A fronte marítima de Cangas (X)
A lonxa e o areal da Ribeira do Costal

Ribeira en 1975. / Arquivo do autor

A lonxa como centro de recepción e subasta do peixe e algúns bivalvos tén un curto percorrido histórico e no mesmo, algúns periodos sen funcionamento. Non cabe dúbida de que a existencia en Vigo da potente lonxa do Berbés supeditaría no seu funcionamento a de Cangas que sempre actuou como unha especie de anexo en canto ao peixe. A posterior especialización na recepción de marisco, bivalvos, ourizo, percebe... veu caracterizar ata hoxe os produtos que máis se subastan na mesma.
A antiga flota pesqueira de Cangas, conformada por dornas e moitas lanchas xeiteiras, dependeu secularmente para as vendas de peixe do Berbés vigués, actividade da que un poeta deixa constancia en 1879: Arriban al Berbés las xeiteiras / que tripulan de Cangas sus hijos / y a la venta te ofrecen prolijos / pulpo, croques, langosta y vieiras.

Ensanche, antigo dique, lonxa, zona de varada e nave de redeiras en 1996. / Arquivo do autor
Non sería ata o 22 de marzo de 1929, unha vez asentado o trasfego do porto de Cangas, cando xurdise a intención de crear unha Lonxa. A este fin, o alcalde convoca a unha reunión aos armadores para plantexar a apertura dun establecemento deste tipo creándose unha comisión na que tamén se van integrar os conserveiros. A comezos do ano seguinte, o Concello, rexido por Indalecio García, correría cos gastos de adecuación dunha nave de salga que lle alugaría a Leopoldo Montes Graña na rua de Montero Ríos e que ascenderon a 1.003,20 pts. A apertura deste local suporíalle ao Concello incrementar os ingresos polas porcentaxes que cobraba sobre o peixe, a sua preparación, embalaxe exportación, o xeo, o sal... Na sua traxectoria, este local había sufrir diversos avatares que rematarían con ela no verán do 1934 pois os conserveiros protestarían e interporían recurso contra o arbitrio chamado de venda, preparación e empaque (Lonxa) que lles impuña o Concello. Este replicaríalles dicindo que se os demáis pagaban por estes conceptos eles tamén deberían facelo, pois non se entendía que tendo locais propios viñesen a usar este establecemento. Como maiores usuarios da Lonxa figuraban Massó Hnos. S. A., Daniel Eiroa, Francisco Cervera, Pietro Montemerlo, Marcos Paganini, Indalecio García Soto, José Pereira, Ignacio González, Antonio Pellín e Montes. Contodo, durante o ano 1933 só as fábricas situadas en Cangas consumirían na lonxa do Berbés 33.700 cestas de peixe que suporían a fabricación dunhas 134.800 caixóns de conservas.

Lonxa en 2007. | | / Arquivo do autor
Xa na etapa franquista, os sectores interesados van insistir na necesidade dun local para a lonxa que operaba á intemperie no molle do Comercio no cal para paliar esta circunstancia, Obras del Puerto vai construir en 1945 unha marquesiña e instalar unha báscula de pesaxe de camións. Porén, as condicións deste lugar, que era ocupado nesta función nas primeiras horas da mañá, non eran as máis axeitadas e os mariñeiros andaban a vender o peixe non subastado polas casas e locais de hostalería. Ante esta precaria situación, a Junta de Obras del Puerto de Vigo decide a comezos de novembro 1950 facer unha nova lonxa que se presuposta en 600.000 pts. divididas en tres destallos de 200.000 pts. correspondentes ao recheo e explanación, ao edificio e aos servizos auxiliares. Esta cuestión tampouco iría adiante pois en xuño de 1961, xa cun só construtor na poxa, este decide retirar a fianza depositada co que habería que sacala de novo a subasta, mais outra vez sen éxito.

A lonxa nos anos 50. / Arquivo do autor
Xa que logo, no ano 1962, o Concello vai habilitar como lonxa o antigo local da Alianza Marinera ou Casa do Pobo, incautado en 1940 co acordo de cobrar un arbitrio sobre a venda do peixe que na altura de 1964 xa lle reportaba ao Concello 750.000 pts. que contribuiron a equilibrar o presuposto municipal destes anos. Mais, mentres o organismo municipal se beneficiaba destes arbitrios, a confraría de pescadores pasaba por dificultades económicas chegando a un déficit de 124.000 pesetas. Co nomeamento de Carlos Ocaña como Patrón Maior accidental en 1965, esta entidade pasaría a facturar ata 35 millóns de pesetas cun beneficio de 700.000 pts. para os pescadores. A constitución de cooperativas de armadores foi outro dos logros de Ocaña, construindose barcos de ferro, subvencionados polo Crédito Social Pesquero para as entidades Noso Lar, Nosa Terra, Noso Agarimo e Nosa Cantiga, cooperativas constituidas en Cangas e Aldán. No ano 1971, a lonxa incorporaría tamén a venda de marisco e de longueirón e posteriormente de percebe ao adherirse á Confraría de Cangas o sector dedicado á sua extracción nos cantís da Costa da Vela e nas Cies.

O areal de ribeira a comezos do século XX. / Arquivo do autor
Nos anos oitenta faise un recheo a carón do molle de pesca para albergar unha nova lonxa, xa contemplada no proxecto de 1953, e aos poucos anos amplíase este recheo para albergar unha rampla con tres carros de varada. Cara a 1995 ancheáse todo o molle de pesca e o da lonxa ata o dique de abrigo onde se ubica un edificio que se pretendía para a Axudantía de Mariña pero que acaba como casetas para os pescadores. Poucos anos despois, rematando este decenio, contruiríase a nave de redeiras na punta do molle de pescadores e logo a de deportes náuticos, edificio que vai supor un apantallamento ao mar sobre o que mostrarían a sua oposición o alcalde Euloxio López, apoiado por dous milleiros de sinaturas veciñais. Contodo, continuaría o erguemento de edificios portuarios, proxectándose en 2007 unha nova lonxa que pola sua altura de oito metros con dous andares, levantaría certa polémica. Ao final, cando as obras comezan en 2012, o proxecto da nova lonxa xa contempla unha soa planta, máis ampla, e un aparcamento, obras nas que se investiron 500.000 euros. Ainda que moi lonxe da Lonxa do Berbés, a de Cangas é a segunda da ría mantendo en 2024 unha facturación de 4.652.381 euros e a de Aldán, que sobe un 23%, achégase ao millón de euros.
O areal da Ribeira

Lonxa 1930-1933 / Arquivo do autor
Os dous areais máis próximos ao casco urbán de Cangas eran o da Ribeira do Costal e mais o do Sinal, chamado este así por estar situado por frente dunha zona de cons que serviron de sinal de término para delimitar a nova parroquia de Cangas no século XVI. Este areal desaparecería a comezos do século XX ao se facer o recheo chamado logo de Ojea. Porén, o areal da Ribeira persistiría con escasas afectacións urbanísticas ata os anos oitenta do século pasado.

Actividades dos portos. / Arquivo do autor
Todos os areais serviron en tempos pasados como zonas de varada de pequenas barcas de pesca dos colectivos mariñeiros de cada zona, hoxe practicamente desaparecidos. Contodo, pola sua proximidade á vila, o areal da Ribeira foi durante séculos o eixo sobre o que xiraba a vida mariñeira canguesa, utilizándose non só como lugar de varamento senón para realizar labores de reparación dos aparellos e dos barcos, incluso de aqueles de máis porte.

O xardín do recheo da Ribeira e o novo Concello en 1989. / Arquivo do autor
Debemos ter en consideración que a enseada da Cangas a penas foi ata comezos do século XX un fondeadoiro e os primeiros molles que se fixeron só eran accesibles coa marea alta. Foi a partir do recheo e construción do novo porto con dársenas de atraque cando este areal comezaría a perder a sua importancia anterior. O molle de Ojea e o dique irían restando o movemento de correntes que anovasen esta zona, creándose fondos fangosos que aumentarían ao se facer a praza do Mercado e a prolongación do molle. A construción de casas pola parte alta do areal daría orixe á rua Eugenio Sequeiros, que se convertiría na principal vía de saída a Moaña durante moitos anos pois antigamente era a rua do Sol, chamada así por estar aberta á Ribeira cara o sur.

Balance lonxa 1969. / Arquivo do autor
A comezos dos anos sesenta vaise facer a estrada paralela a Eugenio Sequeiros, despois de que o Concello desbotase o proxecto de facer un paseo marítimo. A nova estrada foi dotada en parte dun petril que protexía dos embates do mar no inverno e logo pavimentada con lastros. Así, a rua Eugenio Sequeiros acabaría convertendose nun sombreado paseo con plataneiros ao pé dos cales seguía o areal da Ribeira lembrando ainda, cos seus pequenos barcos varados ou fondeados, a secular tradición mariñeira de Cangas.
Este areal, xa baixo a xurisdición de Costas, desaparecería en 1987 ao facerse sobre el un recheo desde a punta de Ojea á do Mercado cos desterramentos da autopista, creando nesta superficie un xardín cun auditorio e zonas recreativas ao que por razóns descoñecidas lle chaman do Sinal e non da Ribeira.
(*)Investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- Mercadona denuncia la venta desde Bueu de pescado que debía destruirse
- Fin de semana crítico en la Autovía do Morrazo: tres accidentes con un coche volcado
- El vendedor al que robaron cupones de la ONCE: «El seguro no me los cubre»
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- Tres monjas de Monforte en la casa de Sestadelo, en Aldán
- Cangas bate récords de centolla con 1.407 kilos en la primera subasta de la campaña
- La primera procesión llena San Martiño