A frente marítima de Cangas (I)
Comezamos unha serie de artigos sobre a frente marítima e o porto de Cangas, o elemento máis importante na orixe e desenvolvemento da vila. Ampliamos tamén datos sobre a evolución da sua frente marítima, elucidando sobre a sua xénese histórica e o grande impacto urbanístico, social e económico que xerou, contribuindo á sua análise e valoración. Despois de máis dun século, o porto volve a cobrar interese pola desafectación de zonas que pasarían a mans do Concello.

O malecón de Cangas a finais do século XIX. / Arquivo do autor
Xerardo Dasairas*
O concepto de porto marítimo ten variado moito ao longo dos anos e en principio non eran máis que lugares xeográficos naturais como praias ou enseadas que pola súa posición de abrigo cara aos ventos reinantes, ofrecían resgardo para os barcos. A mediados do século XV, arredor do antigo casal de Cangas, herdado polos Soutomaior e ubicado no alto dunha encosta (Costal) vaise desenvolver unha actividade pesqueira creándose un pequeno atraque de carga e descarga con máis calado pola ausencia de rochas nos fondos desta zona.
Contodo, nesta época e durante anos, sería a liña de praia, desde o que foi logo a praza do Arco ata a punta de Rodeira, a que acollese as faenas mariñeiras, tendo as praias da Ribeira, do Señal e do Forte como referentes en Cangas, aínda que a Congroça en Punta Balea, o Portiño en Santa Marta, Liméns e todos os areais máis abrigados, tamén acollían actividades pesqueiras. Aínda sen infraestruturas portuarias, a actividade pesqueira, segundo os datos, baseábase primeiramente no congro e no polbo, centrándose logo na pesca da sardiña coa formación dos cercos, operando en Cangas entre tres e cinco destes, que empregaban cadanseu a deceas de homes e longos aparellos.

Porto medieval (virtual), debuxo de Teixeira (1634) e plano de 1750. / Arquivo do autor
A pesca iría en aumento e tamén os conflitos de competencia entre os mareantes dos portos de Pontevedra, Aldán ou Redondela pero tamén comezaría a exportación da sardiña, que en principio viñan mercar barcos extranxeiros ou se levaba a Redondela para exportala por terra cara o interior. Nestas datas, Cangas xa contaba cun alfolí ou almacén de sal e as pinazas, barcos que sustituiron aos pesados trincados, fletadas polos comerciantes burgueses locais, xa navegaban desde aquí cara a portos do norte, sur e leste da península traendo viños, licores ou sal de Aveiro na tornaviaxe.
Durante medio século e ata que Cangas non adquere rango de Vila, tras da construción da igrexa e a sua constitución en parroquia, a denominación foi Porto de Cangas por ser este o centro de actividade comercial máis importante. Sen deixar de selo, o crecemento urbanístico, a aparición doutras actividades e sobre todo o peso socioeconómico arredor da Colexial, levaron a que o topónimo de Porto se fose esquecendo en favor da sua denominación como Vila de Cangas.

Vista do porto de Cangas a principios do século XX, co peirao de madeira en primeiro termo. / Arquivo do autor
A nivel de infraestruturas e da evolución do Porto, que é o noso interese primixenio, os datos son exiguos e temos que deducir a existencia dun pequeno pantalán de madeira que permitise o atraque coa baixada da marea. Os primeiros datos que podemos aportar proveñen de 1751, cando se recolle nunhas «Ordenanzas Generales de la Armada para el Gobierno de los Matriculados del Mar», a creación de subdelegacións marítimas, entre elas as de Cangas, Redondela, Vigo... dependentes da Delegación de Pontevedra.
O proxecto de "Mejora del Puerto de Cangas" do enxeñeiro militar Eustaquio Giannini
Do 30 de abril de 1793 é o primeiro proxecto coñecido dun porto artificial, denominado «Mejora del Puerto de Cangas», asinado polo enxeñeiro militar Eustaquio Giannini Bentallol, figura sobranceira pola reconstrución da Torre de Hércules da Coruña tal como a coñecemos hoxe. O seu proxecto en Cangas respectaba o antigo molle frente ao Costal engadindo unha rampla e a gran obra a facer era un espigón-molle con escaleiras e ramplas polo interior, que medía unhas 180 varas de Burgos que veñen sendo uns 150 metros. Descoñecemos as razóns polas que non fixo esta obra, mais coidamos que a xurisdición arcebispal do porto tería moito que ver ao temer unha intromisión civil nas súas posesións. Xa que logo, habería que agardar ata mediados do século XIX en que o proceso desamortizador dos ben eclesiásticos dese fin ao control relixioso do porto e a exclusividade da pesca, instalándose tamén os primeiros fomentadores.
A nomenclatura portuaria de mediados do século XIX vai empregar agora a denominación de portos artificiais para as construcións de molles e diques que en 1858 se realizan en Vigo, Baiona, Marín, Carril e Vilagarcía. Nun roteiro sobre os portos, editado en 1867 polo capitán Pedro Ruidavets, infórmanos que Cangas conta cun pequeno porto pero que o seu fondeadoiro é moi inseguro por estar afectado polos ventos do sueste, apreciación que co tempo levaría á necesaria construción do dique-molle.

Oproxecto de 1793 de Eustaquio Giannini, que non se chegou a executar| Arquivo do autor / Arquivo do autor
Cabe que fose arredor de 1875 cando o porto de Cangas pasase á xurisdición do Estado pois así o testemuña a presenza no mesmo de carabineiros de fronteiras, ligados a Facenda, abrindo á par en Cangas, unha «Delegación de las Rentas Estancadas» baixo dirección de Agustín González nestes primeiros anos. A comezos de novembro 1879, solicítase que o desembarque do millo e do carbón extranxeiro se fixesen no porto cangués, pero o Ministerio de Facenda decidiu que se realizase na praia de Toralla (Canido) pois era preciso que pasase pola Aduana que estaba en Vigo. As razóns que esgrimía Cangas era que o Morrazo precisaba do carbón para a maquinaria de vapor das fábricas, que maiormente eran aínda de salgadura...
En 1880 o porto de Cangas xa é habilitado para descargar mercadorías nacionais e estranxeiras
A presión canguesa non conseguiría este propósito pero por Real Orde de 26 de marzo de 1880, o porto de Cangas xa é habilitado para descarga de efectos do país e extranxeiros, pero co previo paso pola Aduana de Vigo para o devengo dos aranceis. Esta situación xurídica provocaría que pronto se instalase en Cangas un posto de Carabineiros que eran quen se encargaban do control e vixilancia das fronteiras e portos, ligados a Facenda, abrindo en Cangas unha «Delegación de las Rentas Estancadas».
Ata que Cangas non se liberou do control arcebispal sobre a pesca non se instalarían fábricas de envasado de peixe e a comezos de xuño de 1886, os fabricantes que se ían establecendo cara o oeste desde o Costal (zona chamada do Fomento), atopan dificultades para trasvasar o peixe por falta de infraestruturas.
Un dos primeiros en demandar melloras foi Francisco Montes, quen solicitaría do Goberno Civil que lle permitise facer un peirao ou rampla no lugar de Viña do Boi para carga e descarga da sua fábrica. A presión dos empresarios das fábricas de salga e dos mariñeiros levaría a que a comezos de outubro deste mesmo ano, «por el escaso tráfico pesquero actual», o deputado en Cortes Eduardo Vincenti prometese a construción dun novo porto en Cangas que o 23 de decembro de 1886 xa ten o beneplácito gobernamental mediante Real Orde para as obras, cuxos proxectos se inician o 19 de xaneiro de 1887, incluindo tamén os portos de Marín e Bueu.

O primeiro recheo en Cangas, cara o ano 1810. / Arquivo do autor
Neste contexto, non debemos esquecer que nas datas en que se proxecta o porto para Cangas, xa considerado do Estado, era ministro de Fomento o liberal Eugenio Montero Ríos, sogro de Vincenti. Aínda que non se rematara, o porto de Cangas xa foi declarado de interese xeral de segunda orde por lei de 5 de maio de 1888 e as obras que se facían neste ano consistían nun dique de pedra con algunhas escadas de acceso incrustadas, levantado sobre a zona rochosa da beiramar, partindo a obra desde as antigas gradas-porto do Costal ata a entrada a praza das Laghiñas.
Desde aquí, constrúese un malecón de pedra deixando un amplo espazo de recheo diante das casas, estendéndose este ata perto da capela do Hospital. Este espazo recheado permitiría avanzar na edificación dunha nova liña de casas con baixo e un andar, orixinándose unha nova rúa, denominada do Progreso, que facilitaba asemade o tránsito dos carruaxes, comunicando a rua da Calzada coas Laghiñas e a tamén nova rúa do Porto. Ademais desta rúa, logo denominada Saralegui, tamén xorden a Praza do do Arco e a Praza do Progreso naquel primeiro recheo ao final da rúa da Calzada (Real) que agora se ve ampliada e que antes se chamaba do Mercado por se asentar nela o alpendre que acollía os postos de venda de toda clase de xéneros.
O primeiro recheo
Este primeiro recheo e a súa consolidación tiveron como efecto importante a canalización e soterramento do río Adega (Deja nos documentos) ou de Lavandeira por nacer na propiedade dos deste apelido (o Concello tivo pleitos con eles polas minas de auga) e a posibilidade de construír casas de máis porte, como a chamada Casa da Bóla propiedade do secretario do Concello Teodosio González Gutiérrez.
O avance destas construcións deixaría ainda máis illada a chamada rúa Cega (sen saída) que a penas se comunicaba por unhas canellas coa frente marítima. En principio, os gastos de mantemento destes dique e malecón, afectados cada ano polas galernas, corrían a cargo do Concello polo que a finais de 1887 solicita que se faga cargo deles a Dirección Xeral de Obras Públicas, que faría ouvidos xordos a esta petición, polo que a Corporación Municipal volvería a insistir neste asunto en agosto de 1888.
Ata estas datas, a nomenclatura oficial segue a cualificar a Cangas como fondeadoiro ata que en xullo de 1889 xa están en marcha os estudos para facer un porto. Pero a excedencia do enxeñeiro señor Luis Larronde deixaría no ar este proxecto e máis o de Bueu. Por fin en 1898, despois de nove anos, chegaría a Cangas o enxeñeiro Rafael Apolinar para realizar o estudo e planimetría do novo porto de Cangas, mais durante o periodo correspondente ao alcalde Serafín Barros (1899-1903), non habería actuacións físicas neste sentido agás un pantalán de madeira que permite que Zagala tire as primeiras fotos do antigo dique do que nos deixou unha descrición o escritor Fialho de Almeida en 1905: «Visto Cangas desde o mar, máis da metade das casas da parte esquerda veñen así beber, polo seu asentamento, na auga da ría, entanto as da dereita ofrecen entre elas e o mar, un vasto terreiro con parapeito de laxe, unha especie de praza ou lugar dos cónclaves de Cangas, onde pescadores e homes do mar repousan ás tardes, fumando e xogando ás bochas (petanca galega) e aos bólos. Están a construir un molle e a aumentar a liña do cais, da banda da poboación oposta a aquel que xa ten un pedazo del para percorrer completo, por diante do pobo todo». En xullo de 1906 cando a infanta Isabel desembarca en Cangas, o pantalán aínda está en uso.

Nota sobre o fondeadoiro de Cangas en 1896. / Arquivo do autor
O chamado Proxecto Reformado do Porto de Cangas anunciaríase a comezos de marzo de 1902 e a finais de xullo o Ministerio de Obras Públicas refrenda as obras, que se subastan o 30 de agosto, contando cun presuposto inicial de de 373.914,84 pesetas. Tiña catro anos de execución e incluía o recheo, obras exteriores como o molle e o dique de abrigo e interiores que incluían un muro de ribeira, estrada e accesos.
Manifestación de agradecemento a Eduardo Vincenti
Ante esta noticia, a reacción dos armadores e mariñeiros de Cangas non se fixo agardar e o 18 de agosto, a maioría dos vapores de pesca marcharon cara a Lourizán en manifestación de agradecemento a Eduardo Vincenti por ter conseguido a obra. O devandito 30 de agosto sae a subasta en Madrid ao mesmo tempo que en Pontevedra, concorrendo ás obras do mesmo previa fianza de 37.162 pesetas Juan Molet, Manuel Goicoechea e o pontevedrés Benito Corbal que sería quen se fixese co concurso ao rebaixar o presuposto en 40.000 pesetas.
O contratista que executaría as obras sería Agustín Rodríguez, sendo o presuposto final de 332.614,84 pesetas desglosado en obras exteriores como o dique de abrigo e o molle (247.443,82 pesetas), obras interiores como o recheo, muro da Ribeira, estrada de acceso ao molle (31.030,41 pesetas) e imprevistos por 54.140, 61 pesetas.
Como foi Montero Ríos o que en realidade conseguira os cartos polo seu cargo de ministro no goberno, este acudiría a Cangas o 21 de setembro deste mesmo ano 1902 onde sería homenaxeado cun banquete pola consecución das obras do porto. Esta mellora das infraestruturas levaría a que incluso, xa rematando este ano, no mes de decembro, o farmacéutico Eduardo de Haz y Pou vai establecer unha fábrica en terreos a onde chega o mar, na zona próxima ao Costal.
Esta zona á que se fai referencia era o inicio do camiño que ía de Cangas a Balea polo que se foron estendendo as fábricas de salga e conservas, dando lugar á chamada rua do Fomento.
*Mestre e investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- Viajar a Cíes es misión imposible y Ons solo registra un lleno este verano
- Nuevas y glotonas «vecinas» en el puerto deportivo de Cangas
- Las Festas do Cristo se reducen a ocho días para dar paso a las de Darbo
- Un incendio en el puerto de Vilariño afecta a una lancha de recreo y a aparejos de pesca
- Una armada para escoltar a la patrona del mar
- Piden 9 años de cárcel y 900.000 euros para un vecino de Bueu por vender cocaína y heroína
- Evacuan a un bañista encontrado flotando boca abajo en la costa de Cangas
- El irresistible atractivo de Menduiña y la Ría de Aldán