CRÍTICA
Escoitar as montañas
Un debate discursivo sobre os ataques á natureza con fermosas imaxes poéticas

Escoitar as montañas
Ana Abad de Larriva
As cordilleiras teñen unha forza que atrapa na súa maxestade, pero esa beleza que a natureza pode tardar varios millóns de anos en crear, ás veces é destruída ou alterada polo ser humano nun período moi curto de tempo. «A beleza faranos libres», a nova peza de Anómico Teatro, en coprodución coa MITCFC, e que se estreou o pasado xoves dentro da programación da Mostra, aborda e denuncia os atentados da nosa especie contra a natureza ao tempo que lle fai a esta última unha fonda declaración de amor.
O forte compromiso con diferentes causas medioambientais e sociais de Julio Fernández, dramaturgo e director da montaxe, plásmase habitualmente nas súas creacións. Moitas das cuestións que aparecen nesta obra estaban xa presentes noutros traballos escénicos seus recentes, como «Heredarás el cosmos» ou «Nohorizontes», aínda que neles a voz tan persoal de Julio aparecía en escena encarnada por el mesmo, dende unha abordaxe performativa, non só na súa propia presenza, senón tamén nas accións físicas e plásticas, e nelas poesía e discurso fiábanse dun xeito compasado, áxil e preciso.
No caso da peza «A beleza faranos libres» Julio opta pola ficción e a xeración dun contexto máis dramático para abordar eses temas, sen perder o seu selo poético e a multidiciplinariedade, a través da introdución de vídeos. Porén, desta vez el só participa como actor cun misterioso e curioso personaxe que aparece na obra dun xeito puntual. Os dous personaxes principais son unha muller e un ciclista encarnados por Déborah Vukušić e Xosé Manuel Esperante. Este último é un profesor de Xeografía e Historia que chega a unha aldea practicamente despoboada onde se atopa cunha muller maior. Canda eles, na escena, un señor centenario morto toma o sol. A muller, na caracterización e interpretación de Vukušić, máis que remitir a unha muller maior, ten certos toques sobrenaturais ou místicos que poderían lembrar unha especie de bruxa ou fada. O home tamén está envolto en certo misterio. Ela dille que nos montes da comarca está previsto que instalen un parque eólico, e iso orixina unha conversa entre os dous que axiña se transforma nunha sorte de debate dialéctico cunha forte compoñente discursiva no que abordan o cambio climático, as prácticas destrutivas contra a natureza, o impacto das “enerxías limpas” nas paisaxes e nos hábitats, o éxodo rural, as fronteiras..., e que xera un contraste cos parlamentos máis poéticos da muller, ou con aqueles máis dramáticos, mais que non rematan de artellar.
Estamos pois ante unha peza de carácter postespectacular, de ritmo lento (que conecta coa vontade de levarnos a un lugar e a un tempo que decorren con outra cadencia e que están a esmorecer), sen saídas e entradas dos personaxes principais, nunha escena que se desenvolve de xeito case continuo e que se cimenta nesa conversa que vai abalando entre o debate e os parlamentos máis poéticos. Ao non haber grande acción dramática ou accións físicas, plásticas ou performativas na propia escena (alén dos vídeos proxectados) que xeren outras texturas; os parlamentos dilúense, ao acumulárense os uns sobre os outros. Porén, a pesar diso, quedan na mente os temas abordados, de grande relevancia, a beleza dos fragmentos máis poéticos e as fermosas imaxes dos vídeos audiovisuais, porque, como di a peza, é a beleza a que nos fará máis libres.
- Incredulidad en Lapamán: hace un asado en la playa y pone en jaque la bandera azul
- Herido grave un ciclista tras ser arrollado por un coche en el centro de Cangas
- La jueza archiva las actuaciones contra el concejal de Cangas Eugenio González, denunciado por tramitación de un vado
- Un pesquero de Cangas embarranca en Melide y sus tripulantes salen ilesos
- Moaña lanza una OPE con 28 puestos y amplía plantilla por primera vez desde 2012
- El Sergas alega que el PAC moañés es más eficaz en Cangas y reconoce que su cierre no fue provisional
- Cuatro noches de música en unas Festas do Carme con los fuegos aún en el aire
- ¡Felices 97, Josefa!