A frente marítima de Cangas (IX)
O areal da Rodeira

Unha imaxe da praia de Rodeira no verán de 1970. / Arquivo do autor

Este areal, hoxe urbano, abranxía desde a desembocadura do río Bouzós ata a punta de Rodeira cunha lonxitude dun quilómetro e 250 m., só superada polo de Barra/Nerga que mide dous quilómetros. Aínda que temos datos da extracción de area e pedra (Punta Igrexiña-Nerga) para as obras dos portos de Vigo e Bouzas, este areal tivo basicamente un uso pesqueiro e marisqueiro. Pola contra, o Areal da Rodeira sufríría bastantes agresións pola sua situación perto de Cangas e polo volume de extracción de area que se facía do mesmo.
Esta circunstancia deu orixe ao seu nome (xa se rexistra en 1595) pois entre o Forte e a Garita, os carros cargados que circulaban por esta zona debían seguir as pegadas marcadas, sen risco de ficaren enterrados na area. No século XVII e con motivo dos procesos contra as “bruxas” menciónase como centro das súas reunións o areal chamado das Areas Gordas, que en base a a diversos datos, quizáis fose a antiga praia do Forte.

Rodeira en mapas datados nos anos 1595 e 1634. / Arquivo do autor
E así foi durante séculos, tendo os primeiros datos oficiais sobre esta zona en xullo de 1900 cando a Asociación de Caridade instala casetas de pago na zona do Forte para os que viñan tomar baños de mar. A gran demanda de terreos para a instalación de fábricas de conservas leva ao Concello, en outubro de 1902, á elaboración dun plano urbano coa intención de habilitar terreos para as mesmas a partir da zona do Forte.
Como en outubro de 1905 seguise sen se aprobar este plano, a zona de Rodeira salvaría da instalación masiva destas industrias, derivando a demanda cara o Salgueirón. Ante a iniciativa da Asociación de Caridad é nestas datas, Manuel Cabanelas, sempre pendente do potencial “turístico” desta praia, vai presentar un proxecto de Casa de Baños como as que xa se instalaran en Vigo, os Praceres, Baiona ou Vilagarcía. Na sua obsesión por converter a Cangas en referente veranego, cando chega á alcaldía de Cangas manda elaborar un plano en 1909 para urbanizar Rodeira proxectando vivendas no Forte, xardíns, escolas, campo de feiras e festas... que por sorte, nunca se materializaría polo seu curto mandato.

O proxecto de urbanización da alcalde Manuel Cabanelas, datado no ano 1909. / Arquivo do autor
En xuño de 1916 volverían a instalarse elegantes e cómodas casetas para uso dos bañistas pero descoñecemos por conta de quen e se eran gratis ou pagando...
Entanto, o pequeno núcleo de pescadores do Forte xa case era un barrio de Cangas e o gran areal utilizábase como tendedeiro de redes, administrado polo Concello, como zona de “baños de mar” a onde chegaban excursións de sociedades viguesas, contando ademais cun asteleiro e unha fábrica de salga na punta do areal.
Unha fábrica de salga, logo reconvertida en conserveira
O primeiro expedente solicitando a construción desta fábrica de salga e logo conserva, consta como feita en ladrillo no lugar da Garita - Rodeira, frente á praia chamada de Xan da Garda e ten data de 26 de xuño de 1906, asinado polo valenciano Vicente Vila Serrano. Un mes despois sería o vigués Julián Tizón Blanco quen asumise o proxecto das obras, obtendo permiso do Ministerio de Fomento para efectualas.
Unha vez rematada vai estar xerenciada por Pedro Jesús Portanet, nacido en Cangas en 1875, que viña de traballar como apoderado xeral do potentado almacenista de sardiña e bacallau salgados (tamén fabricaba cemento Portland) no porto do Grao de Valencia, Rafael Ridaura. Cando o seu irmán decide retornar ao seu negocio en Ayamonte, Pedro deixará a xerencia desta fábrica para ocuparse da fábrica familiar de Vigo, especializada en bocareus anchoados.
Durante a sua xerencia, a axudantía de Mariña de Cangas concederíalle abril de 1907 permiso ao señor Vila Serrano para construír por conta propia un peirao e máis un muro que servía de contención nos abalos das mareas. Aínda que a fábrica xa estaba en funcionamento, o proxecto aínda sería aprobado por R. O. o 23 de marzo de 1909 sendo que cinco anos despois, o 26 de xuño de 1914, aínda vai pedir unha prórroga de tres anos máis para rematala.
A marcha de Portanet e a distancia do señor Ridaura en Valencia, levaron ao aluguer deste establecemento por uns italianos que se adicaron un tempo á produción de noces en conserva. Mais ao fracasar este proxecto, entraron no negocio da salga, tamén sen moito éxito. En agosto de 1916, unha Real Orde vaille retirar a concesión a Julián Tizón por non tela renovado, sendo o conserveiro cangués Daniel Eiroa Novoa quen se fixese cargo deste edificio continuando coa actividade de salga e conserva ata 1939.
Neste periodo, non sabemos se por formar sociedade ou ter a fábrica en aluguer, é o empresario Vicente Nogueira quen en novembro de 1924 obtén o permiso para realizar obras de “defensa” nesta fábrica. Desde 1939 faise cargo desta fábrica o vigués Ramón Arbones, que traballa baixo a razón comercial Rodeira Lda. (Vigo) ata a década dos setenta en que cesa a sua actividade, instalándose nela unha cetárea.

Restos do antigo peirao construído na punta de Rodeira. / Arquivo do autor
A extracción clandestina de area en Rodeira
En abril de 1926 e en aplicación dunha R. O. de 1902, o Estado vai delimitar a zona marítimo terrestre denominada Campo do Areal en Rodeira, o que non foi óbice para que se iniciase a extracción masiva de area, destinada basicamente ás obras do porto de Vigo. Esta práctica converteríase en algo habitual con numerosos galeóns cargando area día e noite, sobre todo no areal do Forte ata tal punto que os veciños e industriais vén perigar a escasa defensa que tiñan cara o mar.
Xa que logo, desde finais de maio de 1928 téntase porlle fin á esta práctica, e mesmo acode o Gobernador Civil en xullo para advertir sancións sobre esta práctica ilegal, mais os areeiros seguirían a facer caso omiso das mesmas. Nos anos seguintes, o maior control sobre a zona do Forte levaría aos areeiros a practicar a extracción clandestina en Rodeira producíndose sancións en 1932 e tamén en 1934 cando os galeóns de Domaio ousaron sacar area, esta vez da praia da Ribeira.
Estas extraccións continuas seguían a facerse de noite e en xuño de 1935 vai ser o axudante de Marina Rosendo Novo quen ordene unha forte e continua vixilancia nestas zonas para facer cumprir a prohibición de extracción deste árido. Este control daría resultado en Cangas, pero agora os arereiros xa se tiñan desprazado ata as Cíes onde sacaban toneladas de area con total impunidade.
Xa desde maio de 1930, o Concello viña anunciando o inicio de grandes obras de embelecemento na praia de Rodeira sen especificar en que consistirían ata que a mediados de agosto de 1934 chegan a Cangas os construtores Benito e José Malvar de Pontevedra para, acompañados do alcalde, estudar a instalación na zona do Forte dunha casa de baños e construír edificios exclusivos para veraneantes. Os longos trámites e permisos e logo a guerra e a páuperrima posguerra, salvarían de novo a Rodeira do cemento... seguindo este espazo, considerado comunal, explotado polo Concello como tendedoiro de redes. Este arrendábase mediante subhasta cun custe de 5 pesetas por día, ademais dos 25 céntimos de cada tendal, advertíndolle ademais aos armadores que non abusasen da picaresca de poren as redes unhas enriba das outras para pagar menos.

Unha nota da Agencia Cifra sobre a construcción dun "pueblo veraniego en las proximidades de Cangas", datada en setembro de 1941. / Arquivo do autor
En setembro de 1941 unha noticia da axencia “oficial” de noticias Cifra desvelaría a intención dunha empresa española de construcións turísticas de construir chalés en Rodeira, asunto este que non se podería realizar sen a connivencia do Concello de Cangas. Por algunha razón que descoñecemos, o desta alcalde Ramón Espiña adiaría este proxecto que sería retomado anos despois.
Xa en 1953, o Concello volve a retomar o tema do embelecemento do areal, anunciando a plantación de 1.500 árbores na zona pero inclúe tamén a sua parcelación e urbanización, extinguindo os contratos cos armadores que tiñan alugados espazos para tenderen as redes. Mais, este asunto aínda demoraría un anos e a única obra salientable faríase en 1958 cando a empresa Vapores de Pasaje agora rexentada polo boucense Constante Freire Veiga, vai construir un molle na Punta de Rodeira para facilitar a chegada de bañistas e excursionistas á praia, solicitando incluso un permiso para instalar casetas de baño.
Como, o que se ve, o proxecto de urbanización de Rodeira de 1941 seguía na mente dos políticos franquistas, en abril de 1962 vaise producir o primeiro alleamento dunha parcela para construir unha vivenda do propio alcalde J. M. Pérez Barros, que abre a subasta 82 solares máis (antes eran 30), pois nas suas palabras “Rodeira es casi salvaje”. Neste ano venderíanse once parcelas con permiso de construción, sendo que unha delas de 700 m2, destinada a facer o hotel proxectado, ficaría deserta na subasta.

Anuncio oficial de setembro de 1965 sobre o deslinde marítimo-terrestre. / Arquivo do autor
En outubro de 1966, o Concello ainda saca a subasta oito parcelas máis, quedando tamén baleira unha delas, destinada a erguer nela unha igrexa (que non se fixo) demandada polos veciños do Forte, do Espiritu Santo e da Pedreira por estaren moi alonxados da súa igrexa parroquial.
Nestas datas vaise poñer en marcha o chamado Plan de Ordenación de la Costa continuando en novembro de 1968 cos deslindes marítimo terrestres da zona entre o río Saíñas ou Bouzós e a o areal de Xan da Garda (Punta de Rodeira) e tamén a zona do Forte, véndose afectados varios veciños e fábricas. Mais, este Plan de Ordenación tamén levaba aparellada a realización de obras de infraestrutura e o Concello, aproveitando as subvencións, vai dotar de alcantarillado a rúa Rodeira (logo Féliz Ozámiz) no Forte chegando ata as novas vivendas de Rodeira.
A satisfacción por esta obra, sobre todo dos ocupantes dos chalés, foi manifesta, alegrándose de quitar os cheiros dos desaugues en superficie que agora, entubados, vertían libremente na desembocadura do Bouzós emporcando o areal próximo coñecido agora como "do Benidorm".
En xullo de 1969 faise o deslinde entre os ríos Bouzós e Saiñas e preocupados no Concello pola afectación da parcelación de Rodeira, van solicitar que se faga novamente, para “axeitar” o construido a unha “legalidade” que aínda hoxe chama a atención no referente a algunhas edificacións da zona. Quen se vería afectada polo deslinde sería a fábrica de Rodeira, agora rexentada por Celso Carballo García, quen a comezos de agosto de 1970, ao solicitar de Obras do Porto permiso para instalar unha tubería de extracción de auga do mar e ampliar a rampla da fábrica, tópase con que esta está sen legalizar. Tendo que iniciar uns longos trámites que non sabemos se chegaron a bo fin pois un ano despois seguía na mesma. En 1974 proxéctase o paseo a rentes da praia que terá execución nos anos vindeiros.
O que queda da historia de Rodeira xa é coñecido de todos, erguéndose sobre o terreo do que fora o tendedoiro de redes municipal, edificios públicos como o Instituto de Ensino Secundario, moi demandado, pois o alumnado masculino de bachelerato tiña que se desprazar a Vigo para cursar estes estudos. Máis adiante, ergueríase tamén aquí, o novo cuartel da Garda Civil e o novo Instituto ampliaría a sua superficie e servizos, facéndose tamén dous campos de deportes.
*Investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- El vendedor al que robaron cupones de la ONCE: «El seguro no me los cubre»
- La Xunta mantiene en el aire el disuasorio planeado en la autovía
- Desde Moaña con rumbo a La Martinica
- Entre tazas de vino y castañas
- Cangas bate récords de centolla con 1.407 kilos en la primera subasta de la campaña
- Nueva vida con cinco apartamentos turísticos para O Estaleiro de Domaio
- La primera procesión llena San Martiño
- El temporal hunde O Con, suspende el barco a Vigo y arranca ramas que destrozan un taxi