Eugenio Outeiro, Cláudia Morán e Manolo Broa gañan os Premios Johan Carballeira
O certame de poesía distinguiu o poemario "Réquiem" | No de xornalismo o texto galardoado foi a reportaxe «Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume»

A reunión deste sábado en Bueu do xurado do Premio Johan Carballeira de Poesía. / T.G.
Eugenio Outeiro Lojo na categoría de poesía e Cláudia Morán e Manolo Broa na de xornalismo son os galardoados nos Premios Johan Carballeira que convoca a Concellería de Cultura de Bueu. Os xurados reuníronse durante a xornada deste sábado para as deliberacións e ao fío do mediodía deuse a coñecer o fallo.
O galardón de poesía chega este ano a súa vixésimo oitava edición e nesta ocasión o gañador foi Eugenio Outeiro Loja co poemario «Réquiem». O autor é licenciado en Filoloxía Portuguesa pola Universidade de Santiago e actualmente traballa como profesor de portugués na Escola de Idiomas de Lugo. Xa ten publicado anteriormente obras como «Às vezes vida» e «Mordida». O xurado deste ano escolleu «Réquiem» entre un total de 44 poemarios e destacou que se trata dunha proposta «ben artellada e moi acaída para o significado do premio convocante». O tribunal estaba integrado polo gañador da edición do ano pasado, Xosé Luis Mosquera; a poeta Silvia Penas; e o escritor, crítico literario e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo Manuel Forcadela. No seu fallo apuntan que «Réquiem» conta cunha «estrutura e arquitectura poética traballada, delicada no tratamento, nada panfletario que engancha por unha musicalidade evidente, de vocación trobadoresca e que conecta coa oralidade».
O xurado tamén enxalzou o feito de que se trata «dunha poética máis clásica e diferente da cultivada na actualidade e que formula un plantexamento de verdadeiro acto de memoria histórica».

O xurado do certame de xornalismo durante a súa deliberación este sábado en Bueu. / T.G.
No caso do certame de xornalismo o texto premiado é un traballo conxunto asinado por Cláudia Morán e Manolo Broa publicado no suplemento Sermos Galiza, de Nós Diario. Trátase dunha reportaxe titulada «Convivir co lume. O baleiro que arde: un territorio a mercé do lume» e que establece unha correlación entre o despoboamento e os incendios, o contraste entre o urbano e o rural e as distintas vagas de lumes. O xurado valorou unha proposta que supón unha análise das «aldeas case sen veciñanza, cunha perspectiva orixinal sobre os tópicos do lume».
A reportaxe afonda na responsabilidade cidadá e política e o impacto sobre o territorio, «ofrecendo unha visión directa do conflito e establecendo unha progresión eficaza no contido». Os autores achegan datos e contexto a un problema que non é sinxelo e chama á reflexión dun xornalismo que reivindica «o valor fundamental como elemento democratizador e emancipador da cidadanía contribuíndo á súa autonomía e conformador do espírito crítico».
O xurado desta vixésimo segunda edición do premio de xornalismo estaba integrado polo presidente da Asociación Amigos de Johan Carballeira, Manuel Mosteiro; o gañador da edición do ano pasado, Lois Pérez; e a xornalista Diana López. O tribunal quixo ademais facer unha mención especial a outro dos traballos: «Altri e a erosión da identidade galega: cando o monocultivo enterra a memoria», da escritora e autora bueuesa Miriam Ferradáns e publicado en Nós Diario.
Os Premios Johan Carballeira están dotados con 1.500 euros en cada unha das categorías e desde o Concello de Bueu avanzan que a entrega terá lugar antes de final de ano nun acto público.
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- Inquilinos de Morrazo denuncian más casos de presuntas estafas con dueños que se niegan a devolver la fianza
- Un nuevo proyecto en Pinténs amplía la oferta turística de Cangas con un campamento denominado Cova das Minas
- Ingresan en prisión los tres detenidos por el secuestro del vigués que apareció con una paliza junto a la Autovía do Morrazo en Moaña
- Una inmobiliaria con futuro en Moaña
- Un vecino de O Hío entre los integrantes de la Flotilla de ayuda humanitaria a Gaza interceptada por Israel
- La Policia de Cangas identifica a dos jóvenes que agredieron a otro en la zona de la movida con gestos y cánticos nazis
- Comerciantes de Méndez Núñez e Eirado do Sinal, en Cangas, se quejan de que los niños utilicen sus escaparates como porterías