Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Petiscos, «copos de avena» e jazz na praza de abastos

O mercado cangués acolle o primeiro concerto dun ciclo de outono

O cuarteto Copos de Avena no concerto de onte.

O cuarteto Copos de Avena no concerto de onte. / Pablo Hernández Gamarra

Cangas

A praza de abastos de Cangas abriu as súas portas onte pola tarde. Non importaba que fose sábado. O habitual balbordo de peixeiras e clientela na venta do peixe deu lugar a outra atmosfera moito máis relaxada e musical. Un concerto de jazz dun cuarteto cun nome moi gastronómico: Copos de Avena.

A actuación musical é a primeira dunha nova iniciativa impulsada pola Asociación de Jazz de Cangas, que no verán promove o recoñecido Festival Internacional Canjazz no Eirado do Costal. O colectivo aposta por ampliar a súa programación e oferta musical con este novo ciclo chamado «Jazz de Outono».

O concerto do Ciclo Jazz de Outono foi na praza de abastos.

O concerto do Ciclo Jazz de Outono foi na praza de abastos. / Pablo Hernández Gamarra

O primeiro escenario elexido foi a praza de abastos, que neste 2025 festexa o seu centenario. O mercado abriu as súas portas ás 19.30 horas e para ir animando o ambiente houbo música e petiscos. Logo viu o concerto de Copos de Avena, unha formación integrada pola vocalista Gloria Pavía, o guitarrista Iago Marta, a contrabaixista e vocalista Yudit Almeida e o baterista Héctor Agulla. Catro artistas que son figuras de referencia dentro do jazz galego e que para esta ocasión presentaron unha proposta musical especialmente cálida. Unha mestura dos son de Latinoamérica coa riqueza e liberdade harmónica do jazz. A partir dunha sólida base no bolero, bossa nova e outros xéneros latinos interpretaron un repertorio con clásicos, estandars do jazz e composicións contemporáneas de artistas como Natalia Lafourcade ou Silvia Pérez Cruz.

Con este ciclo de «Jazz de Outono» os promotores queren facilitar a asistencia en familia aos concertos e achegar o jazz ás novas xeracións (os menores de 18 anos entran de balde). A programación proseguirá o sábado 8 de novembro co guitarrista Virxilio Da Silva, outro dos nomes destacados do jazz galego. A súa actuación será na Casa do Pobo (diante da gasolineira) e será o primeiro concerto da xira de presentación do seu novo disco, «Juzz».

O ciclo pecharase o venres 14 de novembro no Auditorio de Cangas co saxofonista Roberto Nieva e o seu concerto «Empirical sounds». Esta actuación promete un formato especial, co público sobre o escenario e a escasos metros dos músicos para recrear a atmosfera íntima dos grandes clubes de jazz.

Tracking Pixel Contents