unha. O custo alcanzou a cantidade de 344 reais. Tiñan, naturalmente, escasa demanda fóra do bo tempo, salvo en raras ocasións. A xente servíase delas para tender a roupa. Todo un fracaso que repercutiu negativamente no saldo da agrupación. As casetas estaban pintadas en franxas azuis e brancas as dos homes e rosa e branco para as mulleres. As casetas sairán adiante botando man dos remanentes sociais.

Algunha das comidas ofrecidas pola asociación tiveron lugar na finca da vicepresidenta, Elvira Gayoso. Chegaron a 128 comensais indixentes dunha vez. Pouco máis tarde reuniu outros 150, pero desta vez acompañados dos cativos de cada casa.

As visitadoras, que acudían a asistir a enfermos e maiores

Foi tamén moi importante o labor levado a cabo polas chamadas visitadoras, mulleres que formaban parte da Asociación, e que o seu labor consistía en visitar os numerosos impedidos do pobo, asistíndoos no que fixera falla, mesmo preparándolles o rancho. Sobre algunhas das visitas realizadas a casa dun impedido, a coidadora comentáballe a señora presidenta: “Mezquina era la vivienda, colgadas del techo pendían harapientas ropas y sobre mísero jergón yacía el anciano enfermo. Por una ventana entreabierta penetraba un río de aúrea de luz y se divisaban como nuncios gloriosos el mar azul y el cielo diáfano”. “¿Que pensaba el moribundo pescador? Por ventura recordaba las tardes semejantes, ya lejanas en que su robusto brazo manejando pesado remo, impulsaba con alegre vigor su embarcación” [Libro de actas da ACC].

Neste 1899 aportáronse 16 pezas de roupa interior e exterior, feitas polas socias. José Molanes, maior gusto e desinterese imprime os recibos de cobranza mensual, dando ademais gratuitamente o papel dos mesmos. Lembrouse tamén a recén falecida Constantina Agulla, que facía de enfermeira por quendas tanto de día como de noite, a pesares do seu delicado estado de saúde. Das demais compañeiras que facían ese mesmo labor non era costume dar a coñecer os seus nomes. En maio increméntase o número de enfermos: «Y fue que, aumentándose mucho el número de pobres atacados de enfermedades agudas, y siendo preciso auxiliarles diariamente hubo la necesidad de acudir al escaso remanente destinado a proveer de ropa a los enfermos que de ellas hubiesen menester» [Libro de actas da ACC].

As socias da Asociación emprenderon tamén unha colecta entre os non socios: percorreron tabernas, barberías e lugares de encontro de mariñeiros. Conseguiron un total de 63,48 reais. Invitando ás xentes que repetiran a operación cando foran novamente requiridos, acudindo ás mesas que para tal fin se instalaran nas rúas. Houbo a necesidade de completar novamente o roupeiro da Asociación, para poder servir as crecentes necesidades dos desvalidos.

*Veciño de Cangas e investigador

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents