Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O PP anuncia «todas as accións políticas e sociais» contra a «suba brutal» do recibo do lixo

Rexeitan as argumentacións nacionalistas de que o incremento é imprescindible para mellorar o servizo

Protestas en el exterior del Concello de Cangas por la subida de la tasa de la basura.

Protestas en el exterior del Concello de Cangas por la subida de la tasa de la basura. / Santos Álvarez

Os tres grupos municipais do PP na comarca do Morrazo anunciaron este martes, un día despois de que o BNG aprobara no seo da Mancomunidade, co apoio do PSOE, a suba da taxa do lixo nos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, que emprenderá todas as accións políticas e sociais que estean na súa man contra a «suba brutal» do tributo pola recollida de residuos urbanos e que defenderá aos veciños «ata as últimas consecuencias» para tratar de deter o asalto aos seus petos, especialmente gravoso no caso dos comercios, negocios, pemes e autónomos.

Os populares aseguraron que esgotarán todas as vías posibles para tentar frear o «taxazo do BNG» coa presentación de alegacións, novas mocións ante os plenos, asesoramento aos veciños e calquera outra iniciativa de índole política, administrativa e social, xa que consideran «totalmente fóra da realidade» que se dupliquen o tributo das vivendas ou que haxa cafeterías que vaian a pagar ata 1.200 euros, comercios ata 1.700 ou restaurantes máis de 2.000.

«O Bloque non debe escoitar aos veciños nos supermercados, porque a moitos lles custa chegar a final de mes, e tampouco debe saber o traballo que hai que facer para sacar un negocio adiante, polo que non pode aprobar unilateralmente este sablazo, sen diálogo ningún, porque a moitos comercios ou bares pretenden cobrarlles polo lixo o salario mensual dunha persoa e ademais aplicando, sen previo aviso, subas que mutiplican ata por cinco ou seis a taxa actual», sinalaron os voceiros do PP, Loli Hermelo, Alfonso Piñeiro e Elena Estévez.

Os tres representantes populares rexeitaron por completo as argumentacións nacionalistas de que a suba é imprescindible para mellorar o servizo, «que é o peor da provincia pola súa exclusiva incompetencia e por deixalo ir durante dez anos», e incluso para garantilo: «Minten e retorcen a realidade, porque Marín é capaz de sacalo adiante con 88 euros anuais, o que demostra, aparte de que María Ramallo e o PP saben xestionar moito mellor que todo o BNG xunto, que é posible recoller o lixo sen sablearlle aos veciños».

O PP morracense, que cre que onte quedaron desmontadas todas as excusas do BNG sobre Sogama -un sistema de tratamento que pode abandonar voluntariamente pero que non fan porque é o máis barato e eficiente- e sobre a lei de cobro por servizos posto que nin sequera a aplican coas novas taxas, lamentou a «postura ditatorial» do Bloque, «xa que éncheselle a boca falando de democracia, pero impedíu o acceso dos veciños ao salón de plenos, faltoulles ao respecto na sesión e tenta criminalizalos simplemente porque non lles gusta que protesten contra eles cando eles son os reis das manifestacións».

Finalmente, os populares indicaron que a protesta, que consideran plenamente xustificada, vén derivada pola falta de diálogo, a imposición e a mala xestión do BNG no caso da limpeza e da recollida do lixo na comarca e apuntan que transcurríu «na súa inmensa maioría de xeito pacífico, aínda que condenamos, sen paliativos, algún episodios puntuais que cremos que non deben producirse para manter o clima de respecto entre todos, algo que, por certo, o BNG non fai nunca cando el mesmo impulsa situación inversas».

Tracking Pixel Contents