No San Martiño de Bueu... Entroido!
As festas de San Martiño de Bueu acollen este ano un encontro ao redor das figuras tradicionais do Entroido do sur de Pontevedra, como os vascalleiros de Bueu, os currumiños de Mos ou as perriñas de Ribadetea (Ponteareas). A idea é axudar a recuperar os vascalleiros, que non saen en Bueu desde hai máis de 20 anos.

Unha imaxe antiga, datada na década de 1960, cun grupo de vascalleiros no Entroido de Bueu. / Arquivo Asociación Santos Reis
Din os refráns que a todo porquiño lle chega o seu San Martiño ou que polo San Martiño trompos ao camiño. O caso é que este ano en Bueu decidiron darlle unha volta a esa sabedoría popular e no San Martiño haberá Entroido. Polo menos un pequeno adianto, que aínda quedan tres meses e medio antes de que chegue o momento de disfrazarse. A programación das festas patronais deste ano traen como novidade a organización dun encontro ao redor dos entroidos tradicionais do sur da provincia de Pontevedra e as súas figuras características, como o caso do «vascalleiro» en Bueu.
O impulsor desta iniciativa é o filólogo e investigador bueués José Manuel Dopazo Entenza, cuxo traballo de recollida e documentación axudou a recuperar o entroido tradicional da illa de Ons despois de medio século. Esta xornada comezará o sábado ás 12.00 horas no Centro Social do Mar cunha mesa redonda. Un faladoiro no que intervirán Ismael Pato Pérez para explicar a figura dos «currumiños» de Mos; Jonathan Zúñiga para falar das «perriñas» e «mudados» de Ribadetea (Ponteareas) e o propio José Manuel Dopazo para recordar os «vascalleiros» de Bueu. «A idea é unha posta en común ao redor dunha figura que con pequenas diferencias se repite por todo o país e incluso por Europa», explica José Manuel Dopazo, que engade que a mesa redonda está aberta á participación do público.
O «vascalleiro», os «currumiños» e as «perriñas» son figuras petitorias, que van vestidas con roupa vella, un pau e unha cesta. «Pode haber pequenos cambios en función do lugar, pero no básico é un patrón que se repite», conta o investigador bueués, que aporta outro dato importante. «Estamos falando de personaxes boas, que non pegan nin sementan o caos. Van pedindo polas casas e cando collen algo é porque llo deixaron alí para eles», suliña. Unha diferencia con respecto á figura do «mudado» da illa de Ons, que si buscaba crear esa sensación de caos da festa. A súa contraposición eran as máscaras.

Unha imaxe cos currumiños do Entroido de Mos. / Ismael Pato
Os «vascalleiros» levan máis de 20 anos sen saír como tal en Bueu, razón pola cal búscase a súa recuperación. Por iso anímase á xente a acudir á mesa redonda deste sábado no Centro Social do Mar, onde poderán facer preguntas e resolver dúbidas. A idea é que pola tarde, ás 16.30 horas, unha representación de «vascalleiros», «currumiños» e «perriñas» fagan un desfile saíndo desde o Centro Social do Mar ata chegar á carpa que estará instalada nos Xardíns de Urbano Lugrís, o epicentro das festas de San Martiño. «Facemos un chamamento a que a xente participe e podamos recuperar esta figura do Entroido de Bueu. Non fai falla nada especial, simplemente vestirse con roupa vella, unha máscara e un pau», anima Dopazo.
Unha vez aclarada a natureza do vascalleiro xurde outra pregunta: había en Bueu a figura oposta, que pegase e que fose creando o caos ao seu paso? Por lóxica hai que pensar que si. «Levo feito ao redor dun cento de entrevistas de recollida de información e ata o de agora só atopei a unha persoa que me falase desa personaxe», conta José Manuel Dopazo.
Así que botando man dese dito ao redor das meigas ben se pode dicir que «habelas hainas».
Suscríbete para seguir leyendo
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Fin de semana crítico en la Autovía do Morrazo: tres accidentes con un coche volcado
- El vendedor al que robaron cupones de la ONCE: «El seguro no me los cubre»
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- Tres monjas de Monforte en la casa de Sestadelo, en Aldán
- Cangas bate récords de centolla con 1.407 kilos en la primera subasta de la campaña
- La primera procesión llena San Martiño