Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Poesía e música para que a memoria non se oxide

O Concello de Bueu organizou onte por primeira vez un acto laico de lembranza e homenaxe aos defuntos da vila. Un recordo con poesía e música nun espazo cargado de memoria e historia: o antigo cemiterio municipal, hoxe convertidos nuns xardíns.

Bueu

O mausoleo da familia Domínguez Búa que fica solitario no centro do parque público ao carón da igrexa San Martiño de Bueu é como un centinela. Un vixía da memoria do que foi este lugar: o antigo cemiterio municipal onde repousaron os defuntos da vila. Para contribuír a manter viva esa memoria e que non esvaeza no fume do esquecemento o Concello de Bueu organizou onte con motivo do Día de Defuntos un acto laico de recordo e homenaxe a aqueles que xa non están entre nós. Unha lembranza en forma de poesía a través da voz da poeta Míriam Ferradáns, da música dos violonchelistas Fernando Santiago e Roberto Alonso e que contou con máis de medio cento de veciños, así como representantes da corporación.

Un domingo e Día de Defuntos. Así que a elección de Míriam Ferradáns para abrir o recital parecía xa escrita. Escrita por outro poeta de Beluso e antigo alcalde de Moaña: Xosé Manuel Millán (1964-2020). «Finxir que a vida segue só porque a vida segue/ que marchas a un país azul de areas brancas/ e traerás un rastro de sal cando regreses/ arrumar o silencio como se for domingo», versos do poema «Morrer en domingo».

A poeta bueuesa no acto de benvida ao público defendeu que soster a memoria é un acto colectivo e que cómpre non vivir de costas á morte. «Mirala con serenidade non nos arrebata a ledicia: dalle peso, verdade e sentido», argumentou. Por iso expresou o seu desexo de que este acto teña continuidade, que este cerimonial sinxelo e solemne «nos una no respecto, nos encha de esperanza, nos fortaleza no coidado mutuo e nos lembre que ninguén atravesa o loito en soidade». Unha homenaxe na que expresou o seu desexo de que servise para lembrar «a aqueles e aquelas que foron soterrados sen ninguén que os acompañara, que hoxe sintan levemente resarcida esa débeda».

Un momento do concerto dos violonchelistas Fernando Santiago e Roberto Alonso na homenaxe laica do Día de Defuntos en Bueu.

Un momento do concerto dos violonchelistas Fernando Santiago e Roberto Alonso na homenaxe laica do Día de Defuntos en Bueu. / Gonzalo Núñez 

Ferradáns escolleu poemas de Xosé Manuel Millán, Silvia Penas, Ismael Ramos e do recentemente finado Xuan Bello. Ningún da súa premiada e recoñecida obra poética. Quen si rescatou uns versos de Míriam Ferradáns foi o alcalde de Bueu, Félix Juncal, que na súa intervención lembrou un poema do libro «Nomes de fume»: «A memoria tamén se oxida/ pero existe», recitou. Unha cita para explicar que a fermosa e necesaria homenaxe deste Día de Defuntos supón «un acto contra o esquecemento, para que podamos mostrar o que somos e non oxidarnos». E para reivindicar que «neste mundo canda vez máis deshumanizado este é un día para pensar no importante que é estar xuntos, valorar o amor, amizades, familia, o contacto humano».

Unha vista do antigo cemiterio de Bueu, co mausoleo da familia Domínguez Búa no centro, durante a homenaxe laica deste domingo no Día de Defuntos.

Unha vista do antigo cemiterio de Bueu, co mausoleo da familia Domínguez Búa no centro, durante a homenaxe laica deste domingo no Día de Defuntos. / Gonzalo Núñez 

O recital e concerto, xusto ao lado do panteón que se conserva como vestixio do antigo camposanto, celebrouse xusto despois da misa dominical. Así que foron moitas as persoas que ao saír do templo e animadas polo propio párroco, José López, acudiron a esta lembranza. Un acto de xustiza.

Parte do público que asistiu este domingo á homenaxe laica organizada polo Concello de Bueu nos xardíns do antigo cemiterio.

Parte do público que asistiu este domingo á homenaxe laica organizada polo Concello de Bueu nos xardíns do antigo cemiterio. / Gonzalo Núñez 

A parte musical correu da parte dos violonchelistas Fernando Santiago, de Bueu, e Roberto Alonso, de Vigo. Ambos compoñentes do conxunto Concert Le Phénix e que para a ocasión realizaron unha selección de pezas de compositores do século XVIII e XIX: Joseph Bodin de Boismortier (1689-1755), Willem De Fesch (1687-17861), Michel Corrette (1707-1795) e James Cervetto (1748-1835). Unha viaxe musical que incluíu pasaxes sereas e acordes coa data e outras nas que latexaba a ledicia. Unha combinación de sentimentos e afectos da propia vida.

Míriam Ferradáns escolleu como peche da parte poética un texto do poeta e escritor asturiano Xuan Bello (1965-2025), co que mantiña amizade. O autor perdeu ao seu pai sendo moi novo e a el dedicoulle un poema titulado «La inquietú que nos quema». Un texto escrito en asturiano e que Ferradáns traduciu con inmenso respecto e cariño ao galego. «A non escoitarnos xa estamos afeitos/ pero que queres que che diga:/ non me abonda soñar contigo ás veces/ na noite que ouvea como un lobo con fame./ Non me chega con terte aquí preto, aquí, por dentro./ Quero apertarche a man; quero que me abraces/ e me leves ao mar, ao mar que se reserva/ ao primoxénito. Mar de viñas/ os da túa terra, mar queimado/ os dos teus ollos./ Lévame alí, Pai, e dime/ o que agora sei e entonces nin intuía:/ irmáns somos na inquietude que nos queima».

A voz, a poesía e a música acabron por deixar paso a calidez dos aplausos e a homenaxe en forma de caraveis diante do panteón en recordo a quenes xa non están. A esas persoas coas que soñamos e arelamos volver a atoparnos dalgunha maneira nalgún lugar do máis alá.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents