Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A artesán Sandra Bastón, do Hío, finalista no Premio Artesanía de Galicia

O xurado escolleu unha prenda realizada no seu obradoiro de tecido artesanal Pal.lium

Sandra Bastón no tear do seu domicilio na parroquia do Hío.

Sandra Bastón no tear do seu domicilio na parroquia do Hío. / Gonzalo Núñez 

Cangas

A artesán téxtil canguesa Sandra Bastón é unha das tres finalistas ao Premio de Artesanía de Galicia 2025, que convoca a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo. Este galardón está dotado con 9.000 euros e o nome da persoa gañadora darase a coñecer nun acto público que terá lugar en decembro.

O xurado desta edición reuniuse na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago, e escolleu tres pezas: unha de coiro, outra de cerámica e a proposta téxtil de Sandra Bastón. Trátase dunha peza co lema «Preto», unha prenda de vestir contemporánea baseada nos tradicionais mantóns do tear, coa técnica do levantado ou felpa, que é unha das máis antigas do tecido artesanal galego.

Unha modelo co mantón «Preto», confeccionado por Sandra Bastón e que aspira ao Premio Artesanía de Galicia.

Unha modelo co mantón «Preto», confeccionado por Sandra Bastón e que aspira ao Premio Artesanía de Galicia. / Premios Artesanía de Galicia

A artesán canguesa traballa desde o seu obradoiro de tecido artesanal en tear Pal.lium, na parroquia canguesa do Hío. O ano pasado foi galardoada co Premio Xohán de Cangas á Creación Artística, que concede anualmente o Concello de Cangas co gallo do Día das Letras Galegas.

O trío de finalistas ao Premio Artesanía de Galicia complétase con Edita Rodríguez, do obradoiro Jatafarta (Santiago), cunha peza chamada «Adega modular» e que trátase dun sistema de almacenamento de botellas cunha estrutura modular elaborada con coiro reciclado e endurecido a través da técnica do coiro fervido; e cunha colaboración do ceramista Alberto Añón (obradoiro de cerámica alberto Lista) e Jonatan Sarachaga, do taller de marroquinería Coiro Tres Pés. Presentaron unha peza chamada «Nemein», que consiste nun xogo de té elaborado con barro de Buño (Malpica de Bergantiños) e que se transporta nun recipiente de coiro curtido con taninos naturais.

Tracking Pixel Contents