Furatoxo enche O Hío de actos festivos pola Festa da Queimada

A celebración será mañán, cunha xornada con rutas guiadas, cantos de taberna, música tradicional e verbena para todos os públicos

A elaboración da queimada do ano pasado no Hío.

A elaboración da queimada do ano pasado no Hío. / Furatoxo

Cangas

A Asociación Cultural O Furatoxo voltará a encher a o entorno do adro do Hío de festa popular e participativa, cun evento que quere dar continuidade ás festas do Cristo da Luz, que celebraban ata hai uns anos. Así, o sábado haberá cantos de taberna, música tradicional, conxuntos para bailar e o prato forte dunha nova edición da Festa da Queimada. Unha aposta por unhas celebracións «populares e comunitarias» diante do modelo de macrofestivais e macroorquestras que tanto se levan hoxe en día.

A xornada comezará na mañán do sábado cun paseo guiado da man de Patricia Novas, arqueóloga, intérprete de patrimonio e guía oficial de Galicia. Un percorrido que sairá ás 10.00 horas desde o adro para logo continuar descubrindo a través das pedras e da auga a casa reitoral, a fonte de Geu, o antigo concello do Hío e o pazo do Outeiro.

A visita guiada está previsto que remate ao redor das 12.00 h na Fonte da Vosa. Será entón o momento para a Asociación Cultural Peis d’Hos e os seus cantos de taberna, cos que percorrerán os bares do Igrexario.

A queimada, que será elaborada pola veciñanza da parroquia do Hío, está previsto que empece a arder ás 22.30 horas e estará amenizada polo grupo de pandereteiras da parroquia Lina e Lola. Nove mozas que representan o talento local e que cos numerosos premios acadados nos últimos anos convertíronse nunha das voces más recoñecidas da música tradicional. O conxunto vén de colaborar con Mondra, Ailá, Alana e preparan un espectáculo inédito e de proximidade.

A verbena comezará xa a partir das 20.30 horas para ir quecendo antes da queimada con París de Toya. Un ano máis a Asociación O Furatoxo aposta por unha verbena na que haberá conxuntos e música para todos os gustos. Un dos principais reclamos é a Louband, que chega desde Sarria, cun repertorio de cancións de «hoxe, mañá e sempre de Galicia e alén». A festa tamén terá o seu momento Pacha-Jam, que é un proxecto que xa vai polo seu terceiro ano. Basicamente consiste nunha serie de conxuntos únicos e que se forman exclusivamente para esta festa, integrados por músicos profesionais e afecionados da comarca. Haberá música de pachanga e de grupos como Heredeiros da Crus, Os Diplomáticos de Montealto, Los Suaves ou Ska-P.

O cartel da festa contará con Manle, un grupo de rock rural de Liméns onde se mestura xuventude, experiencia e vontade para presentar unhas cancións con letras propias e sabedoría popular. Esta verbena do máis diversa terá o seu peche con La Yaya Dj, con temas festeiros e de sempre.

Desde O Furatoxo suliñan que esta festa é posible grazas á colaboración dos establecementos que colaboran economicamente, ao Concello de Cangas e ao programa Culturea da Deputación.

Tracking Pixel Contents