A fronte marítima de Cangas (II)
Se na actualidade as obras públicas levan o seu tempo ata que son executadas, nestas datas de inicios do século XX, as demoras eran de anos. O proxecto dun malecón e un recheo na zona da Mariña, prexudicaría a actividade das salgas e conserveiras desta zona e habendo demanda de novas fábricas é polo que a iniciativa particular e baixo concesión, se faría o recheo da praia do Sinal, chamado logo de Ojea. As obras do porto faríanse en varias fases, con certas demoras polas reivindicacións dos obreiros.

Desmontaxe do malecón e inicio aterramento 1907. | / Arquivo do autor

As primeiras accións para iniciar o recheo pódese dicir que comezan o 15 de xaneiro de 1903 ao se realizaren expropiacións temporais de fincas para a extracción de materiais destinados ao porto como pedras, cascallo... encargándose desta misión o sobrestante Enrique Carrera, que se vai asentar en Cangas pois tamén estaba ao cargo das obras do chamado primeiro trozo da estrada de Cangas a Bueu. No recheo traballaban 40 obreiros entre canteiros, peóns e mulleres e a comezos de agosto deste ano, un obreiro, no nome dos seus compañeiros, vai demandar melloras nas condicións de traballo, sendo despedido por isto polo subcontratista Manuel Martínez.
Esta decisión provocaría grande malestar entre varios obreiros que demandan a sua reincorporación, sendo tamén despedidos, circunstancias polas que, a primeiros de outubro, van porse en folga. A través dunha denominada Junta Local de Reformas Sociales van pedir: 1º -A readmisión dos compañeiros. 2º -Aumento de 25 céntimos no xornal. 3º -Aboamentos dos días de folga. 4º -Aboamento do xornal do despedido. 5º -Que se fagan os pagamentos os días un e quince do mes e 6º -Que os pagos de marea (os que traballaban rente ao mar) fosen dobres polo risco existente.

Descarga de peixe na rúa de Romay (hoxe Antonio Garelly), a finais do século XIX. / Arquivo do autor
Nas negociacións, o contratista négase a asumir os puntos 2, 3 e 4 e os obreiros están dispostos a renunciar aos puntos 2 e 4, pero o contratista non ve lóxico asumir o pago dos días de folga xa que non traballaron. Finalmente, os obreiros volveron ao traballo conseguindo a readmisión do compañeiro e as melloras salariais (rebaixadas). Este conflito, a primeira folga obreira en Cangas, tería un efecto colateral pois o sobrestante das obras sería relevado no seu cometido por Cipriano Benigno Brandín.

Plano dos recheos do porto en 1909. / Arquivo do autor
A comezos de novembro produciríase un afundimento de terras, provocando a morte de Joaquín González, un mozo de 14 anos que a xustiza considerou como accidente laboral pero que evidenciou as dificultades e perigosidade destas obras cos escasos medios desta época.
Mais con isto, non rematarían os avatares da construción do recheo pois en maio de 1904, unha vagoneta vai fracturarlle as pernas a un traballador e os obreiros e canteiros apoiados polas sociedades de Cangas e Vigo van iniciar unha folga que o contratista intentaría contrarrestar, esta vez, ameazando con contratar obreiros portugueses. Ao final, despois dun mes de folga, chegaron a un acordo reanudándose as obras do recheo pero debían ir con lentitude pois Fialho de Alemeida na sua visita a Cangas en xuño de 1905 aínda describe o porto vello na sua antiga fasquía: «Máis da metade das casas da beiramar á esquerda veñen así beber polo seu asentamento, na auga da ría, entanto a dereita ofrece entre ela e o mar, un vasto terreiro con parapeito de laxe, unha especie de praza ou lugar dos cónclaves de Cangas, onde pescadores e homes do mar repousan ás tardes, fumando e xogando ao marro e aos bólos».

Montero Ríos e Eduardo Vincenti | / A.A.
En outubro deste ano 1905, o Concello non se conforma só co recheo feito que remata nunha escolleira e vai demandar que se constrúan tamén uns molles, pero esta demanda foi desestimada polo Ministerio en comunicación de xuño de 1906. Nesta data, as obras do recheo xa levaban unha demora de case tres anos, asunto que vai preocupar á Corporación Municipal que solicita unha entrevista co contratista señor Corbal e consegue por fin da Dirección Xeral de Obras Públicas, sección de Portos, o remate do recheo e o comezo das obras dos molles que son aprobadas por real orden. de 11 de setembro deste ano1906.

Aterramento de Ojea en 1910. / Arquivo do autor
Portos xustifica este retraso en base a que este organismo estaba planificando tamén un novo recheo na praia do Señal, espazo que algúns conserveiros demandaran como óptimo para se estableceren en Cangas. Entre o retraso do inicio das obras e o esforzo que nestas datas significaba un aterramento, molles e dique de tal magnitude, o contratista das obras Benito Corbal vai pedir en marzo de 1907 unha prórroga das obras por dous anos máis.
O remate do recheo sería en decembro de 1909 e o Concello abonaríalle a este contratista a cantidade de 22.184 pts. por complementos nas obras xa conveniados. Ademáis de contratista, Corbal era deputado provincial e concelleiro en Pontevedra, merecendo que a capital lle adicase unha rua céntrica por ter realizado obras importantes para a súa cidade. Mais pola sua intevención e resolución dos conflitos no porto de Cangas foi tildado de “enemigo de los obreros” polo sindicato de canteiros local.
O recheo da praia do Señal, chamado logo Ojea
Despois da praia da Ribeira, sobre a que se ía consolidando a rúa de Eugenio Sequeiros, viña o areal do Señal que tiña por frente as rochas que, desde tempos antigos limitaba a parroquia de Cangas coa de Coiro. Estas rochas e máis as correntes do río do Señal (Bouzós) orixinaban un tómbolo de area que se aproveitaba, segundo as referencias, incluso para asentar un mercado en determinados días e horas, dependendo das marés. O fracaso do plan de Rodeira en 1905 e as dificultades de compra no Salgueirón, levaron aos empresarios da conserva a abordar o recheo da chamada praia do Señal, que logo foi coñecido como de Ojea.
Era, pois unha zona natural, factible de recheo que ademais evitaba as dificultades que tiñan os conserveiros que se instalaran cara o Costal e o Salgueirón con difícil acceso ao mar que salvaban con ramplas.
Sería en en xuño de 1907 cando Obras Públicas anunciase oficialmente o alleamento da praia do Señal e máis a Marisma de Liméns polo Estado, pero vai haber unha forte oposición veciñal e mariñeira a estes proxectos, recorrendo mesmo á Capitanía do Ferrol.
Mais, polo que sabemos, ao menos no caso do Señal, todo foi inútil pois xa nesta época prevalecían os intereses particulares dos empresarios e conserveiros sobre o interese dos mariñeiros. Neste sentido, os primeiros datos apuntan xa a unha concesión de terreo en 1905 outorgada a un tal Camaño Coya, pero sería Manuel Ojea Torres quen a comezos de xaneiro de 1906 presentase nas oficinas de Obras Públicas de Pontevedra a instancia co proxecto de recheo para instalar nel unha fábrica de salga e conservas.
Este empresario vigués casara en Cangas con Andrea Fresquet Ferrer, filla dun potentado emigrante catalán en Cuba que retornara para instalarse en Cangas, adquerindo moitos terreos e construíndo unha casa. Non é a nosa intención pescudar sobre este apelido Fresquet pero xa aparece anteriormente en Cangas relacionado cos Pastoriza locais.
En marzo deste mesmo ano é Benjamín Caamaño Graña quen tamén solicita no mesmo recheo unha parcela para establecer un aserradoiro e carpintaría, basicamente destinados á provisión de envases para o peixe. Este negocio estaba asegurado, pois en marzo de 1907 o Ministerio de Fomento vai concederlle permiso de instalación de fábricas neste recheo a Lago Antepazo, a Córdoba (logo nave Irmáns Solla) e a Graña Acuña. Montemerlo obtería o permiso en 1915 e en xaneiro de 1916 tamén vai establecer fábrica Benjamín Caamaño.

O porto co malecón ao fondo. / Arquivo do autor
Unha das últimas obras que se fixo neste recheo do Señal foi a comezos de febreiro de 1917, construindo Manuel Ojea Torres unha rampla de servizo para a sua fábrica.
A consolidación deste espazo gañado ao mar, permitiría posteriormente a súa utilidade no ámbito público ao instalarse en 1929 o novo cuartel da Garda Civil edificado por Argentí, arquitecto da Deputación, unha escola de nenas e moitos anos despois, no franquismo, a casa sindical da Hermandad de Labradores. Esta urbanización do areal do Señal tamén acollería algunhas edificacións á beira da estrada a Moaña, a fábrica do gas que iluminou Cangas nestas datas primiseculares do século XX ou a fábrica de pedra artificial “La Aurora” de Juan Martínez y Cía.
Todas estas novas intervencións urbanísticas sobre unha frente marítima areosa obrigaban a levantar edificacións baixas ou cun só andar na maioría dos casos, pero en zonas máis consolidadas xa se ergueron rexos edificios de pedra, destacando o do comerciante Indalecio García en Eugenio Sequeiros, conseguiría erguer edificios de pedra, senlleiros naquela época que aínda perduran hoxe. Por todas estas obras, o alcalde Joaquín Rodal Bermúdez de Castro (1903-1909) alcanzaría certo prestixio, sendo cualificado como un dos mellores rexidores da vila.
A segunda fase do porto
As obras de recheo realizadas xa na súa última fase, remataban no mar en escolleira, quedando por facer os molles, escaleiras e ramplas e a escolleira-molle. O proxecto destas novas obras xa se presenta a mediados de febreiro de 1909, realizado polo enxeñeiro Rafael Muñoz, a instancias de Vincenti, pero ao Concello de Cangas parécelle escasa a lonxitude do dique de abrigo e demanda a finais deste mes, que se aumentase, igual que a do molle,e que se construise unha rampla máis no mesmo e que se fixese un camiño a rentes do mar desde o dique de abrigo cara o oeste paralelo á rua Fomento onde se ubicaban as fábricas de conservas (Eiroa, Montes, Abalo, Figueroa...).
O proxecto deste camiño, logo rúa de Montero Ríos, non lle había de gustar aos conserveiros pois cortaba as ramplas de acceso e descarga de peixe sá súas fábricas aínda que logo, en 1911 posibilitaría a instalación da central eléctrica da Ulla Blanca e a construción de vivendas.
Como a Dirección Xeral de Obras Públicas dese a calada como resposta sobre estas propostas, en xuño do 1910, o Concello, agora apoiado polos armadores, volve a reclamar estas melloras pois así aparecían consignadas no plano das obras. Por fin, os primeiros movementos nestas novas obras comezarían o día primeiro de xullo coa instalación dun tendido eléctrico provisorio e algúns puntos de luz, declarándose as mesmas de interese xeral.
O 15 de novembro, Obras Públicas (seccción Portos) aprobaría o proxecto reformado de ampliación do porto, outorgando 485.297,92 pesetas para as obras. A finais de ano, un informe recolle que as obras no mesmo xa van moi adiantadas e que o escaso trasfego marítimo que tiña ata agora o Porto, vaise ver moi incrementado ao seu remate. Ninguén dubidaba do incremento da actividade portuario, pero o único acceso aos molles pola angosta rúa Real, xa con problemas de tránsito nestas datas, esixía un novo vial para comunicar o porto. A outra saída do porto era pola aínda areosa rúa Sequeiros que por Méndez Núñez comunicaba con Moaña, mais, nestas datas aínda era prioritaria a comunicación con Pontevedra, a capital provincial.
Por isto, o Concello e máis o Ministerio de Fomento deciden a construción dunha chamada Travesía al Puerto pero en maio de 1911 a Corporación municipal esixe que este organismo financie ao menos as expropiacións, incluíndoas no presuposto das obras portuarias, pedíndolle tamén ao Gobernador que as meta senón no trozo da estrada a Bueu que está en obras. Por certas notas, cremos que ao final se fixo metade por metade pero mentres andaban nesta lea, prodúcese un paro dos obreiros do porto que demandaban melloras salariais. A finais deste mes, o contratista pediría 15 meses de prórroga polos efectos retardantes dos paros convocados que aínda durarían ata finais de agosto.
Nesta altura vanse erguer en Cangas voces e protestas que din que de seguir así, xa se pode considerar interminable esta obra, presionando para que continuasen os traballos. Como saída a este conflito, a empresa construtora fai efectiva a contrata de obreiros portugueses que traballaban a destallo, facéndoo incluso nos domingos. Este asunto provocou que voces sindicais denunciasen a contravección das leis laborais e incluso sectores, ligados ás numerosas confrarías relixiosas da Vila, demandaron a intervención do gobernador e incluso dos enxeñeiros para que evitasen este escándalo. En decembro, o alcalde persistía en sacar rendemento destas obras portuarias e pediría que se embaldosase a rua Real polo Estado, xa que polo momento era parte da estrada de Pontevedra e comunicaba co porto.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría