Mostra de Teatro de Cangas | Crítica

Mulleres afoutas de seu

A poesía popular oral, o humor e o compromiso protagonizan tamén o espectáculo

Un momento da obra. | |

Un momento da obra. | |

Ana Abad de Larriva

Despois de inauguraren esta edición da MITCFC como pregoeiras, as tres cantareiras e pandeireteiras que compoñen o grupo As Fillas Bravas, Isaura, Dosinda e Benedita, volveron o pasado venres á Mostra para facer un recital teatralizado moi especial, actualizando para este ano 2025, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas á poesía popular oral e ás cantareiras, a peza que estrearan orixinalmente en 2014. Estas tres mulleres afoutas, interpretadas por Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar, están agora acompañadas en escena por dúas intérpretes de lingua de signos: Chusa Pérez de Vallejo e Gema Santos Custodio, que se integran no decorrer do espectáculo dun xeito moi fluído; e o espectáculo conta tamén cunha audiodescrición previa para as persoas con discapacidade visual.

A presentación dun universo feminino de mulleres fortes e apoderadas e o humor son os elementos predominantes na proposta, que integra a interpretación de cancións populares á voz e á pandeireta (e tamén ás culleres) e intervencións faladas nas que as tres van explicando os contidos das coplas que van ou que están cantar, ou nas que se relacionan entre elas ou co público, a partir de elementos distintivos das mulleres de Momán en xeral e de cada unha delas en particular, así como da súa realidade. Porén, a peza ten tamén un valor etnográfico, que é abordado dun xeito divulgativo e reivindicativo, na explicación das cantigas e do seu contexto, que centran sobre todo na presenza e no tratamento da sexualidade, con protagonismo feminino, nos cancioneiros populares.

Destaca a capacidade das tres actrices para conectar co público dun xeito directo, algo que reforza o mantemento de luz no patio de butacas, así como entre elas, e tamén combinan moi ben as tres personaxes, con roles e graos de composición diferentes que equilibran o conxunto. Abraia a capacidade de Mónica García para desaparecer completamente e dar vida a unha Dosinda chea de matices corporais e vocais e simpáticas ocorrencias; encanta o xeito en que Patricia de Lorenzo se comunica co público, dotando a personaxe de Isaura dunha personalidade propia e dun sorriso e un riso contaxiosos; e destaca o bo facer de Arantza Villar no papel de Benedita para nivelalas, dende unha construción de personaxe con menor grao de composición que harmoniza o trío e os roles que se establecen entre elas, sen perder o seu brillo propio.

Trátase dun espectáculo divertido e ameno, e, ao mesmo tempo, comprometido e interesante, no que se nota a experiencia e a habelencia do elenco, pero tamén da dirección e da dramaturxia, da que se encargou Xron, para artellar os discursos falados e as intervencións cantadas e bailadas, para intercalar pequenos momentos cómicos cando o ritmo e a atención do público poderían comezar a caer, ou para introduciren un bis ao final con coplas inspiradas en Cangas. Este último detalle fixo que o público da Mostra, que xa quedara deleitado coa función, ficase engaiolado con semellante agasallo e foron moitas as persoas que se puxeron en pé para devolverlles a homenaxe.

Tracking Pixel Contents