A fronte marítima de Cangas (VII)
Os portos de Aldán e O Hío

Os traballos da estrada ao porto de Aldán. / Arquivo do autor

A primeira noticia que temos do «porto» de Aldán é do 11 de setembro de 1492, un mes antes de se descubrir América. Figura nun pleito sobre a usurpación do mesmo por parte de García Sarmiento e a súa muller, encargado real dos asuntos do mar en Pontevedra, que di que pretende repoboalo por abandono. Aínda que aparece con esta denominación debemos pensar, por cuestións de calado, mellor nun fondeadoiro e na praia de San Cibrán como varadoiro dos barcos desta época, denominacións que se repiten en informes posteriores.
O «abandono» ao que alude García Sarmiento e a utilidade que pretende sacarlle quizáis se debía ao desleixo do conde polo beneficio da pesca e pode que máis interesado na explotación agraria, da que o acueduto do Frendoal é bo exemplo. Hai que suliñar que nestas datas ningún dos portos galegos melloraría en infraestruturas durante séculos, agás os de Baiona e A Coruña, habilitados exclusivamente polo rei para a entrada e saída de mercadorías, agás o peixe.

Plano de Aldán a finais do século XVIII. / Arquivo do autor
O asentamento dos fomentadores cataláns na enseada de Aldán desde mediados do século XVIII había imprimir na zona unha dinámica comercial e unhas esixencias infraestruturais para a saída das salgazóns que se facía sen control, agás o dos cregos que representaban ás familias nobres que exercían o señorío en Aldán e no Hío.
Cando se crean os distritos marítimos en 1865, o porto e enseada de Aldán, igual que a ría de Pontevedra, están baixo a xurisdición de Vilagarcía e na altura de xuño de 1875 xa temos aos mariñeiros de Aldán organizados en gremio, presidido por Juan A. Gago, e o «porto» baixo control oficial a través do Cabo de Mar Juan A. Bermúdez. Nestas datas, Aldán e O Hío que pertencían ao Concello de Bueu, xa levaban anos en trámites para anexionarse a Cangas e por iso estes dous representantes dos mariñeiros interveñen como apoderados ante o escribán de Mariña de Cangas para solicitar do Montepío 6.000 reais de vellón «para urgencias y fomento del sector», frase que se entende como o control da saída do peixe salgado sen a dependencia señorial e eclesiástica.

As obras do porto de Aldán no ano 1946. / Arquivo do autor
Como vimos, Aldán xa contaba cun Cabo de Mar, cargo que en 1880 exercía Pedro Ferrándiz que ao ascender a alférez de fragata, vai destinado a Cangas no ano seguinte, sendo substituído no cabato portuario aldanés por Benito Paralle.
O incremento do trasfego de mercadorías e o seu control levan a que a comezos de 1887 se destinen ao mesmo uns carabineiros «de punto» (puntualmente) para o control aduaneiro das cargas e descargas. Mais, desde o primeiro de agosto de 1893, o porto pasa a depender do novo distrito de Marín, cuxa axudantía eliminaría o cabato, pois segundo un informe oficial de 1896, o «porto» de Aldán é máis ben un fondeadoiro entre o Con e Arnelas de entre 3,3 e 4,2 metros de calado e baixos de area e lama, protexido en todo tempo e con posto de carabineiros.
A mediados de agosto de 1905, os armadores, patróns e mariñeiros van solicitar da Comandancia de Mariña que O Hío e Aldán sexan segregadas do distrito de Marín e pasen a depender da axudantía de Cangas ou ben que Aldán se constitúa en axudantía. Como esta última opción foi denegada, o alcalde de Cangas Manuel Sequeiros demandou da raíña rexente a sua adscrición a Cangas que foi ratificada por R. O. de 4 de setembro de 1896.

Outra imaxe das obras no ano 1946. / Arquivo do autor
A praia de San Cibrán seguía a ser o núcleo principal da actividade mariñeira e Benigno Martínez Piñeiro vai instalar alí un galpón cun encascador de redes e en marzo de 1906 o Cabo de Mar Juan Porta García, recén destinado a Aldán, solicita que se lle facilite unha casa-habitación. Nestas datas, o porto tiña moita actividade pois era frecuente a chegada de numerosas traiñeiras para descargar sardiña xa que estaban obrigadas a pescar fóra das rías e así tamén evitaban conflitos cos de Cangas. Consta como unha práctica habitual que moitas destas embarcacións adoitaban prescindir da vela e pagábanlle en especie aos vapores para que as remolcasen na ida e na volta.
Todas as fábricas de salga contaban cunha rampla de pedra para as operacións de descarga e o produto elaborado transportaríase por mar durante anos ata que a chegada do ferrocarril a Pontevedra abrise unha nova alternativa. Isto demandaría a construción de viais que a comezos do século XX xa están rematados, pero o principal problema das fábricas situadas en Aldán era o seu acceso que se facía a través dunha encosta polo barrio da Espiñeira ou polo camiño da Maceira que baixaba ao Con. Contodo, o porto de Aldán seguía cobrando certa entidade, pois cara a finais do ano 1922 vaise establecer no mesmo un posto fixo de Carabineiros.

O porto de Aldán recén rematado. / Arquivo do autor
A chegada do tendido eléctrico tamén suporía un avance en todos os sentidos e a primeira luz sería colocada en febreiro de 1927 no peirao particular da viúva de Arís pois era o que acollía máis trasfego de peixe nestas datas. Un mes despois, o pósito local vai promover como máis factible, a apertura dun camiño pola praia de San Cibrán, solicitando tamén que se dotasen de iluminación os peiraos do «Almacén» e do «Con» e mesmo da praia de San Cibrán, pois hai moita actividade de noite coa descarga do peixe que vai para as fábricas de Cangas e Vigo.
O día 12 xuño de 1928, o mestre de Aldán Isidoro F. del Álamo vai encabezar un escrito, asinado polos veciños, pedíndolle ao presidente da Deputación, Daniel de la Sota, que constrúa un muro de 350 metros para facilitar a saída pola praia ata a estrada pois coa marea alta é imposible facelo polo cerre de pedra dunha finca que chega ata o mar. Tamén se insiste no escrito en que Aldán necesita un molle pois é notable o incremento de barcos e pesca nos últimos anos e os armadores vense na obriga de solicitar boias de amarre para os seus barcos.
Nestas datas xa era importante a flota de pesca no porto e este vai contar en decembro de 1929 coa instalación dunha bomba de gasolina que CAMPSA sacara a subasta.

Unha imaxe do peirao no ano 1970. / Arquivo do autor
Un tráxico suceso en febreiro de 1933, con dous mariñeiros mortos
A morte de dous mariñeiros en febreiro de 1933 cando ían a embarcar nunha chalana puxo en evidencia a necesidade do molle de atraque que levaban anos reclamando para os case 200 barcos que operaban neste punto. Mais, a demanda non sería atendida ata febreiro do 1936 cando o subsecretario de Traballo, Bibiano Osorio Tafall, anuncia as obras do porto que foron aprobadas no Consello de Ministros de finais deste mes. O porto ubicaríase na zona de Xestadelo e contaría con 50 metros de molle, realizándose a poxa pública o 9 de abril, incluíndo, ademais do porto, a apertura do camiño de saída ata a estrada de Bueu a Cangas, xa demandado anteriormente. O orzamento inicial era de 444.409,40 pesetas, pero o contratista Antonio González faríase cos traballos ao ofertalos por 417.000 pts. Mais o golpe militar de xullo, sendo alcalde de Cangas Agustín Jorge Echeverri, adiaría o proxecto case unha década.
Sería a comezos de decembro de 1945 cando comezasen as obras cun presuposto de millón e medio de pesetas, asinándose o expedente de remate do porto en outubro de 1949. Contodo, o tránsito dos produtos seguiría a facerse polo empinado camiño do barrio de Espiñeira ata que o 23 de marzo de 1950 se inicia a expropiación de fincas, que pagarían en febreiro do 1953, para a realización do novo vial por San Cibrán.
As obras do porto, cun orzamento de 2.600.000 pesetas, comezaran xa o día 1º de maio de 1950 coa presenza do gobernador civil Solís Ruiz e durarían ata 1954, anunciándose agora a construción dunha lonxa que se iniciaría en 1956 e dun mercado cuberto que nunca se fixo. Aínda que o edificio da nova lonxa foi rematado en setembro de 1960, a súa apertura demoraría uns anos pois os mariñeiros seguen a reclamar en xuño de 1963 a súa posta en funcionamento.

O porto cara o ano 1975. / Arquivo do autor
A finais de maio de 1965 anúnciase a eliminación do cargo de celador no porto, que ata o de agora viña exercendo Antonio Lariño que vai destinado á Axudantía de Cangas, temendo que desde agora os armadores e patróns de Aldán teñan que desprazarse alí para o despacho dos barcos. Contodo, cremos que este cargo non se suprimiría ata os anos setenta pois en 1969 aínda exerce de celador do porto aldanés Leoncio González Martínez. En xuño de 1966, o organismo Portos de Pontevedra, atendendo a unha petición, fai un deslinde na zona marítimo-terrestre da enseada de Aldán para ubicar varios secadoiros de redes.
En febreiro de 1967 a Xunta do Porto de Pontevedra vai proceder a deslindar a zona marítimo-terrestre na que se inclúe o novo camiño do porto, afectándolle tamén a varios veciños e incluso ás propiedades da igrexa parroquial. Neste mesmo ano, como o porto xa se fai escaso (50 metros de molle) para acoller os 20 barcos de altura (dez de ferro) e numerosas embarcacións máis pequenas, reclámase por parte dos interesados a ampliación do mesmo ata os 250 metros de atraque.

Vistas do porto de Vilariño, na parroquia do Hío. / Arquivo do autor
A finais de outubro de 1968, Aldán vai perder tamén o posto da Garda Civil, cuxos números se integran no de Cangas, despois de máis de 30 anos na localidade. En maio do ano 1969 remátanse as obras de ampliación do dique-molle e recrecemento da escolleira, sendo que despois do duro inverno pasado, xa se fai necesaria a reparación da estrada ao porto. Sobre todo a parte construída sobre o areal, onde se xeraron grandes buracos e fochancas que dificultan o paso dos vehículos e salpican aos viandantes.
Cara a comezos do 1971, Alfredo Moldes Rodal de Cangas vai establecer no Con, en terreos particulares, unha cetárea con tuberías de 30 metros para a toma de auga do mar. Neste mesmo ano, os 50 metros de porto xa se fan imposibles para atracar os barcos e armadores locais como A. Baqueiro ou Juan Barreiro con barcos de máis eslora e calado, demandan a súa ampliación pois teñen que derivar as cargas de peixe a Vigo.
En 2004 preséntase o proxecto de ampliación do porto que vai ser moi cuestionado por un colectivo ecoloxista, aducindo que a ampliación do espigón modificaría as correntes causando a perda de area en diversos puntos. Ao fin, en 2007 preséntase o proxecto e o estudo medioambiental cunha partida orzamentaria de 1,2 millóns de euros.

Evolución dos portos de Aldán e O Hío. / Arquivo do autor
O porto do Hío
O outro porto ubicado na enseada de Aldán é o chamado Molle do Hío, ubicado en Río Esteiro, construído na zona onde estaba a rampla que lle daba servizo á salga dos irmáns Fábregas arredor de 1760 e logo a Tournelle, Ferrer... Ata decembro de 1971 non contou cun pequeno molle, feito pola Junta de Obras del Puerto de Pontevedra cun investimento de millón e medio de pesetas, contando co 10% de aportación do Concello de Cangas.
A fábrica de Ameixide, fundada polos Gelpí tamén acabaría contando cun peirao propio ao pasar aos Curbera. Outras antigas fábricas de salga, ubicadas no Hio, tamén contarían coas súas ramplas de pedra para a descarga dos barcos.
*Investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares