Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Helena Varela Actriz e protagonista de «Oh mammi blue»

«A xenialidade desta obra é o uso da comedia para temas desgarradores»

O Auditorio de Cangas abre hoxe a súa programación teatral de outono. Será coa estrea absoluta de «Oh, mammi blue», de Cinema Sticado e con Helena Varela sobre o escenario (ás 20.00 h). Unha reflexión sobre a maternidade entre o humor e a traxedia

A actriz Helena Varela esta semana nun dos últimos ensaios de "Oh, mammi blue", que se estrea hoxe no Auditorio de Cangas.

A actriz Helena Varela esta semana nun dos últimos ensaios de "Oh, mammi blue", que se estrea hoxe no Auditorio de Cangas. / Santos Álvarez

Cangas

-Xa queda nada para saír de contas deste embarazo teatral de «Oh, mammi blue» . Cales son as sensacións antes saír ao escenario do Auditorio de Cangas, que para a ocasión será algo así como un paritorio?

-Están as ganas de saír ao escenario, de xogar, de pasalo ben, de estar co público. Por outra banda están eses obstáculos que se presentan ás veces e que tes que resolver na túa cabeza, os teus temores, para que o parto vaia a término. De todas maneiras, o desexo de facer este espectáculo é tan grande que supera todas as inseguridades.

-Nos seres humanos o embarazo soe durar nove meses. Pero intúo que a xestación desta obra foi un pouco máis longa.

-A semente comezou a xestarse hai moitos anos. Concretamente no 2013, cando naceu a miña filla Cloe. Pero non foi ata fai dous que coa axuda de Noemi Rodríguez, dramaturga e directora da peza, que nos puxemos a levantar esta idea. Foi un proceso longo e coidadoso que desenvolvemos en numerosas residencias artísticas. Como parte do proceso de investigación traballamos nunha ducia de concellos de Galiza con grupos de mulleres onde aprendemos moitas cousas que, xunto coa miña experiencia persoal, tentamos reflectir.

"Oh, mammi blue" trata de reflectir as dúbidas e as inseguridades lexítimas de toda muller embarazada. Pero tamén reivindica a decisión de non ser nai e tamén, dun xeito moi profundo, reivindica ás nais que son nais sen ter parido

-«Oh, mammi blue» é tamén unha famosa canción da década de 1970, interpretada orixinalmente polos Pop Tops e logo por moitos outros artistas e en diferentes idiomas. Casualidade ou esa canción xoga algún papel?

-Efectivamente. A temática desa canción ten moito que ver coa peza e os 70 son moi relevantes nesta obra. A protagonista nace nesa década e as referencias á infancia desa xeración son múltiples e importantes.

-O texto está concebido como un monólogo, co que estará soa no escenario para este alumbramento. Aínda así avanzan que a posta en escena non será un exemplo de sobriedade, senón impactante e anovadora.

-Neste espectáculo emprégase a comedia para abordar temas complexos e incluso desgarradores. Aí reside a xenialidade da obra.

-A obra comeza coas últimas horas dun embarazo e as primeiras dun parto, coa sensación de que algo vai saír mal. Que se pode contar ao respecto dunha representación que parece moverse entre a traxedia e o humor?

-A maneira de contar esta historia fascíname porque o conta desde un lugar moi fresco, moi de xogo, nada previsible e que fai do fracaso un éxito. É máxico pois é capaz de contar dun xeito divertido un momento brutal, incluso transcendental e espiritual: ese umbral entre a vida e a morte que se abre cando estás a punto de parir, un momento que cambia a vida das persoas de xeito irremediable. Ese momento tamén apela a tantos outros xiros na vida, momentos que sabemos cambiarán a nosa vida para sempre.

-O embarazo e a maternidade son os fitos imprescindibles para a nosa existencia como seres humanos. Pero hai veces que esa experiencia idealízase ata o extremo ou pola contra trata de reducir o papel da muller na sociedade a parir e á crianza dos fillos. Cales son os tabús que tentan reflectir coa obra?

-A obra trata de dar voz a eses silencios que xorden froito do medo a que algo non vaia ben. Trata de reflectir as dúbidas e as inseguridades lexítimas de toda muller embarazada. Pero tamén reivindica por unha banda a decisión de non ser nai e, por outro lado, dun xeito moi profundo reivindica ás nais que son nais sen ter parido.

-“Oh, mammi blue” sirve como altavoz nun momento no que desde certos estamentos queren limitar os dereitos das mulleres?

-Si, clara e inevitablemente.

-A canción da que falabamos é o lamento dun fillo, que quere voltar xunto a súa nai [“Después de tanto caminar/Aquí me quiero consolar/Y ser de nuevo niño por ti”]. Algunha mensaxe para o público, que estará ateigado de fillos e fillas e de nais?

-Si: non deixedes de darvos afectos e coidados!

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents