Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A fronte marítima de Cangas (VI)

Unha das últimas obras do periodo franquista foi a construción do novo espigón sobre escolleira e no comezo da Transición seguen a mellorarse os viais do entorno. No ano 1982 a frente marítima vai dividirse en tres ámbitos competenciais que en maior ou menor medida van actuar sobre a súa zona con novas obras e servizos. Coa autonomía, o porto vai pasar á Xunta de Galicia comezando unha xeira de recheos e construcións de servizos portuarios e deportivos.

Unha vista do porto de Cangas en 1964.

Unha vista do porto de Cangas en 1964. / Arquivo do autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xerardo Dasairas

Xerardo Dasairas

Cangas

A demorada execución das obras neste periodo tiña a súa xustificación pola cantidade de infraestruturas danadas ou obsoletas e polo sistema presupostario franquista que se elaboraba por quinquenios. Vai ser aínda agora, en novembro de 1969, cando o Consello de Ministros aprobase a construción do novo dique de abrigo cuxas obras se subastan en xaneiro de 1970 por 51.378.784 pesetas, cun prazo de execución de tres anos, adxudicado á empresa Coviles.

Para dar unha idea da área de competencias da Junta del Puerto de Vigo en Cangas, cabe comentar que a finais de xullo de 1971, é este organismo quen ten que limpar os desaugues e a terra acumulada no enlace de Montero Ríos coa encosta á Pedra Alta, ambas de murrullo.

Extracción de pedra en Baralonga e novo espigón.

Extracción de pedra en Baralonga e novo espigón. / Arquivo do autor

Como as obras do novo dique non comezaron ata agosto de 1971, a empresa solicitaría unha prórroga de dous anos na súa execución pero ao final non serían necesarios polos modernos medios empregados e porque só contemplaba unha escolleira de grandes pedras. A extracción da pedra facíase en Baralonga mediante voaduras e martelos pneumáticos perfuradores e logo era transportada ata a obra en dez camións volquetes de grandes dimensións. No dique operaban unha gran pala mecánica, un guindastre-pontón (gánguil), un remolcador, buzos e non moitos operarios pois case todo o traballo era mecánico, anunciándose o remate das obras en decembro de 1972.

Durante a súa construción empregáronse case 400 mil toneladas de pedra e algúns barcos de pesca sufriron accidentes por achegárense á zona de obras, que tivo que sinalizarse con iluminación e boias, preferentemente o baixo Salaiños. Xa falamos das aportacións do Concello na evolución do porto e o seu mantemento, que agora con estas obras se faría máis oneroso e quizáis por isto o alcalde Eduardo López opta por solicitar que o Porto de Cangas se inclúa na Junta del Puerto de Vigo, perdendo a sua autonomía.

Xa que logo, o Porto de Vigo vaise facer cargo, segundo o aprobado por O.M. de 21-6-1974, das zonas de deslinde que abarcaban desde Rodeira a Punta Balea.

O molle de pasaxe e a estación marítima no ano 1992.

O molle de pasaxe e a estación marítima no ano 1992. / Arquivo do autor

Cando en 1976 se elabora o primeiro Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), este contemplaba, igual que en 1953, un contradique en Ojea pero esta vez para acoller un porto deportivo e entre o novo dique e o de Massó figura unha zona industrial que posteriormente permitiría a instalación de Frigoríficos del Morrazo, prevéndose a creación doutro porto deportivo ao amparo do novo dique construído en Punta Balea. En maio deste ano e ligado ás obras do dique, asfaltaríase o tramo entre este e o peirao da Marquesina, o que xeraría problemas no tramo da subida ao cruzamento da Pedra Alta pois cando chovía seguía a provocar a acumulación de terra e pedras na parte baixa, dificultando a circulación.

Un peculiar cheiro a "maruxía" e unha plaga de sinfanos que case costan a tala dos plataneiros do Paseo de Sequeiros

Neste tempo, o Concello decide gañar uns metros no tramo da nova estrada da praia da Ribeira para habilitar aparcamentos. Pero resulta que o seu efecto foi, aparte de reducir o espazo de varamento dos barcos, que as mareas influían máis no calado do porto, ao tempo que se xeraba unha zona onde os vertidos de todo tipo (praza de abastos, desaugues...) desprendían emanacións cheirentas co debalo do mar e que, por sorte e ignorancia, os “veraneantes” definían como un forte cheiro a “maruxía”. Sobre este tema desataríase unha polémica pola abundancia de sínfanos na rúa de Sequeiros polo que se estiveron a piques de talar os plataneiros como culpables da praga de non ser polo doutor Villar “Almiña”, que sinalou aquel ángulo infecto como orixe da praga.

Xa estamos no periodo de transición democrática cunha reorganización das administracións un tanto caótica e a finais de 1977 vanse anunciar as obras de ensanche do antigo molle-dique que aínda demorarían uns cantos anos. Neste caos administrativo e competencial, aínda sen resolver, en 1978 o Concello vai asfaltar a rua Montero Ríos pois nesta data o porto de Cangas dependía dunha Junta de Obras y Servicios de la Ría de Vigo, que desde a súa constitución nos anos sesenta tiña a Cangas desatendida pois na mesma o Concello non tiña representación.

A construción da Casa da Cultura durante o ano 1986.

A construción da Casa da Cultura durante o ano 1986. / Arquivo do autor

Nesta situación, a finais de outubro deste ano, a Corporación municipal vai pedir un crédito de 29.402.000 pesetas ao Banco de Crédito Local para afrontar a construción dun paseo marítimo sobre a praia da Ribeira por disposición do enxeñeiro Antonio Garelly a quen, paradoxalmente, lle dedicaron unha rúa por obras que nunca se fixeron. Pero era un home de prestixio do Régimen por facer varios portos. Do fracaso deste proxecto culparían aos armadores e patróns, que se opuxeron a esta obra, pois quedaban sen o tradicional lugar de varada para os barcos. Disto, quedaría a acumulación de lixo e os verquidos no recanto da praza de abastos que converteron esa zona, como dixemos, nun foco de infección e malos cheiros que se acentuaban no debalo das mareas.

Desde o ano 1982, a frente marítima de Cangas vai dividirse en tramos competenciais de Costas (Punta de Rodeira-Praza de abastos), Portos de Galicia (Praza de abastos- espigón) e Porto de Vigo (espigón-Punta Balea). Portos de Galicia (Xunta), xa que logo, vai asumir en setembro de 1983 as competencias do porto de Cangas que conta con 112.000 metros cadrados ocupados por recheos e no mesmo non se realizarían obras importantes ata os anos noventa en que faría publica a primeira Delimitación de Espazos e Usos do Porto (DEUP).

A época do alcalde Lois Pena

Como este documento permitía alegacións, o Concello vai solicitar en varias ocasións a reversión da zona que consta como de “integración porto-cidade”, onde se celebra o mercadiño ambulante, para aforrar o pago do canon de perto de 30.000 pesetas anuais que lle pagaba a Portos de Galicia. Como xa dixemos, o ámbito da praza de abastos, polas razóns xa expostas neste apartado, estaba baixo dominio municipal e no 1984, baixo o mandado do alcalde Lois Pena, váiselle anexar unha edificación para a venda do peixe do día.

As casetas para pescadores e Axudantía de Mariña.

As casetas para pescadores e Axudantía de Mariña. / Arquivo do autor

Este mesmo alcalde socialista, a través dos seus contactos políticos, vai conseguir do Servizo de Costas do Estado que se fagan diversas obras como a Casa da Cultura (1987), o Paseo de Rodeira e o recheo da praia da Ribeira, que permitiu trasladar a estrada que circulaba pola zona da Alameda. Na zona baixo xurisdición do Porto de Vigo faríase cara a 1988 o recheo e asentamento de Frigoríficos del Morrazo e a ampliación do dique de Massó a 600 metros para convertelo en dique de abrigo destas instalacións.

O novo molle e as modernas casetas deseñadas Irisarri e Piñera.

O novo molle e as modernas casetas deseñadas Irisarri e Piñera. / Arquivo do autor

Cara a 1989, o Porto de Cangas vai completar o recheo do aterrado ata o molle de pasaxeiros, alongando este con pantaláns flotantes. Nestas datas tamén se anchea o antigo molle-dique e a área ata os novo espigón na que se ubicará a lonxa e unha rampla de varada para reparacións. O obxectivo destas obras era trasladar a actividade pesqueira para esta zona entre os diques e deixar a outra para instalar os pantaláns de náutica recreativa (Club Náutico). Nos novos espazos gañados ao mar, inauguraríanse o 30 de setembro de 1997, a Estación de Autobuses e o ensanche do molle coa nave de redeiras, póndose a primeira pedra dunhas casetas para os mariñeiros e para a Axudantía de Mariña que nunca ocupou.

Unha vista áerea do porto en tempos recentes.

Unha vista áerea do porto en tempos recentes. / Arquivo do autor

Pouco máis adiante construiríase a nave de deportes náuticos e procederíase á adecuación e aproveitamento do interior do dique de abrigo como molle de pesca e servizos coa instalación cara a 2009 das polémicas, galvanizadas e asubiadoras 36 casetas de pescadores, deseñadas por Irisarri e Piñera que recibiron un premio pola sua estética sen ter en conta a súa dubidosa utilidade.

Zona de desafección do porto en Cangas, ano 2024.

Zona de desafección do porto en Cangas, ano 2024. / Arquivo do autor

Ademais desta cuestionada intervención de Portos ou da “colocación” dunha rotonda no seu ámbito portuario, temos que destacar o inusitado interese de Costas por recuperar a chamada Praza das Pontes na que en abril de 2012 se realizaron sondaxes e se prometeu polo concelleiro de Urbanismo que «el puente principal volverá a ser el acceso al barrio de O Forte».

Isto debe ser unha complexa entelequia, asumida tamén por gobernos municipais posteriores, pois a día de hoxe segue sen realizarse. O que semella ser unha realidade a breve prazo é a cesión ao Concello por parte de Portos de Galicia da área da Alameda Vella - Mercado por non teren xa uso portuario ao avanzaren os recheos e a liña do molle.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents