Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Un Samaín para pasalo de medo en Bueu

Contos, maxia, obradoiros, magostos e un túnel do terror forman parte do programa

No parque Ramal dos Galos haberá unha gran araña feita con globos

A presentación nos soportais da biblioteca de Bueu, que se convertirá nun túnel do terror o día 31.

A presentación nos soportais da biblioteca de Bueu, que se convertirá nun túnel do terror o día 31. / Santos Álvarez

Bueu

Contacontos, obradoiros, maxia, decoración especial, un magosto popular. Pero todo aderezado cun imprescindible toque terrorífico. Esta é parte da programación do Concello de Bueu e dos colectivos da vila para pasar un Samaín de medo.

A presentación tivo lugar este venres nun dos espazos que vai concentrar boa parte dos actos: o parque de Ramal dos Galos. Unha forma de seguir potenciando outros espazos urbanos da vila máis alá da céntrica Praza Massó. Con todo, a apertura do Samaín será no estaleiro da Banda do Río. O venres 31 a partir das 12.00 horas, aproveitando que é día non lectivo e non haberá clases, a libraría Abrente organiza un contacontos de medo que servirá como presentación de catro libros para o público infantil e xuvenil: «Algo pasa na casa do lobo», «Demasiados malvados», «Happy Halloween!» e «Corre corre, cabaciña».

Na mesma tarde do venres o Samaín trásladase ao parque do Ramal dos Galos, que promete moitas emocións e unha decoración acorde coa data. Para dar a benvida a todas e todos os valentes haberá unha araña de grandes dimensións, pero tranquilidade: estará feita con globos. Aproveitando os soportais do edificio da Biblioteca Torrente Ballester haberá un túnel do terror, que é unha das novidades deste ano. A Asociación Amodiño será a encargada da súa preparación e deseño. «Vai ser un espazo ambientado no circo», adiantan.

O programa comeza ás 16.30 horas co obradoiro de manualidades «Lanzador pantasmal» e ás 18.30 horas haberá un espectáculo de maxia patrocinado pola Deputación de Pontevedra a través do programa + Escénicas. Unha función máxica baixo o título de «En Samaín toca... maxia!» e coa compañía Maxia na Manga. E ás 19.30 horas haberá un espectáculo de animación titulado «Mórcego bueués voador».

Ao longo de toda a tarde quen queira pasar máis medo pode adentrarse no túnel do terror e quen queira emocións máis tranquilas ou ben recuperarse dos sustos poderá desfrutar dunha chocolatada.

No caso de que a chuvia ou o mal tempo decidan facer acto de presenza as actividades trasladaríanse á planta baixa da Biblioteca Torrente Ballester.

A concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García, destaca a colaboración do tecido comercial do entorno do Ramal dos Galos. Durante a tarde do día 31 os máis novos poderán pasar los polos establecementos para cubrir una serie de tarxetas con preguntas tipo trivial sobre o Samaín e estas datas. Logo poderán entrar nun sorteo de agasallos dentro da propia festa no parque..

Nestas datas no pode faltar outra das tradicións máis arraigadas na cultura galega: os magostos coas súas castañas asadas. O domingo 2 de novembro a Asociación Cultural Costumes de Cela e o Concello organizan un magosto popular no recinto do Eirado de Cela. Haberá castañas de balde, xogos tradicionais, obradoiros, inchables. E por suposto anímase a acudir disfrazado para a ocasión.

Tracking Pixel Contents